Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 1995 Páx. 591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 3 de xaneiro de 1995 pola que se especifica o procedemento de xestión das axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, e tratamento dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

A modificación da política comunitaria de estructuras pesqueiras consumada pola publicación dos regulamentos CEE nº 2080/1993, do 20 de xullo, e 3699/1993, do 21 de decembro, que definen as funcións específicas das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura, e a transformación e comercialización dos seus productos, e os criterios e condicións destas intervencións, respectivamente, e que derroga a normativa anterior na materia, motivou a necesidade de modifica-la normativa autonómica para adáptala á nova realidade.

Deste modo, promúlgase o Decreto 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos.

O Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro, (BOE nº 280, do 23 de novembro de 1994) polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura, a comercialización, transformación e promoción dos seus productos, constitúe a norma básica do Estado que adapta a normativa comunitaria na materia ó noso ordenamento xurídico. Esta norma establece que a xestión das axudas que para o sector do equipamento de portos pesqueiros e da transformación, comercialización e promoción dos productos da pesca e da acuicultura se prevén nos orzamentos xerais do Estado e no Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) corresponderá ás Comunidades Autónomas. Dáse contido desta forma ó reparto competencial previsto no Estatuto de autonomía de Galicia.

O procedemento de xestión destas axudas que resulta do novo marco de aplicación supón ademáis unha notable simplificación administrativa, de tal modo que os posibles beneficiarios terán que presentar perante a Administración autonómica unha única solicitude de axudas para cada proxecto de investimentos ó fin de obte-lo financiamento correspondente os fondos de cada unha das administracións, comunitaria, central e autonómica.

Na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, figuran dotadas as seguintes partidas orzamentarias: 12.03.711B.770.00 («Axudas a empresas de transformación e manipulación de productos do mar, fondos propios») e 12.03.711B.770.07 («Axudas a empresas de transformación e manipulación de productos do mar, IFOP»), correspondentes ó programa 711B «Ordenación e creación de industrias pesqueiras».

Por todo o exposto, e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 278/1994, do 8 de setembro, que faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dic

ta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

O obxecto da presente orde é regula-lo procedemento de xestión das axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos productos da pesca e da acuicultura que en cada exercicio orzamentario se prevexan para esta finalidade nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os previstos nos orzamentos xerais do Estado e no IFOP.

Para o exercicio de 1995, as axudas outorgaranse con cargo ós conceptos 12.03.711B.770.00 e 12.03.711B.770.07 («Axudas a empresas de transformación e manipulación de productos do mar», fondos propios e IFOP, respectivamente) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Nos exercicios sucesivos, estas axudas outorgaránse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano correspondente.

En calquera caso, o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 2º.-

Os investimentos que poderán ser obxecto de axudas serán os previstos para este fin no capítulo II, sección segunda, do Decreto 278/1994, do 8 de setembro, así como aqueloutras que poidan ser obxecto de axudas a través dos regulamentos comunitarios, nas condicións que estas establezan. En ningún caso o serán os gastos correntes de mantemento, conservación ou reparación de bens ou equipamentos, así como os investimentos destinados á transformación dos productos da pesca con fins que non sexan o consumo humano, agás os investimentos exclusivamente destinados ó tratamento, transformación e comercialización de refugallos dos productos da pesca e da acuicultura. Exclúense tamén os investimentos que prevexan incrementa-la producción en sectores sobredimensionados, así como o comercio polo miúdo e os investimentos que non permitan a verificación do seu custo.

Artigo 3º.-

Será condición indispensable para a concesión das axudas que con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes ós investimentos fose presentada a solicitude de axuda de acordo co establecido na presente orde, e que por parte dos servicios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura se expedise certificación que acredite a non iniciación dos mesmos.

Artigo 4º.-

Os gastos subvencionables e o importe das axudas previstas na presente orde terán que atarse ó establecido no artigo 20 do Decreto 278/1994, do 8 de setembro.

Artigo 5º.-

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde, e presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude, deberán presentarse por quintuplicado exemplar do formulario que figura como anexo II a esta orde e a documentación que a seguir se relaciona (dous exemplares orixinais ou debidamente compulsados e tres copias):

1) Estudio técnico dos investimentos, que conterá como mínimo:

a) Localización e xustificación do investimento.

b) Relación detallada dos investimentos en terreos, acondicionamento e preparación destes, edificacións, maquinaria, instalacións, equipamentos e elementos de transporte interior e especiais de transporte exterior.

c) Orzamento detallado dos investimentos.

d) Calendario previsto de realización dos investimentos co seu correspondente plan de financiamento por anualidades.

e) Indicación do número de postos de traballo existentes antes do investimento e dos que se prevexan crear logo do seu remate, con indicación en ámbolos casos dos postos que corresponden a traballadores fixos, fixos-descontinuos e temporais e a súa cualificación.

f) Indicación das necesidades de enerxía e auga, materias primas, medidas anticontaminantes que se adoptarán para preserva-lo medio natural e medidas de hixiene e seguridade no traballo, así como aqueles outros datos que se consideren convenientes para o mellor coñecemento do proxecto.

2) No caso de empresas xa existentes, deberán indicarse, ademais e polo miúdo, os activos xa existentes, sinalándose cales serán obxecto de renovación, modernización ou innovación, se se trata de investimentos destinados para estes fins.

3) Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións necesarias para a realización do investimento.

No caso de precisarse certificación ó respecto do efecto ou impacto medioambiental do investimento e non posuíla na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, deberá acreditarse ter presentado a correspondente perante a respectiva Comisión Provincial de Medioambiente.

4) Cando se trate de investimentos que supoñan un incremento das produccións que se van comercializar, será imprescindible a presentación dun estudio de mercado.

5) Declaración sobre calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida, ou que se pretenda solicitar

a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar de modo total ou parcial o proxecto de investimento para o cal se solicita axuda.

6) Certificado expedido por banco ou entidade financeira que acredite a titularidade da conta bancaria a nome do solicitante e na que se efectuará o pagamento do importe da axuda, se é o caso.

7) Acreditación do pagamento do imposto de actividades económicas (IAE) correspondente ó último exercicio controlado.

8) Documentos acreditativos da personalidade da empresa e, se é o caso, aqueles que acrediten a representación de quen, no seu nome, asine a solicitude de axuda.

9) Declaración responsable de estar ó día nas súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

10) Formularios TC-1 e TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

11) Certificación que acredite estar dado de alta no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias, circunstancia a que están obrigadas as empresas que poderán ser beneficiarias destas axudas.

Artigo 6º

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de quince (15) días naturais contados a partir do seguinte á recepción da notificación para remitir á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura escrito de aceptación dela e das condicións particulares que nela se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 7º

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, requirirá aceptación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 8º

Con carácter xeral e agás que a resolución individual de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a elas deberá realizarse antes do 15 de novembro do ano correspondente ó exercicio económico do que se trate.

Artigo 9º

O pagamento da axuda realizarase, con carácter xeral, unha vez rematados e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate.

Sen prexuízo do anterior, o pagamento do importe da axuda poderá ser fraccionado da seguinte forma, a pedimento do interesado:

a) un 50% despois de realiza-lo 50% do investimento correspondente ó exercicio que se propón,

debendo presentar neste caso documento aval polo importe total da axuda.

b) o 50% restante, unha vez realizada a totalidade do investimento correspondente ó exercicio de que se trate.

Aqueles investimentos nos que o seu importe exceda do primeiro 50% que fose obxecto de axuda acumularanse ós restantes que se consideren para o pagamento do segundo 50% do importe da axuda.

Se o importe do investimento realizado fose inferior ó que foi obxecto da concesión da axuda inicialmente prevista, esta reducirase proporcionalmente.

Artigo 10º

Para o cobro do importe da axuda correspondente ós investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate o beneficiario deberá presentar de igual modo que o establecido no artigo 4º desta orde e por quintuplicado exemplar do formulario que figura como anexo III a esta orde, xunto con dous orixinais e tres copias da documentación que a seguir se relaciona:

1) Adquisición de terreos e edificacións: documentos que acrediten a operación de compravenda e de forma separada os xustificantes de pagamento.

2) Adquisición de maquinaria, instalacións, equipamentos, elementos de transporte e outros activos fixos: factura e xustificantes de pagamento, así como os que correspondan ós gastos de transporte, seguro e calquera outro que se orixine ata a súa incorporación ó establecemento.

3) Construcción de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e valor dos distintos conceptos abranguidos nel e que se realizasen e xustificasen durante o exercicio económico do que se trate xunto cos seus xustificantes de pagamento.

4) Adquisición de bens e equipamentos fóra do Estado español: presentación da correspondente autorización da Dirección Xeral de Transaccións Exteriores do Ministerio de Economía e Facenda. En todo caso o beneficiario acreditará e xustificará de modo fidedigno o investimento realizado.

5) Formularios TC-1 y TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

6) Declaración responsable con aportación documental doutras axudas concedidas para o financiamento dos investimentos así como daquelas outras que se solicitasen.

7) Certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como que non ten débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 11º

As solicitudes caducarán no suposto recollido no artigo 5º e ademais por:

a) Renuncia á solicitude, que deberá presentarse perante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

b) Imcumprimento dos prazos previstos para a realización do investimento.

c) Non presenta-la documentación requirida dentro dos prazos sinalados.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas no Decreto 278/1994, do 8 de setembro, na presente orde ou na resolución individual da concesión da axuda, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá dispoñe-la suspensión, reducción ou supresión da axuda concedida, con devolución, se é o caso, das cantidades percibidas de acordo co establecido no Regulamento xeral de recadación.

Artigo 13º

O prazo de presentación de solicitudes será:

-Para o exercicio de 1995, desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 1 de marzo de 1995.

-Para os exercicios posteriores o prazo abranguerá desde ó día 1 de decembro do ano anterior ata o 1 de febreiro do ano correspondente.

Non obstante o anterior, e no caso de que as circunstancias obriguen a acomete-los investimentos con posterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda no exercicio correspondente sen que se presentase a pertinente solicitude dentro dos prazos sinalados nos parágrafos anteriores, o solicitante poderá de modo excepcional presenta-la solicitude de axuda en calquera momento ó longo do exercicio, podendo se-la citada solicitude obxecto de resolución dentro da convocatoria inmediatamente posterior.

Así mesmo, aquelas solicitudes de axuda que non puidesen ser atendidas na convocatoria correspondente, poderán ser retomadas con cargo á convocatoria inmediatamente posterior, aínda que as ditas solicitudes non terán consideración preferente respecto daquelas que se presenten por primeira vez na convocatoria correspondente.

Artigo 14º

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así como naqueles servicios prestados por estas, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para compraba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Disposición transitoria

Única.-Agás a negativa expresa do interesado, que deberá producirse dentro dos prazos de presentación

de solicitudes previsto no artigo 12 da presente orde, aquelas solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 8 de setembro de 1994 e que non puidesen ser atendidas con cargo ó exercicio orzamentario de 1994, poderán ser atendidas ó abeiro da presente orde. De igual modo, aquelas solicitudes presentadas ó abeiro da orde do 8 de setembro e que foron beneficiarias de axudas con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser tidas en consideración co obxecto de poder ser beneficiarias de axudas con cargo ós orzamentos xerais do Estado e ós fondos procedentes do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1995.

Juan L. M. Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura