Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 1995 Páx. 676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de xaneiro de 1995 pola que se dictan instruccións sobre a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica para o ano 1995 e se revisan as súas retribucións.

A Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, fixa a contía das retribucións para o dito exer

cicio correspondentes ós funcionarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Coa finalidade de facilita-la confección das nóminas que se elaborarán para aboa-las mencionadas retribucións, esta consellería considera oportuno dicta-las seguintes instruccións en relación coas nóminas para o ano 1995, que se limitan a aplica-lo disposto na dita disposición e nas precedentes polo que respecta ás súas normas de vixencia indefinida, así como nas demais normas reguladoras do réxime retributivo do persoal ó servicio da Administración autonómica.

Por todo isto, esta consellería dispón.

Primeiro.-Instruccións sobre a contía das retribucións dos funcionarios públicos que desempeñen postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 4/1988.

1.-Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 1995, os funcionarios públicos que desempeñen postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 4/1988 percibirán as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías que se detallan nos anexos I e II da presente orde.

2.-Polo que respecta ós complementos específicos, a súa contía experimentará un aumento do 3,5% respecto da aprobada para o exercicio de 1994, sen prexuízo, se é o caso, do previsto no artigo 8.a) da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995.

En consecuencia, a contía dos citados complementos será a que figura na táboa que se detalla no anexo III da presente orde.

3.-A contía das retribucións do persoal docente non universitario establecidas por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de xaneiro de 1992, son as que se reflicten no anexo IV desta orde.

4.-Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10.1 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, serán absorbidos por calquera mellora retributiva incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo.

Para os efectos da absorción prevista no parágrafo anterior, en ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de productividade nin as gratificacións por servicios extraordinarios.

Segundo.-Devengo de retribucións.

1.-A diferencia, en cómputo mensual, entre a xornada regulamentaria de traballo e a efectivamente realizada polo funcionario dará lugar, salvo xustificación, á correspondente deducción proporcional de haberes.

Para o cálculo do valor hora aplicable á dita deducción tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o funcionario dividida por trinta e, á súa vez, este resultado polo número de horas que o funcionario teña obriga de cumprir, de media, cada día.

2.-Cando, con suxeición á normativa vixente, o funcionario realice unha xornada inferior á normal, a contía das súas retribucións determinarase na forma prevista nas normas dictadas para a aplicación do réxime retributivo a que estea suxeito.

Os funcionarios que realicen unha xornada de traballo diminuída en 1/3 ou en 1/2, de acordo co disposto no artigo 70º da Lei 4/1988, do 26 de maio, experimentarán unha reducción de 1/3 ou 1/2, respectivamente, sobre a totalidade das súas retribucións básicas e complementarias, con inclusión dos trienios.

3.-As retribucións básicas e complementarias que se teña dereito a percibir con carácter fixo e periodicidade mensual faranse efectivas por mensualidades completas e con referencia á situación e dereitos do funcionario referidos ó primeiro día hábil do mes a que correspondan, agás nos seguintes casos, en que se liquidarán por días efectivamente traballados:

a) No mes de toma de posesión do primeiro destino na Comunidade Autónoma nun corpo ou escala, no de reingreso ó servicio activo e no de incorporación por conclusión de licencias sen dereito a retribución.

b) No mes de iniciación de licencias sen dereito a retribución.

c) No mes en que se cese no servicio activo na Comunidade Autónoma, agás que sexa por motivos de falecemento, xubilación ou retiro de funcionarios suxeitos ó réxime de clases pasivas do Estado e, en xeral, a calquera réxime de pensións públicas que se devenguen por mensualidades completas desde o primeiro día do mes seguinte ó do nacemento do dereito.

Nestes casos e para estes únicos efectos, o importe diario será o equivalente a un trintavo do importe mensual do concepto retributivo correspondente.

4.-As pagas extraordinarias serán dúas ó ano e devengaranse con referencia á situación e dereitos do funcionario no día 1 de xuño e decembro, agás nos seguintes casos:

a) Cando o tempo de servicios prestados na Administración da Comunidade Autónoma ata o día en que se devengue a paga extraordinaria non comprenda a totalidade dos seis meses inmediatos anteriores ós meses de xuño a decembro, o importe da paga extraordinaria reducirase proporcionalmente, computando cada mes natural completo e día por un sexto e un centooitentavo, respectivamente, do importe da paga extraordinaria que na data do seu devengo correspondese por un período de seis meses, tendo en conta que se a suma dos díos dos meses incompletos fose 30 ou superior, cada fracción de 30 días considerarase como un mes completo.

b) Cando os funcionarios prestasen unha xornada de traballo reducida no transcurso dos seis meses inmediatos anteriores ós de xuño ou decembro, o importe da paga extraordinaria experimentará a correspondente reducción proporcional.

c) Os funcionarios en servicio activo con licencia sen dereito a retribución devengarán pagas extraor

dinarias nas datas indicadas, pero a súa contía experimentará a correspondente reducción proporcional, de acordo co tempo de servicios efectivamente prestados.

d) No caso de cesamento no servicio activo na Comunidade Autónoma a última paga extraordinaria devengarase con relación ó día do cesamento e con referencia á situación e dereitos do funcionario na dita data pero en contía proporcional ó tempo de servicios efectivamente prestados, excepto que o cesamento sexa por xubilación, falecemento ou retiro dos funcionarios a que se refire o apartado segundo punto 3 c).

Para os efectos previstos na presente orde, o tempo de duración de licencias sen dereito a retribución non terá a consideración de servicios efectivamente prestados.

Se o cesamento no servicio activo se produce durante o mes de decembro, a liquidación da parte proporcional da paga extraordinaria correspondente ós días transcurridos do dito mes tarase de acordo coas contías das retribucións básicas vixentes nel.

O persoal que preste servicios na Comunidade Autónoma percibirá as pagas extraordinarias segundo os servicios efectivamente prestados nesta, computándose para estes efectos como se tódolos servicios prestados polo funcionario na Comunidade Autónoma fosen na última consellería, organismo ou centro ó que estivese adscrito e en situación de activo o día 1 dos meses de xuño e decembro.

Terceiro.-Descontos.

1.-No ano 1995, a porcentaxe de cotización que se aplicará ós mutualistas das mutualidades xerais de funcionarios será do 1,89% sobre a base de cotización establecida como haber regulador para efectos de cotización de dereitos pasivos.

No anexo V da presente orde exprésanse as cotas mensuais de cotización dos funcionarios á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, MUFACE, que corresponden ó tipo do 1,89%.

2.-As cotas de dereitos pasivos que os habilitados de persoal deben reter, en nómina cada vez, continuarán sendo do 3,86% dos haberes reguladores pasivos que fixa a Lei de presupostos xerais do Estado para 1995, de modo que para tódolos funcionarios do mesmo corpo, escala, emprego ou categoría, calquera que sexa a súa antigüidade no servicio do Estado, a cota supón unha cantidade única e idéntica.

Estas cantidades, en cómputo mensual, reflíctense así mesmo no anexo V da presente orde.

O persoal funcionario que estivese suxeito ó réxime xeral da Seguridade Social, continuará cotizando de acordo con este sistema.

3.-As cotas de dereitos pasivos e de cotización dos mutualistas ás mutualidades xerais de funcionarios correspondentes ás pagas extraordinarias reduciranse na mesma proporción en que se minoren as ditas pagas como consecuencia de aboarse estas en contía proporcional ó tempo de servicios efectivamente prestados, calquera que sexa a data do seu devengo.

Cuarto.-Outras instruccións.

1.-Ó persoal laboral da Comunidade Autónoma aplicaránselle as retribucións que figuran no anexo VI da presente orde.

En relación co establecido no punto b).2 do artigo 27 do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e mentres non se aproben as novas relacións de postos de traballo nas que figure, cando sexa o caso, a contía correspondente ó «plus de convenio» para os postos que o teñan asignado, aplicaranse a este concepto -de forma transitoria e pendentes de regularización- todos aqueles pluses que se viñan percibindo e que non figuren no anexo VI, e que non foran, á súa vez, absorbidos polo «plus de aproximación ó funcionario» segundo o establecido no acordo do Consello da Xunta do día 30 de xullo de 1991 e nas instruccións da Intervención Xeral e da Dirección Xeral de Presupostos do 6 de agosto do mesmo ano.

2.-Os complementos persoais e transitorios e demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995.

3.-Os funcionarios interinos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988 percibirán o 100% das retribucións básicas, excluídos trienios, correspondentes ó grupo en que estea incluído o corpo no que ocupen vacante, e o 100% das retribucións complementarias que correspondan ó posto de traballo que desempeñen.

4.-As retribucións do persoal contratado administrativo a que se refire a disposición transitoria décima da Lei 4/1988, do 26 de maio, introducida pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, mentres non se conclúa o proceso de extinción previsto na dita lei, serán as mesmas que viñan percibindo en 1994, cun incremento do 3,5%.

5.-De conformidade co disposto no artigo 16.1 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, cando non sexan de aplicación as retribucións establecidas no artigo 12 da dita lei, continuaranse percibindo as mesmas retribucións que no ano 1994, incrementadas nun 3,5%.

6.-Os funcionarios de carreira que cambien de posto de traballo na Comunidade Autónoma excepto nos casos previstos na letra a) do artigo 15º da Lei 13/1988 terán dereito durante o prazo de toma de posesión á totalidade das retribucións tanto básicas como complementarias, de carácter fixo e periodicidade mensual.

Para a aplicación do disposto na presente orde, no caso de que o termo do dito prazo se produza dentro do mesmo mes en que se efectuou o cesamento, as citadas retribucións faraas efectivas a dependencia que dilixencie o dito cesamento e, de conformidade co disposto no referido artigo 15º, por mensualidade completa e de acordo coa situación e dereitos do funcionario referidos ó primeiro día hábil do mes no que se produza o cesamento. Se, polo contrario, o dito termo recaese en mes distinto ó do cesamento, as retribucións do primeiro mes faranse efectivas da forma indicada e as do segundo aboaraas a dependencia correspondente ó posto de traballo ó que se accede, así mesmo por mensualidade completa e na contía correspondente ó posto

en que se tomou posesión, sen prexuízo do disposto nas letras b) e c) do citado artigo 15º da Lei 13/1988.

7.-Os titulares de postos de traballo que se supriman nas relacións de postos continuarán percibindo, ata que sexan nomeados para desempeñar outros postos de traballo e durante un prazo máximo de 3 meses contados a partir da data en que produciu efectos económicos a citada supresión, co carácter de a conta do que lle corresponda polo novo posto de traballo, as retribucións complementarias correspondentes ó posto suprimido, sen que proceda ningún reintegro, no caso de que as cantidades percibidas a conta foran superiores.

8.-As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos para os efectos do cálculo dos anticipos reintegrables a funcionarios entenderanse sempre feitas ás retribucións básicas e complementarias que estas perciban nos seus importes líquidos.

9.-No caso de adscrición, durante 1995, un funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ó posto de traballo ó que se adscriba, este percibirá as retribucións que correspondan ó posto de traballo que desempeña, logo da oportuna asimilación que deberá autoriza-la Consellería da Presidencia e Administración Pública por proposta da consellería interesada.

Só para os efectos da asimilación a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do funcionario.

10.-A provisión de postos de traballo a desempeñar polo persoal funcionario ou a formalización de novos contratos de persoal laboral fixo, así como a modificación da categoría profesional destes últimos, requirirá que os ditos postos figuren detallados nas respectivas relacións de postos de traballo, e que o seu custo en cómputo anual estea dotado orzamentariamente ou, no seu defecto, o autorice a Consellería de Economía e Facenda.

En calquera caso, a provisión de postos de traballo de persoal funcionario requirirá a plena observancia do disposto na normativa vixente sobre incompatibilidades.

11.-A alta en nómina do persoal laboral temporal e interino deberá, en todo caso, ir acompañada da autorización establecida no apartado tres da disposición transitoria terceira da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

12.-As referencias relativas a retribucións contidas' na presente orde entenderanse sempre feitas a retribucións íntegras, agás do previsto no apartado 4.8 dela.

13.-As retribucións dos delegados provinciais e territoriais das consellerías serán idénticas ás dos subdirectores xerais da Xunta e imputaranse ó concepto orzamentario 100.00 dentro do programa correspondente. Terán dereito a percibi-los trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ó servicio das administracións públicas.

14.-As retribucións do persoal eventual experimentarán un incremento do 3,5% respecto ás que viñan percibindo en decembro de 1994.

15.-Así mesmo, e con efectos económicos do 1 de xaneiro de 1995, as retribucións do persoal que desempeñe algún posto de traballo no Servicio Galego de Saúde (Sergas), dos dotaos no seu orzamento de gastos do presente ano, conforme o anexo de persoal correspondente, experimentarán un incremento do 3,5% respecto ás fixadas para o exercicio de 1994.

En consecuencia as retribucións do persoal estatutario e persoal MTR, serán as que se detallan no anexo VII da presente orde.

Con respecto ás retribucións do persoal estatutario que percibe o seu salario polo sistema de cota, experimentarán un incremento do 3,5% sobre as fixadas para o ano 1994.

16.-As contías das indemnizacións por razón do servicio serán as reguladas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, coas súas correspondentes revisións se houber lugar.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda