Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 03 de febreiro de 1995 Páx. 1.024

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 34/1995, do 20 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Valadouro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do anexo ó proxecto de rede de sumidoiros ós barrios de Tras dos Ríos e A Portela (A Laxe) e rede de sumidoiros e abastecemento de auga desde o cruzamento do Vilarao (Santa Cruz do Valadouro) ata a rúa Rosalía de Castro (Ferreira).

O Concello de Valadouro (Lugo), en sesión celebrada o día 17 de marzo de 1994, aprobou o anexo ó proxecto de rede de sumidoiros ós barrios de Tras dos Ríos e A Portela (A Laxe) e rede de sumidoiros e abastecemento de auga desde o cruzamento do Vilarao (Santa Cruz do Valadouro) ata a rúa Rosalía de Castro (Ferreira) e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de decembro de 1994, baixo o número 13.175.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de outubro de 1994 baixo o número 10.113.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado por:

1º.-Salubridade pública: a demora no remate das obras pode orixinar problemas graves de salubridade pública polo vertido de augas residuais que se está a facer ó río Ferreira por discrepancias entre o Concello do Valadouro e os propietarios dos bens afectados á altura mesma do río. A situación que se está a producir é francamente grave para a saúde pública como o proban os informes emitidos polo xefe local de Sanidade e o técnico municipal de Obras.

2º.-Esgotamento de prazos para percibi-las subvencións de capital comprometido por outras entidades públicas: a demora no remate das obras pode ocasiona-la perda de subvencións de capital comprometidas por outras entidades públicas que participan financeiramente na execución do proxecto, a saber: Ministerio para as Administracións Públicas, Deputación Provincial de Lugo, Comunidade Autónoma de Galicia, Unión Europea e Concello do Valadouro.

Ademais das razóns aludidas anteriormente, o feito de se tratar dun servicio mínimo obrigatorio, o cal beneficiaría especialmente ás dúas parroquias máis poboadas deste concello e deficitarias neste tipo de servicios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do anexo ó proxecto de rede de sumidoiros ós barrios de Tras dos Ríos e A Portela (A Laxe) e rede de sumidoiros e abastecemento de auga desde o cruzamento do Vilarao (Santa Cruz do Valadouro) ata a rúa Rosalía de Castro (Ferreira).

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais