Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 08 de febreiro de 1995 Páx. 1.096

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 35/1995, do 27 de xaneiro, polo que se regula a débeda de tesourería a que se refire o artigo 24 da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 1995.

O artigo 31 da Lei 11/1992, do 7 de outubro (DOG núm. 200, do 14 de outubro), de réxime financeiro e presupostario de Galicia, establece que no endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano. Na lei de orzamentos de cada ano autorízase o límite máximo destas operacións para cada exercicio.

O artigo 24 da Lei 6/1994, do 29 de decembro (DOG núm. 251, do 30 de decembro), de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, establece que durante o exercicio de 1995 o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá emitir débeda de tesourería ata un importe máximo do 10% da consignación que figura no estado de ingresos por porcentaxe na participación nos ingresos do Estado.

O importe da participación nos ingresos do Estado para o exercicio 1995 ascende a 246.895.408.000 pesetas segundo se establece na devandita Lei de presupostos para 1995. Polo tanto, o importe que se concertará ou emitirá non poderá superar, en ningún momento, a cifra de 24.689.540.800 pesetas, equivalente ó 10% da primeira cifra.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda a concertar operacións de crédito ou emitir débeda pública, en calquera das súas modalidades, por un prazo de reembolso inferior a un ano, para atender necesidades transitorias de tesourería.

Artigo 2º

O importe que se concertará ou emitirá non poderá superar en ningún momento, como límite acumulativo máximo para as operacións en vigor, a cifra de 24.689.540.800 pesetas, equivalente ó 10% do importe da participación nos ingresos do Estado, orzada para o exercicio de 1995 en 246.895.408.000 pesetas. As súas condicións (modalidade, tipo de xuro, amortizacións e outros) non serán superiores ás normais de mercado.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda daralle conta ó Consello da Xunta de Galicia das operacións de crédito concertadas de acordo co presente decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda