Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 1995 Páx. 590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de decembro de 1994 pola que se acorda o rescate das concesións outorgadas polas OO.MM. do 6-10-1953, 11-12-1953 e 18-9-1964, con destino á instalación de bateas de mexillón no polígono de Baiona (Pontevedra), titularidade de Marpesa, S.A.

Visto o expediente relativo ás citadas concesións:

Resultando que por ordes ministeriais do 6-10-1953, 11-12-1953 e 18-9-1964 se lle concede autorización a Mejillonera Viguesa, S.A. para a instalación de varias bateas de mexillón na enseada de Baiona, baixo as seguintes denominacións: Bayona B nº 1 e Bayona B nº 2 (orde do 6-10-1953); Bayona A-1, Bayona A-2, Bayona A-3 e Bayona A-4 (orde do 11-12-1953) e Vivero nº 13, Vivero nº 14, Vivero nº 15, Vivero nº 16, Vivero nº 17, Vivero nº 18, Vivero nº 19 e Vivero nº 20 (orde do 18-9-1964).

Resultando que por auto da Maxistratura de Traballo nº 1 do 9-3-1981 se lle adxudican as citadas concesións a Enrique Masachs González, que, pola súa vez, as achega á sociedade mercantil actualmente denominada Marpesa, S.A.

Resultando que Marpesa, S.A. solicitou da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura o recoñecemento das citadas concesións e ante a desestimación presunta por silencio administrativo, interpuxo o correspondente recurso contencioso administrativo (nº 969/1990) ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e que este por sentencia do 7-2-1992 estimou parcialmente o recurso interposto pola mencionada sociedade, declarando a súa titularidade sobre as concesións controvertidas.

Resultando que, en execución da sentencia reseñada, a Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, dicta a resolución do 16-11-1994, pola que se aproban as bases de revisión do polígono de bateas de Baiona, e na que se recoñece a titularidade das citadas concesións a Marpesa, S.A., coas seguintes denominacións: o Bayona A-1 pasa a ser Marpesa 13; o Bayona A-2 pasa a ser Marpesa 14; o Bayona A-3 pasa a ser Marpesa 15; o Bayona A-4 pasa a ser Marpesa 16; o Bayona B-1 pasa a ser Marpesa 17; o Bayona B-2 pasa a ser Marpesa 18; o Vivero nº 13 pasa a ser Marpesa 24; o Vivero nº 14 pasa a ser Marpesa 25; o Vivero nº 15 pasa a ser Marpesa 26; o Vivero nº 16 pasa a ser Marpesa 27; o Vivero nº 17 pasa a ser Marpesa 28; o Vivero nº 18 pasa a ser Marpesa 29; o Vivero nº 19 pasa a ser Marpesa 30 e o Vivero nº 20 pasa a ser Marpesa 31.

Considerando o disposto no R.D. 3.318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de pesca, e concretamente, en relación coas autorizacións e concesións de cultivos mariños;

Considerando que nas OO.MM. do 6-10-1953, 11-12-1953 e 18-9-1964, títulos habilitantes das concesións, estas se outorgan en precario, de modo tal que a Administración está facultada para proceder ó seu rescate, sen dereito do afectado a indemnización ningunha.

Considerando que, segundo reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo, a eficacia da cláusula de precariedade é indiscutible no caso de que a súa aplicación veña determinada pola licitude de revogación, modificación ou reconversión do uso conferido en razón ó sentido, finalidade e contexto da concesión outorgada, deducíndose que, cando a revogación, modificación ou reconversión citadas se atopen encamiñadas á protección e salvagarda do principal destino do ben de dominio público sobre o que recae o uso anormal, se produce unha precariedade cualificada pola propia xurisprudencia de precariedade «de segundo grao» determinante da eliminación de toda prestación indemnizatoria que, sen embargo, é inadmisible noutros supostos distintos nos que non se dea esa acción protectora ou de salvagarda dos intereses públicos (cítase por todas a STS do 11-11-1986).

Considerando que os requisitos esixidos legal e xurisprudencialmente para proceder ó rescate sen indemnización se dan en relación coas concesións que nos ocupan, pois, co exercicio de tal facultade se pretende a protección e salvagarda do interese público, prevalente en todo caso sobre o particular do concesionario, e que ese interese público ven dado pola concorrencia das seguintes razóns:

a) A producción de efectos negativos de tipo ambiental derivados dos depósitos residuais que se producirían coa filtración efectuada polo mexillón e o grave risco para a supervivencia doutras especies (berberecho, cornicha e ameixa final, rubia e babosa) dos bancos marisqueiros de especial importancia existentes na enseada de Baiona. A isto habería que engadir razóns de carácter social derivadas dos graves prexuízos os que o dito fondeo ocasionaría á actividade pesqueira e, polo tanto, ás persoas que teñen como medio de vida tal actividade.

b) Un interese económico relevante, derivado da importancia turística da enseada, coa existencia dun porto deportivo, quizais un dos máis importantes de Europa na súa clase, que sufriría graves prexuízos coa instalación das citadas bateas.

Por todo o anterior, esta consellería facendo uso das súas facultades, acorda proceder ó rescate sen indemnización das concesións denominadas Marpesa 13, Marpesa 14, Marpesa 15, Marpesa 16, Marpesa 17, Marpesa 18, Marpesa 24, Marpesa 24, Marpesa 26, Marpesa 27, Marpesa 28, Marpesa 29, Marpesa 30 e Marpesa 31, situadas no polígono de Baiona.

A presente orde esgota a vía administrativa e contra ela os interesados poderán interpoñe-lo correspondente recurso contencioso-administrativo ante o orde xurisdiccional competente, no prazo de 2 meses contados desde o seguinte á publicación desta orde tal e como establece a Lei da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1994.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura