Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 03 de febreiro de 1995 Páx. 1.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 1995 pola que se convoca un curso superior de ingresos das facendas locais.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 1995, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso superior de ingresos das facendas locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar ós asistentes unha formación ampla e completa do noso sistema tributario local, examinando en profundidade tódolos recursos dos que se nutren as facendas locais.

2. Destinatarios.

Preferentemente interventores-tesoureiros e secretarios-interventores así como técnicos de administración xeral dos grupos A/B destinados en unidades económicas das entidades locais. Tamén poderá participar o persoal dependente da Xunta de Galicia ou de calquera outra Administración pública. De existiren prazas vacantes, poderán adscribirse profesionais libres con título superior ou de grao medio.

3. Solicitudes.

Aqueles que aspiren a participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial que figura ó final da convocatoria cuberta en tódolos epígrafes xuntando, en todo caso, resgardo acreditativo de ter ingresado o primeiro prazo dos dereitos de inscrición e xuntando a documentación que a continuación se especifica:

a) Se o peticionario é funcionario:

-Certificado de atoparse en situación de servicio activo ou de servicios especiais na Administración local ou autonómica ou en calquera outra Administración pública.

-Certificado expedido polo responsable dos servicios de persoal do que dependa o solicitante, no que se faga constar expresamente que o interesado é funcionario de carreira do grupo A ou B.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada de estar en posesión do título de licenciado ou de diplomado.

-Expediente académico detallado, coas cualificacións obtidas en cada materia, ou «curriculum vitae».

b) Se o peticionario é persoal laboral:

-Certificado de pertencer á Administración local ou autonómica ou a calquera outra Administración pública.

-Certificado expedido polo responsable dos servicios de persoal do que dependa o solicitante, no que se faga constar expresamente que o interesado é persoal laboral do grupo I ou II.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada de estar en posesión do título de licenciado ou diplomado.

-Expediente académico detallado, coas cualificacións obtidas en cada materia, ou «curriculum vitae».

c) Para os restantes peticionarios.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada de estar en posesión do título de licenciado ou diplomado.

-Expediente académico detallado, coas cualificacións obtidas en cada materia, ou «curriculum vitae».

4. Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Dereitos de inscrición.

Os dereitos de inscrición fíxanse en 328.000 pesetas; segundo a resolución da EGAP do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3-8-1994) establécense as seguintes bonificacións:

-O 50% para todos aqueles solicitantes que pertenzan ás administracións local e autonómica de Galicia e realicen no desempeño do seu posto de traballo tarefas que teñan relación coa materia ou materias obxecto do curso. Esta circunstancia acreditarase, para o persoal ó servicio da Administración autonómica, mediante certificación do secretario xeral da consellería ou do secretario da delegación provincial na que preste servicio o solicitante. Para o persoal ó servicio da Administración local, a acreditación será do secretario xeral da corporación.

-O 25% para o resto dos solicitantes que pertenzan ás administracións autonómica ou local de Galicia.

Os dereitos de inscrición poderanse facer efectivos de unha soa vez ou en catro prazos de 82.000 ptas., e que se satisfarán da seguinte forma:

1º.-O primeiro prazo deberá ingresarse no momento de presenta-la solicitude de inscrición.

2º.-O segundo farase efectivo antes do día 12 de maio de 1995.

3º.-O terceiro aboarase antes do día 11 de setembro de 1995.

4º.-O cuarto satisfarase antes do día 14 de novembro de 1995.

O aboamento efectuarase mediante cheque nominativo ou transferencia á conta corrente da EGAP da Caixa Galicia na oficina de organismos de Santiago de Compostela, conta restrinxida número 2091-03883110000520.

Os dereitos de inscrición, unha vez ingresados, unicamente se lles reintegrarán ós interesados se estas, cunha antelación mínima de oito días con respecto á data de inicio do curso, manifestan por escrito a súa renuncia a participar nel. No escrito indicaranse os datos bancarios para a devolución do importe ingresado.

6. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 17 de febreiro de 1995.

7. Número de prazas.

25-30.

8. Selección.

As solicitudes que reúnan os requisitos das bases 3 e 5 serán seleccionadas por esta orde:

1. Que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o solicitante no desempeño do seu posto de traballo e a materia obxecto do curso.

2. Ter realizado un menor número de cursos relacionados con contidos temáticos do curso que se solicita durante os últimos cinco anos.

3. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública (excepto os cursos de galego).

4. A antigüidade, e como tal entenderase a data de ingreso na Administración pública.

A admisión ou non admisión ó curso se lles comunicará directamente ós interesados a partir do día 27 de febreiro.

9. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de cancela-lo curso se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Duración.

208 horas lectivas.

11. Lugar e datas de impartición.

Impartirase na sede da EGAP, r/ Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, tódolos martes e mércores laborables comprendidos entre o 14 de marzo e o 29 de novembro, interrompéndose entre o 28 de xuño e o 12 de setembro.

12. Horario.

Tardes, de 16.30 a 20.30 horas.

13. Profesorado.

O cadro de profesores estará integrado por catedráticos e profesores universitarios de recoñecido prestixio no sector económico local, así como por funcionarios pertencentes ós corpos de inspectores de finanzas do Estado e de interventores-tesoureiros de administración local con habilitación nacional.

14. Certificado.

Para obte-lo correspondente certificado de aptitude os alumnos deberán realiza-los casos prácticos entregados polos profesores do curso, e ó final deste deberán presentar un traballo sobre calquera das materias obxecto do presente curso que será avaliado polos profesores, sendo ademais obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Toda inasistencia

deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen exceder en ningún caso o 20% das horas lectivas programadas.

A expedición do correspondente certificado queda suxeita, ademais dos requisitos de orde académica, ó pagamento completo dos dereitos de inscrición.

15. Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP, do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8-4-1994 e correcicón de erros BOE nº 311, do 29-12-1994, pola que se establecen os criteiros de recoñecemento e valoración dos cursos de administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outórgaselle unha puntuación de 1,80 puntos.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

-A potestade tributaria local.

-A imposición e ordenación dos tributos locais.

-A delegación e a colaboración na xestión dos tributos locais.

-O procedemento de xestión tributaria local (I): a liquidación.

-O procedemento de xestión tributaria local (I): a comprobación e recadación.

-A revisión dos actos na vía administrativa e a súa impugnación na vía contencioso-administrativa. A devolución de ingresos indebidos.

-Os ingresos de dereito privado. As subvencións, a prestación persoal e de transporte e outros ingresos das facendas locais.

-O crédito local.

-As taxas e prezos públicos.

-As contribucións especiais.

-Os impostos municipais de esixencia obrigatoria.

* Imposto sobre bens inmobles.

* Imposto sobre actividades económicas.

* Imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

-Os tributos municipais en actuacións urbanísticas.

-O imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.

-A participación nos tributos do Estado e das comunidades autónomas.

-Os ingresos das deputacións provinciais e doutras entidades locais.

-O sistema tributario municipal e os réximes especiais.

-Apéndice A: as facendas locais na fiscalidade comunitaria.

-Apéndice B: as entidades locais como obrigados tributarios.