Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 08 de febreiro de 1995 Páx. 1.096

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 21 de xaneiro de 1995 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento e réxime interior do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Dada a importancia que as peregrinacións lle foron dando ó camiño de Santiago a nivel internacional, creouse polo Decreto 169/1994, do 2 de xuño, o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, como órgano de colaboración da Consellería de Cultura en materias de investigación e promoción da ruta xacobea.

Para proceder ó desenvolvemento do seu funcionamento interno, e en cumprimento do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 169/1994, do 2 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-lo Regulamento de funcionamento e réxime interior do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago que figura como anexo á presente orde, o cal recibiu o informe favorable do propio comité na súa reunión do 20 de xaneiro de 1995 celebrada en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO

Regulamento de funcionamento e réxime interior

do Comité Internacional de Expertos do

Camiño de Santiago

Artigo 1º

O presente regulamento establece as normas de funcionamento interno do Comité Internacional de Expertos, creado polo Decreto 169/1994, do 2 de xuño.

Artigo 2º

1º.-O domicilio do comité fíxase para tódolos efectos na Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura.

2º.-A representación oficial do comité soamente poderá ser exercida polo presidente. No caso de vacantes, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente do comité, que será elixido por maioria simple dos seus membros.

3º.-As funcións inherentes á condición de vocal do comité son indelegables.

Artigo 3º

Correspóndelle ó presidente:

a) Acorda-la convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixa-la orde do día.

b) Presidi-las sesións e modera-los debates.

c) Dirimi-los empates co seu voto de calidade.

d) Exercer tódalas funcións inherentes á condición de presidente do comité.

Artigo 4º

Correspóndelles ós vocais do comité:

a) Recibi-la convocatoria da reunión acompañada da orde do día podendo introducir propostas de temas para a súa inclusión nela, se ben a documentación deberá estar en poder da secretaría do comité cinco días antes de cada sesión.

b) Participar nos debates das sesións exercendo o seu dereito ó voto e expresando o sentido deste de modo xustificado.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Obte-la información necesaria para o desenvolvemento da súa función.

e) Exerce-las demais funcións que sexan inherentes á súa condición.

Artigo 5º

Ó secretario correspóndelle:

a) Asistir ás reunións con voz, pero sen voto.

b) Efectua-la convocatoria das sesións por orde do presidente e cita-los membros.

c) Recibi-los actos de comunicación, notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que teña coñecemento.

d) Redacta-las actas das sesión e despacho de asuntos.

e) Expedir certificacións das consultas ou dos acordos.

f) As demais funcións que lle sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 6º

Para a válida constitución do comité para efectos de celebración das sesións en primeira convocatoria, requirirase a presencia da metade dos seus membros e do presidente e secretario ou persoas que os substitúan, en todo caso.

De non poderen reunirse en primeira convocatoria, por seren insuficientes os membros asistentes, quedará convocada automaticamente para unha hora máis tarde, no mesmo lugar coa mesma orde do día, bastando a asistencia de un tercio dos seus membros e, en todo caso, o presidente e o secretario ou persoas que os substitúan.

Artigo 7º

1º.-As sesións do comité celebraranse na cidade de Santiago de Compostela, se ben con carácter excepcional poderán celebrarse noutras cidades da Unión Europea.

2º.-Celebrarase unha sesión ordinaria cada trimestre, e en cada unha delas fixarase a data da seguinte. As sesións extraordinarias convocaranse por orde do presidente en casos de urxencia ou necesidade.

Artigo 8º

As convocatorias das reunións efectuaranse sempre por escrito e cunha antelación de 15 días naturais para as sesións ordinarias e de 5 días para as sesións extraordinarias. As convocatorias especificarán o día, hora e lugar de celebración da reunión así como a orde do día, e irán acompañadas da documentación necesaria para o seu estudio polos membros do comité.

Artigo 9º

Non poderá ser obxecto de debate ningún tema que non figure na orde do día, agás que por razóns de urxencia e estando presentes tódolos membros do comité, emitan o seu voto favorable por maioría.

Artigo 10º

Os acordos serán adoptados por maioría simple.

Artigo 11º

De cada sesión que se celebre levantará acta o secretario, especificando os asistentes á reunión, a orde do día, circunstancias de lugar e tempo nos que se celebraron, puntos principais da deliberación e contido dos acordos.

Tamén figurarán as solicitudes dos membros do comité, os votos contrarios, as abstencións e os votos favorables.

Os membros que discrepen do acordo adoptado poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ó texto aprobado.

Artigo 12º

A acta levantada polo secretario será sometida para a súa aprobación na mesma ou na seguinte reunión do comité.

Artigo 13º

Os que acrediten a titularidade dun interese lexítimo poderán dirixirse ó secretario para que lle sexa expedida certificación dos seus acordos.

Artigo 14º

Co fin de axiliza-lo traballo do comité e para aproveitar ó máximo o principio de especialidade, estableceranse unhas comisións de traballo compostas polo menos por tres membros. Poderán incorporarse a elas outros especialistas que, sen seren membros do comité, pola súa calidade profesional se consideren necesarios para a consecución dos obxectivos das comisións. Estes especialistas terán o carácter de «invitados á comisión».

Artigo 15º

As comisións de traballo que se crearán son as seguintes:

a) Comisión de exposicións.

b) Comisión de publicacións.

c) Comisión de peregrinaxe actual e camiños.

d) Comisión de audiovisuais.

O comité, sempre por unanimidade e en razón das súas necesidades, poderá crear calquera outra.

Artigo 16º

Créase unha comisión executiva para atender á tramitación de asuntos en casos de urxencia ou, necesidade que estará composta polo presidente, o secretario e dous vocais sinalados polo comité.