Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 1995 Páx. 501

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 1/1995, do 12 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 294/1992, do 10 de setembro, que regula o diploma de directivo.

No desenvolvemento do previsto no art. 27.2 da Lei 4/1988, do 26 de marzo, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, promulgouse o Decreto 294/1992, do 10 de setembro, mediante o que se regulou o diploma de directivos. Esta norma constituíu un importante feito dentro do proceso de reforma administrativa emprendido pola Xunta de Galicia, pois tal como se advirte na exposición de motivos daquela, a formación do persoal que desempeña funcións directivas é unha das bases sobre as que descansa todo o proceso de modernización dunha Administración pública.

Consonte a dita finalidade, determínanse os requisitos necesarios para a realización do curso para a obtención do referido diploma, un dos cales era o de ser funcionario de carreira dos grupos A e B en situación de servicio activo ou servicios especiais na Administración da Comunidade Autonóma.

Non obstante, no momento actual, razóns de distinta orde aconsellan dunha banda redefini-lo ámbito de destinatarios dos cursos para a obtención de diploma de directivo, co fin de posibilita-lo acceso a aqueles a persoal doutras administracións públicas, como a local, a periférica do Estado, ó persoal de Administración das universidades galegas, do Parlamento de Galicia, así como elimina-lo carácter condicionado que na actualidade ten a participación nos ditas cursos do persoal docente e sanitario que presta servicios na Administración autonómica.

En virtude disto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, en uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, oída a Mesa Xeral da Negociación e a Comisión de Persoal, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único: Modifícanse os artigos 2º e 4º do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directivos, que quedan redactados como segue:

«Art. 2º

Poderán optar ó diploma de directivo os funcionarios de carreira dos grupos A e B que estean en posesión dun título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente, así como os diplomados universitarios pertencentes a estes grupos».

«Art. 4º

A convocatoria de cada curso, a duración, os horarios, o lugar de realización, as datas, así como o número de prazas, serán anunciados no Diario Oficial de Galicia pola Escola Galega de Administración Pública.

Nas convocatorias, dous tercios do total das prazas quedarán reservadas ó persoal que preste servicios na Administración autonómica con inclusión de:

-O persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que estea ocupando postos de traballo de xestión sanitaria non asistenciais.

-O persoal estatutario do Sergas que estea ocupando postos de traballo nas relacións de postos de traballos da Lei 4/1988, do 26 de maio, e 17/1989, do 23 de outubro, abertos ó dito tipo de persoal.

-O persoal docente que estea ocupando postos de traballo na relación de postos de traballo da Lei 4/1988, do 26 de maio, que estean abertos ó dito tipo de persoal.

Ás prazas do tercio restante poderán optar funcionarios de calquera outra das restantes adminis

tracións públicas existentes en Galicia, sempre que cumpran as condicións que a continuación se establezan.

Serán requisitos necesarios para a realización do curso:

a) Estar na data da convocatoria en posesión do título de ensino superior ou diplomatura universitaria.

b) Ser funcionario de carreira dos grupos A e B en situación de servicio activo ou servicios especiais en calquera das administracións públicas existentes en Galicia.

c) Ter prestado un mínimo de tres anos de servicios na Administración pública ou cinco anos no caso de diplomados».

Disposición transitoria

A disposición transitoria cuarta do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, quedará redactada como segue:

Cuarta.-

O contido e desenvolvemento do curso para a obtención do diploma de directivo adaptarase á participación de persoas que desempeñasen durante máis de un ano un posto de altos cargos na normativa vixente. A este respecto non será necesario o cumprimento dos requisitos que establece o art. 4º

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública