Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 08 de febreiro de 1995 Páx. 1.108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 38/1995, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Sober.

0 Concello de Sober considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

O expediente instruiuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais e máis no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A competencia exclusiva correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Sober, que quedará organizado do seguinte xeito: de azur, unha cepa ou rama de vide de ouro, froitada do mesmo; bordura de prata con trece roeis de azur. Ó timbre, coroa real cerrada.

Santiago de Compostela, vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais