Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 1995 Páx. 685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xaneiro de 1995 pola que se dictan instruccións coas condicións de cobertura de distintos postos de traballo por funcionarios do corpo de mestres.

A provisión de distintos postos de traballo por funcionarios do corpo de mestres en réxime de comisión de servicios que teñen continuidade dadas as características dos postos que ocupan, vén provocando, cando a súa cobertura se prolonga no tempo, diversas disfuncións, dado que, por unha banda impiden a cobertura con carácter definitivo da praza que se mantén en reserva e, por outra, provocan unha excesiva mobilidade nos equipos docentes dos centros afectados. Tal situación aconsella adopta-las medidas correctoras oportunas, establecendo unhas condicións semellantes ás que na actualidade se aplican a outras situacións análogas, como pode se-la provisión de prazas en centros no estranxeiro que implica a perda do posto de traballo de orixe e dereito preferente á localidade ou zona na que está situado aquel.

En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

1º-A adscrición do profesorado a centros de recursos, sede central do CEGEBAD, centros de Radio ECCA, programas PANTEG e DELFOS e postos de atención ou apoio á poboación marxinada farase por períodos de seis anos, renovables por períodos iguais, logo de avaliación a través do informe do Servicio de Inspección e da presentación dunha memoria do traballo desenvolvido e proxecto que vaia desenvolver no novo período de seis anos. As memorias poderán ser individuais ou colectivas segundo se estableza en cada caso.

A devandita adscrición implica a perda do posto de traballo de procedencia e o recoñecemento do dereito preferente á localidade ou zona daquel. Ós profesores que na actualidade están adscritos a postos dos citados desde hai 2 ou máis anos daráselle-la posibilidade de optar pola súa permanencia neles ou a volver ó seu centro de procedencia. Neste último caso o retorno produciríase con efectos do 1 de setembro de 1995.

De optar pola permanencia no posto que ocupan en comisión de servicios a adscrición por seis anos a el produciríase con efectos administrativos do 1 de setembro de 1994.

2º-En relación co profesorado dos centros de réxime de administración especial, así como ó adscrito ó programa de Preescolar na Casa, aplicarare o disposto no punto cuarto da Orde do 18 de abril de 1988 (DOG do 13 de maio), requiríndose previamente á súa celebración definitiva que conten cun mínimo de 14 anos de servicios como funcionarios de carreira e informe avaliador da Xunta de Promoción Educativa ou da dirección do devandito programa.

Ós que están destinados nos centros citados en comisión de servicios desde hai dous ou máis anos, daráselle-la posibilidade de optar pola súa permanencia no centro actual ou de volver ó seu centro de procedencia. Neste último caso o retorno produciríase con efectos do 1 de setembro de 1995.

Exceptuarase do preceptuado neste punto os profesores adscritos a Radio ECCA.

3º-Igualmente serán adscritos ós postos de apoio en servicios administrativos que ocupan en réxime de comisión de servicios na Administración pública, con perda do posto de traballo de orixe, e dereito preferente á localidade ou zona daquel, os profesores que leven dous ou máis anos en tal situación e opten por permanecer na mesma. En caso contrario o retorno ó posto de traballo de procedencia produciríase con efectos do 1 de setembro de 1995.

4º-Para efectos do recoñecemento do dereito preferente á localidade ou zona e tendo en conta que a publicación da presente orde é posterior ó peche do prazo de solicitudes para o concurso de traslados de funcionarios do corpo de mestres, o profesorado afectado polas medidas establecidas na presente orde poderá participar nas condicións actuais, no próximo concurso que se convoque, consolidando, de obter destino, o dereito preferente na localidade ou zona do seu novo destino.

5º-Para os únicos efectos de obtención de nova localidade de referencia para o exercicio futuro do dereito preferente, os funcionarios do corpo de mestres que opten por permanecer en calquera das situacións previstas nos puntos 1º, 2º e 3º da presente orde e, en xeral, os que estean adscritos a postos que non supoñan reserva do seu posto de procedencia, poderán participar, sen consumir praza, nos concursos de traslados de ámbito autonómico que se convoquen para os funcionarios do corpo de mestres, de xeito que a praza que lles corresponda no concurso será adxudicada no mesmo proceso ó profesor solicitante que os siga inmediatamente en puntuación.

6º-Admitirase a reserva do posto de traballo de orixe nos supostos de comisións de servicios de temporalidade non superior a dous anos, asesores e directores dos centros de Formación Continuada do Profesorado, adscrición a postos de libre designación e comisións de servicios de carácter humanitario.

Disposición derradeira

Autorízanse as direccións xerais de Persoal e Ordenación Educativa e Centros para dictar cantas normas sexa preciso para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria