Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 1995 Páx. 578

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 9 de xaneiro de 1995 pola que se regula a xestión de axudas por superficie para a campaña de comercialización 1995/96 (colleitas 1995) e a declaración de superficies forraxeiras para a obtención de primas gandeiras no ano 1995.

O Regulamento (CEE) 1765/1992, do Consello, do 30 de xuño, modificado en último termo polo Regulamento (CE) 232/1994, do Consello, do 24 de xaneiro, estableceu un réxime de apoio ós productores de determinados cultivos herbáceos (cereais, oleaxinosas e proteaxinosas) e de liño non téxtil, baseado na concesión de pagos compensatorios ós productores que sementen os ditos productos. O regulamento anterior foi complementado polo Regulamento (CEE) 1541/1993, do Consello, do 14 de xuño, polo que se fixa a porcentaxe de retirada de terras non rotativas ás que se refire o artigo 7 do Regulamento (CEE) 1765/1992.

A Comisión estableceu posteriormente normas complementarias para a regulación da retirada de terras, utilización destas para a obtención de materias para a fabricación na Comunidade de productos

que non se destinen ó consumo humano ou animal, disposicións de aplicación a productores de sementes oleaxinosas e proteaxinosas e condicións de concesión de pagos compensatorios e tipos de conversión a aplicar ós mesmos.

O Regulamento (CEE) 762/1989, do Consello, do 20 de marzo, establece unha axuda por hectárea sementada de determinadas leguminosas gran (lentellas, garavanzos, vezas e ervellas bravas (vicia ervilia)), establecendo posteriormente a Comisión normas complementarias.

No relativo a produccións gandeiras, o Regulamento (CEE) 805/1968, do Consello, do 27 de xuño, polo que se establece a Organización Común do Mercado no sector da carne de vacún, modificado polo Regulamento (CEE) 2066/1992 do Consello, do 30 de xuño e, en último termo, polo Regulamento (CE) 1884/1994, do 27 de xullo, limita o número de animais con dereito á prima especial e á prima por vaca nutriz, mediante a aplicación dun factor de densidade de animais por explotación. A Comisión estableceu o sistema de cálculo deste factor de densidade en función da superficie forraxeira declarada na explotación.

Por outra parte, o Regulamento (CEE) 3508/1992, do Consello, do 27 de novembro, establece un sistema integrado de xestión e control de determinados

réximes de axuda comunitaria que se aplicará, entre outros, ó réxime de axuda establecido no Regulamento (CEE) 1765/1992. O Regulamento (CEE) 3887/1992, da Comisión, do 23 de decembro, establece as normas de aplicación do sistema integrado de xestión e control, relativo a certos réximes de axudas comunitarias.

A xestión e control destas axudas correspóndelles ás comunidades autónomas no marco, homoxéneo para todo o Estado, do sistema integrado.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 3 de novembro de 1994, co obxecto de garantir unha homoxénea aplicación do sistema integrado de xestión e control en España, determina os datos que deben incluír, como mínimo, os formularios para a presentación de solicitudes polos interesados, documentos a xuntar, controles a efectuar e aspectos relacionados coa coordinación da xestión.

Co fin de regula-lo procedemento de solicitude, xestión e control deste tipo de axudas en Galicia, e sen prexuízo da aplicabilidade directa das normativas comunitaria e estatal devanditas, das que se transcriben algúns dos seus preceptos para mellor comprensión dos interesados, é necesario dicta-la presente orde.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu Presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes, obxecto e prazo de presentación.

1.-Os titulares de explotacións agrarias deberán presentar antes do 28 de febreiro de 1995 unha única solicitude de axuda «superficie», sempre que desexen:

a) Obte-los pagos compensatorios para determinados cultivos herbáceos (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas) e para o liño non téxtil e, se é o caso, os suplementos de pago para o trigo duro, establecidos no apartado 3 do artigo 4 do Regulamento (CEE) 1765/1992.

b) Obte-las axudas por superficie para certas leguminosas gran (lentellas, garavanzos, vezas e ervellas bravas (Vicia ervilia)).

2.-Así mesmo, deberán, se é o caso, xustifica-la superficie forraxeira para efectos de cálculo do factor de densidade gandeira establecido no artigo 4 octies do Regulamento (CEE) 805/1968, que limita o número total de animais con dereito a prima no sector vacún, excepto cando as UGM da explotación que se deban tomar en consideración para o dito cálculo non sexan superiores a 15, salvo que soliciten o beneficio de importe complementario desas primas.

3.-Non obstante, no caso de que unha solicitude de axuda «superficie» só se refira a prados permanentes, esta poderá presentarse xunto coa primeira solicitude de prima gandeira, sempre que esta última sexa presentada despois do prazo establecido no primeiro parágrafo, e, a máis tardar, o 1 de xullo de 1995.

Artigo 2.-Definicións.

Para os efectos da presente orde, teranse en conta as seguintes definicións:

a) «Titular de explotación»: O productor agrícola, con personalidade física ou xurídica, ou a agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia do réxime xurídico da agrupación e os seus membros, que teñan a explotación no territorio español.

b) «Explotación»: O conxunto das unidades de producción xestionadas polo titular da explotación no territorio español.

c) «Parcela agrícola»: A superficie continua de terreo na que un único titular de explotación realice un único tipo de cultivo.

Considerarase como parcela agrícola a que conteña, pola súa vez, árbores, sempre que o cultivo herbáceo ou os labores de barbeito, no caso de que sexa afectada ó cumprimento do requisito de retirada obrigatoria de terras, poidan ser realizados en condicións similares ás das parcelas non arbóreas da mesma zona. Neste caso, a superficie a considerar, para efectos de solicitude e concesión das axudas, será a resultante de minora-la superficie total da parcela no dobre da superficie ocupada polas árbores na época de máximo desenvolvemento.

d) «Superficie forraxeira»: A correspondente ás parcelas da explotación que estean dispoñibles, polo menos durante os sete primeiros meses do ano, para a crÍa de bovinos, ovinos e caprinos, incluída a parte correspondente das parcelas utilizadas en común, os barbeitos tradicionais e as parcelas autorizadas como pastos para o uso gandeiro extensivo que fosen retiradas da producción en virtude do Regulamento (CEE) 2328/1991.

Poderán ser computadas como superficies forraxeiras, sen recibi-los pagos compensatorios dos cultivos herbáceos, as parcelas agrícolas cultivadas dalgún producto elixible (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas ou leguminosas gran) sempre que se declaren como tales e se cumpran os requisitos enunciados no parágrafo anterior.

Non se contabilizarán nesta superficie as construccións, os bosques, os pozos, os camiños e as superficies que se empreguen, ben por outras produccións beneficiarias dun réxime de axuda comunitario, ben para cultivos permanentes e hortalizas ou ben para cultivos ós que se lles aplique un réxime idéntico Ó establecido para os productores de determinados cultivos herbáceos.

Artigo 3º.-Superficies mínimas polas que poden solicitarse axudas.

1.-As solicitudes de axuda «superficie» deben referirse, como mínimo, a 0,30 hectáreas para cada un dos grupos de productos (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas) para as que se soliciten os pagos compensatorios.

2.-Sen embargo, no caso dos pequenos productores no sentido do artigo 8 do Regulamento (CEE) 1765/1992, que opten polo sistema simplificado, o mínimo de 0,30 hectáreas aplicarase Ó conxunto dos tres grupos de productos dos cultivos herbáceos, en virtude do disposto nos Regulamentos (CEE) 2890/1992 e 2891/1992.

Artigo 4º.-Contido das solicitudes de axudas.

1.-As solicitudes de axuda «superficie» serán realizadas polos interesados nos formularios ou impresos segundo os modelos incluídos como anexos I a IV da presente orde e que estarán á disposición dos interesados, fundamentalmente, nas axencias de Extensión Agraria de cada comarca, indicando neles os datos e o número de orde, superficie sementada e producto sementado correspondentes ás parcelas agrÍcolas e, para efectos de identificación, as súas referencias catastrais, tal como figuran nos devanditos modelos.

2.-Nos formularios deberán indicarse tódalas parcelas agrícolas da explotación, excepto as destinadas a cultivos arbóreos, arbustivos ou a aproveitamentos exclusivamente forestais.

Para tal efecto actuarase da seguinte forma:

Cubrirase un só impreso, segundo o modelo do anexo I, cos datos persoais e bancarios do titular da explotación, que será debidamente datado e asinado polo solicitante.

No anexo II anotaranse as parcelas agrícolas de cereais (excepto as de millo regadío).

No anexo III anotaranse as parcelas de barbeito ou retirada do cultivo, distinguindo entre: barbeito tradicional, retirada obrigatoria rotativa, retirada obrigatoria fixa, retirada obrigatoria libre, retirada voluntaria e abandono quinquenal. Diferenciarase en tódolos tipos de retirada se se mantén a terra núa ou con cuberta vexetal, utilizando os códigos indicados no anexo V.

No anexo IV anotaranse o resto das parcelas agrícolas, utilizándose formularios distintos para cada un dos seguintes grupos:

1.-Trigo duro.

2.-Millo en regadío.

3.-Xirasol.

4.-Outras oleaxinosas (soxa, colza, nabiña).

5.-Proteaxinosas (faballóns (Vicia faba e Vicia faba var. minor), chícharos, tremoceiros doces).

6.-Leguminosas gran (lentellas, garavanzos, vezas e ervellas bravas (Vicia ervilia)).

7.-Superficies forraxeiras: Neste grupo incluiranse tódalas parcelas agrícolas que, cumprindo os requisitos regulamentarios para as «superficies forraxeiras», desexan computarse para efectos do factor de densidade, coa única excepción dos barbeitos declarados no formulario segundo modelo do anexo III. Neste grupo deben considerarse as parcelas agrícolas cultivadas dalgún producto elixible (cereal, oleaxinosa, proteaxinosa, leguminosa) para as que se renuncia á axuda por superficie por optar a que se consideren como superficies forraxeiras; neste caso, no recadro do formulario correspondente a producto, indicarase o cultivo.

8.-Outras utilizacións: Neste grupo incluiranse tódalas parcelas agrícolas dos cultivos non arbóreos ou arbustivos da explotación que non fosen consideradas nos grupos anteriores.

9.-Liño non téxtil.

No cadro correspondente ó plan de sementes e barbeitos da explotación, que consta no formulario do anexo I, indicarase, para as parcelas agrícolas de cada grupo, ou utilización, o número de formularios utilizados, así como o número de parcelas agrícolas sinaladas na superficie, expresada en hectáreas con dous decimais.

Para cada unha das parcelas agrícolas da explotación indicarase a superficie neta utilizada expresada en hectáreas con dous decimais, a especie cultivada, ulilizando as claves de cultivo e, se é o caso, variedade, indicadas no anexo V, as referencias identificativas que serán as alfanuméricas correspondentes á parcela ou ás parcelas catastrais que, en todo ou en parte, constitúen a correspondente parcela agrícola, e o sistema de explotación (secaño ou regadío) que corresponda.

Nos casos de termos municipais ou parte deles que fosen sometidos a un proceso de concentración parcelaria e se tomase posesión das novas parcelas, para as que aínda non se dispoña das novas referencias catastrais e que se indican no anexo VI, utilizaranse as referencias identificativas alfanuméricas contidas no acordo de concentración parcelaria, en tanto non se dispoña dos datos oficiais de catastro.

No caso de superficies forraxeiras de montes veciñais en man común ou similares, utilizadas conxuntamente por máis dun productor, anotaranse unicamente as referencias catastrais relativas á situación das distintas parcelas (provincia e concello) con indicación expresa do tipo de utilización (adxudicación pública con utilización en común), debendo achegar á solicitude un certificado da autoridade competente no que se indiquen, como mínimo, os datos do anexo VII.

Artigo 5º.-Documentación adicional á solicitude.

Os titulares de explotacións agrarias deberán presentar, xunto coa solicitude de axuda «superficie», cando así proceda, o seguinte:

a) No caso de que as parcelas catastrais ocupadas parcialmente teñan unha superficie superior a 10 hectáreas, croquis acotados que permitan situar e localiza-las parcelas agrícolas para as que se solicitan os pagos compensatorios, as axudas por superficie ou que se declaran como superficies forraxeiras, excepto para as parcelas de pastos e prados de utilización en común, cando as ditas parcelas non coincidan cunha ou varias parcelas catastrais na súa integridade.

No caso das parcelas agrícolas declaradas como retiradas do cultivo, deberá presentarse o correspondente croquis, sempre que a superficie neta utilizada da parcela agrícola non se corresponda cunha ou varias parcelas catastrais na súa integridade.

b) Certificados ou cédulas catastrais expedidas polas Xerencias Territoriais da Dirección Xeral do Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria, nas que conste a superficie de regadío ou cualificación catastral equivalente das parcelas catastrais que constitúen ou forman parte das parcelas agrícolas declaradas como explotadas en regadío.

Quedarán exentos desta obriga os que teñan presentado, en campañas anteriores, ante os órganos competentes da Comunidade Autónoma correspondente, os documentos referidos.

c) Xustificación das prácticas agronómicas que soportan a solicitude, no caso de que a relación de barbeito branco respecto á superficie de secaño para as que se solicitan pagos compensatorios (polos cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño non téxtil e, para os acollidos ó réxime xeral, polas terras retiradas do cultivo) sexa menor, en máis de 10 puntos ó correspondente coeficiente comarcal.

d) No caso de superficies utilizadas en común, o certificado de adxudicación expedido polas autoridades competentes, no que se exprese o número de hectáreas asignadas, de acordo co anexo VII.

e) Certificación bancaria xustificativa de que a conta indicada na solicitude, para a domiciliación dos pagos, corresponde ó titular da explotación solicitante, se existe cambio respecto á da campaña anterior.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e prazo máximo de admisión.

1.-As solicitudes de axuda «superficie» presentaranse ante a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para explotacións localizadas en Galicia ou, se é o caso, ante o órgano da Comunidade Autónoma na que se atope a maior parte da superficie incluída na relación de parcelas a que se refire a alínea 2 do artigo 4º da presente orde.

2.-Poderanse admitir solicitudes de axuda «superficie» ata vinte días naturais despois da data límite considerada na alínea 1 do artigo 1º da presente orde, aplicando, salvo caso de forza maior, unha reducción do 1 por 100 dos importes das axudas por cada día hábil de retraso. Se o retraso é superior a vinte días naturais, a solicitude é inadmisible e non terá dereito ó pago de importe ningún.

En caso de forza maior, deberán aportarse probas dela, a satisfacción da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, no prazo máximo de dez días hábiles a partir do momento no que o titular da explotación estea en condicións de realiza-la notificación.

Artigo 7º.-Modificación das solicitudes e requisitos.

1.-Os titulares de explotacións agrarias que presenten as solicitudes de axuda «superficie» na forma e prazos expostos anteriormente, poderán modificalas ata o 15 de maio de 1995, sen penalización ningunha, presentando no Servicio Provincial de Axudas Estructurais unha nova solicitude que reflicta tódolos datos modificados ou non, á que xuntarán a solicitude presentada previamente, nos seguintes supostos:

a) Manifiesto erro material na solicitude.

b) Cambio de titularidade debidamente xustificado.

c) Cambio de cultivo, ou utilización, da parcela agrícola.

2.-En todo caso, deberá terse presente o seguinte:

a) Non se poderán engadir novas parcelas ás xa declaradas como retiradas da producción para cumpri-la obriga de retirada de terras, prevista no apartado 1 do artigo 7 do Regulamento (CEE) 1765/1992, salvo cando, no período no que poden introducirse modificacións, un productor do réxime xeral:

-Decida, conforme se autoriza na alínea c) do artigo 4.2 do Regulamento (CEE) 3887/1992, utilizar, para un cultivo afectado polo sistema integrado, unha parcela agrícola inicialmente declarada para un cultivo non afectado polo sistema integrado en estes casos, as parcelas deben cumpri-los requisitos esixidos para as terras retiradas no artigo 3 do Regulamento (CE) 762/1994.

-Adquira, nos supostos previstos no segundo guión da alínea a) do artigo 4.2 do Regulamento (CEE) 3887/1992, por calquera título lexítimo debidamente xustificado, parcelas agrícolas declaradas como retiradas da producción na solicitude de axuda «superficie» presentada polo anterior titular da explotación.

b) Analogamente non poderán engadirse parcelas ás declaradas como superficies forraxeiras salvo que aquelas fosen xa incluídas como tales na solicitude de axuda «superficie» presentada por outro titular que transmitise, por calquera título lexítimo debidamente xustificado, o dereito de explotación das mesmas ó novo titular despois do 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 8º.-

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias realizará os controis administrativos e sobre o terreo das solicitudes de acordo coa normativa comunitaria e nacional desenvolvida para tal efecto.

Artigo 9º.-

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, tendo en conta as disposicións comunitarias e nacionais, establecerá para cada solicitude as superficies con dereito ás distintas axudas e as superficies forraxeiras que serán computadas para o cálculo da densidade gandeira da explotación, así como as solicitudes que perden o dereito á obtención de axudas.

Artigo 10º.-

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, co tipo de cambio agrario vixente o 1 de xullo de 1995, realizará os trámites pertinentes para efectuar, nas datas establecidas na normativa comunitaria e nacional, os anticipos, pagos e liquidacións correspondentes.

Artigo 11º.-

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias dictará as normas complementarias para o mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes