Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 1995 Páx. 687

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 1995 pola que se convocan cursos para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia.

A Lei 4/1991, do 8 de marzo, de reforma da Lei 4/1988, do 26 de marzo, da función pública de Galicia, crea no artigo 27.2º (último parágrafo), o diploma de directivo como requisito necesario para o desempeño de determinados postos de traballo.

Polo Decreto 294/1993, do 10 de setembro (DOG nº 208, do 26-10-1992), modificado polo Decreto 1/1995, do 12 de xaneiro (DOG nº 9, do 13-12-1995), regulouse o diploma de directivo da Xunta de Galicia.

En execución do previsto nesta normativa convócanse cinco cursos para a obtención do diploma de directivo que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

1ª.-Solicitantes.

Poderán solicitar este curso os funcionarios que reúnan as condicións e requisitos esixidos nos artigos 2º e 4º (último parágrafo), do decreto antes mencionado.

2ª.-Criterios de selección dos participantes.

A selección dos participantes farase por unha comisión, aplicando un baremo que se complementará coa realización dunha entrevista.

No baremo valoraranse, con 5 puntos como máximo, os seguintes méritos adquiridos ata a data de publicación no DOG desta resolución:

a) Experiencia en posto directivo nas administracións públicas. Por director xeral: 1 punto por ano

completo; de subdirector xeral: 0,5 puntos por ano completo; de xefe de servicio: 0,25 puntos por ano completo. A puntuación máxima non superará os 2,5 puntos. Esta experiencia deberá ser certificada, segundo modelo oficial, polo responsable dos servicios de persoal de que dependa o solicitante. As datas de referencia, para efecto do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma e cesamento de posesión.

b) Experiencia en posto directivo en empresas privadas. Como responsable máximo: 1 punto por ano completo; como responsable sectorial; 0,5 puntos por ano completo. A acreditación farase presentando copia compulsada do contrato ou documento público adecuado. A puntuación máxima será de 1,25 puntos.

c) Cursos específicos para directivos. Por cursos de menos de 50 horas: 0,07 puntos; por cursos de 51 a 100 horas; 0,08 puntos; por cursos de 101 a 150 horas; 0,09 puntos; por cursos de máis de 150 horas: 0,10 puntos. A puntuación máxima será de 0,60 puntos.

d) Título de doutor. Pola posesión do título de doutor: 0,10 puntos. A puntuación máxima será de 0,10 puntos.

e) Publicación de monografías ou artigos sobre temas de xestión pública. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo: 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,35 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

f) Coñecementos de idiomas.

-Galego: Título de licenciado en filolexía galega: 0,10. Certificado de aptitude de perfeccionamento ou superior: 0,07 puntos; certificado de aptitude de iniciación: 0,03 puntos. A puntuación máxima será de 0,10 puntos. Se se valora o certificado de perfeccionamento non se valora o de iniciación.

-Idiomas comunitarios: Título de licenciado no idioma respectivo: 0,10 puntos; certificado de aptitude de nivel medio: 0,07 puntos; certificado de aptitude de iniciación: 0,03 puntos. A puntuación máxima será de 0,10 puntos. Se se valora o nivel medio non se valora o nivel de iniciación.

Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión determinará a puntuación mínima que debe obterse para ser convocado á realización da entrevista.

A entrevista valorará as condicións intelectuais, calidades humanas e profesionais e a capacidade de liderato e motivación. A entrevista valorarase ata un máximo de 5 puntos.

A relación de participantes coas puntuacións obtidas no baremo e na entrevista publicarase no taboleiro de anuncios da EGAP, sen prexuízo de llelo comunicar directamente ós seleccionados para que poidan obte-lo permiso de asistencia.

3ª.-Cobertura de prazas vacantes.

Se unha persoa seleccionada para un curso causa baixa antes do comezo desta ou no transcurso das 20 primeiras horas lectivas, deberá comunicarllo á

EGAP para a súa substitución pola que corresponda segundo a orde de preferencia no proceso selectivo. Se durante o desenvolvemento do curso algún alumno vai destinado a outra Administración pública, poderá optar por continuar no curso aboando nese momento o custo total da súa praza ou causar baixa inmediatamente renunciando así á posible obtención do diploma de directivo.

4ª.-Características dos cursos.

-Duración: 150 horas.

-Lugar: EGAP. Polígono das Fontiñas, s/n, Santiago de Compostela.

-Datas:

IV curso: de marzo a maio de 1995.

V curso: de abril a xuño de 1995.

VI curso: de maio a outubro de 1995.

VII curso: de setembro a novembro de 1995.

VIII curso: de outubro a decembro de 1995.

-Horarios: xeralmente xoves e venres, en sesións de mañá e tarde.

-Prazas: 30 por curso.

-Contido básico:

Estará constituído polo desenvolvemento teórico-práctico das seguintes materias básicas. A función directiva na Administración pública.-Seminario de habilidades directivas.-A xestión de recursos humanos na Administración pública.-A xestión económica na Administración pública.-Organización e procedemento administrativo.-Dirección por obxectivos e control de xestión.-Xestión de cambio e modernización administrativa.

As clases se completarán con conferencias a cargo de especialistas cualificados.

5ª.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades dos cursos. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo director ou responsable do curso. A falta de asistencia inxustificada a 20 ou máis horas lectivas por curso determinará a cualificación de «non apto». A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, a máis do 20% das horas lectivas, determinará tamén a cualificación de «non apto» no curso.

6ª.-Probas e certificados de aptitude

Valorarase a participación e dedicación dos alumnos, ó longo do curso e o traballo final. A EGAP fixará as probas parciais e finais que coide pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos ó longo do curso e a memoria ou traballo de prácticas. A suma das cualificacións obtidas ó longo e final do curso (10 puntos) e a valoración da memoria ou traballo práctico (10 puntos) constituirán a puntuación final, que servirá para eleva-la proposta de aptitude para a obtención do diploma de directivo. A puntuación final será de 0 a 20 puntos, sendo necesario un mínimo de 10 puntos para

ser considerado «apto». Poderá constituírse un comité de avaliación formado por un equipo de profesores presidido polo director do curso.

Os declarados «non apto» perderán a preferencia que lles poida corresponder nos procesos selectivos que se realicen nos próximos tres anos fronte ós aspirantes que se presenten por primeira vez.

7ª.-Expedición do diploma de directivo.

Finalizado o curso, o director desta elevaralle a proposta dos aptos ó director da EGAP, que dictará a resolución definitiva e expedirá o diploma de directivo.

8ª.-Modifcacións.

A EGAP podará modifica-los contidos, duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento de cada curso.

9ª.-Instancias e prazo de presentación.

As instancias presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I a esta convocatoria. Xunto coa instancia, os solicitantes deberán presentar unha

breve memoria escrita a máquina ou ordenador, a dobre espacio, en DIN A4 sobre as funcións e roles dos directivos na Administración pública. Presentarán tamén coa instancia o anexo II no que se resumen tódolos méritos e, ademais, tódolos documentos (orixinais ou copias compulsadas) que acreditan suficientemente a súa validez, excepto os que certifican os responsables de persoal. A EGAP podará reclama-la documentación complementaria ou aclaratoria da xa presentada no momento de solicita-lo curso.

A falsidade ou ocultación de datos é motivo de exclusión automática.

As instancias presentaranse na EGAP ou enviaranse por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

O prazo de presentación de instancias será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diano Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública