Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 1995 Páx. 502

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 1994 pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prevé no seu plan galega de formación continuada do profesorado varias vías para garantirlle ó profesorado a posibilidade de realizar actividades de formación.

As múltiples actividades que organizan os CEFOCOPs, institucións preferentes na formación do profesorado, as universidades e outras institucións son testemuña da oferta diversificada e gratuíta que se lle debe ofertar ó profesorado.

Por outro lado hai institucións e entidades que organizan por propia iniciativa actividades de formación que son de interese para a actualización de coñecementos e a mellora da práctica docente do profesorado de niveis non universitarios.

O propio interese destas actividades de formación fai aconsellable que poidan ser recoñecidas para que teñan os mesmos efectos administrativos para o profesorado que as actividades incluídas nos Plans Provinciais de Formación.

En consecuencia, debe regularse a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado, así como as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións, por todo o cal dispoño:

Primeiro.-Definición.

Considerarase formación permanente, para os efectos do seu recoñecemento pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria, toda aquela actividade que contribúa a mellora-la preparación científica, didáctica e profesional do profesorado de acordo cos principios establecidos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e para a consecución das finalidades que esta prevé e dos obxectivos da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e que sexa convocada e realizada segundo o disposto nesta orde.

Segundo.-Destinatarios.

As actividades de formación permanente, desenvolvidas segundo establece esta orde, irán dirixidas ó profesorado e persoal especializado con destino en centros públicos e privados, todos eles dentro do ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos que se impartan ensinanzas de réxime xeral e de réxime especial e en servicios técnicos de apoio ós mesmos.

Terceiro.-Entes convocantes.

Terán validez, para os efectos do seu recoñecemento oficial pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as actividades de formación permanente convocadas a través dos seus servicios centrais, provinciais e os centros de formación continuada do profesorado, as convocadas por outras administracións educativas do Estado español, as titulacións e cursos organizados polas universidades, as titulacións de ensinanzas de réxime especial e aqueloutras actividades organizadas polas institucións públicas e privadas sen ánimo de lucro que, para este fin, conten coa homologación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Efectos.

As actividades de formación permanente realizadas de acordo co disposto nesta orde poderán valorarse en cantas convocatorias, concursos ou actos

administrativos as contemplen como requisitos ou méritos nas súas bases. As actividades de formación que non se ateñan ó establecido nesta orde non terán os efectos antes mencionados, aínda que poida deixarse constancia documental da participación nelas.

Quinto.-Clases de actividades de formación.

1. As actividades de formación permanente clasifícanse en tres modalidades básicas: cursos, seminarios e grupos de traballo, segundo o establecido no Plan Xeral Anual de Formación Permanente do Profesorado. As actividades que non se correspondan coas ditas denominacións poderán asimilarse a unha delas en razón das súas características.

2. A formación en centros, pola súa especial importancia, considérase como unha categoría específica de actividades de formación, aínda que no seu desenvolvemento poidan darse as modalidades citadas no punto anterior desta apartado.

3. Os proxectos de innovación educativa serán considerados, para efectos de certificación e valoración en horas, como grupos de traballo, tendo en conta que a súa realización deberá contar cos requisitos establecidos nos puntos 1 e 3 do apartado sétimo desta orde, co procedemento específico que se estableza para esta modalidade.

Sexto.-Requisitos das actividades de formación.

Para que unha actividade de formación permanente sexa recoñecida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria haberá de aterse ós requisitos que a continuación se expresan:

1. Deseño previo, no que se especificará:

-O director/a ou coordinador/a. (Ningunha actividade contará con máis de dúas persoas para o desempeño do conxunto destas funcións).

-A xustificación e obxectivos da actividade.

-Os contidos que se van desenvolver ou, se é o caso, a formulación dos materiais curriculares que se elaborarán e a súa experimentación.

-A organización das fases, se as houbese.

-O método de traballo.

-Os destinatarios.

-As datas ou períodos de realización, sempre fóra do horario lectivo.

-O número de prazas.

-A valoración en horas de formación.

-Calquera outro aspecto que se considere de interese.

2. A convocatoria, que será sempre de difusión pública, especificará o seguinte:

-Título da actividade e modalidade.

-Persoa directora ou coordinadora dela.

-A entidade convocante e olaboradora, se fose o caso.

-Os destinatarios da actividade. (Especificarase o ámbito cando non coincida co do CEFOCOP).

-Os criterios de selección, se fose necesario.

-Os contidos e métodos de traballo.

-As datas e períodos de realización.

-O lugar de celebración.

-As condicións de participación, especialmente no relativo á asistencia e ós compromisos de traballo, se fose necesario.

-A valoración en horas de formación.

-O número de prazas.

-Calquera outro aspecto que se coide de interese.

3. O informe final, ó que se xuntará o deseño e a convocatoria, incluirá:

-A valoración global da actividade, que deberá ter en conta o establecido nos apartados 7.3 e 7.4 desta orde.

-A acta de avaliación final, que incluirá as relacións pechadas, asinadas e seladas de:

* Asistentes con dereito a certificación.

* Asistentes que non superaron a actividade, especificando o motivo.

* Outros participantes con dereito a certificación: directores, coordinadores e relatores.

Nestas relacións figurará sempre o nome e apelidos DNI e NRP, se é o caso.

-Actas de cantas reunións de avaliación ou de seguimento se realizasen.

-Poderanse incorporar como anexo cantos documentos se elaborasen.

4. Así mesmo, e para os efectos de valoración en horas de formación das distintas actividades, será preceptiva a aprobación previa á súa realización pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria calquera que sexa a entidade organizadora dela.

Sétimo.-Avaliación.

1. A avaliación dos asistentes terá en conta tanto a participación activa nas fases presenciais como a execución das diversas propostas de traballo que se programen para as fases non presenciais. Así mesmo, teranse en conta cantos informes, individuais ou de grupo, sexan oportunos.

2. Nas fases presenciais establecerase un sistema de comprobación da asistencia, que será obrigatoria nun 90 por 100 da súa duración total. Os diarios de sesións ou as actas das reunións serán os instrumentos utilizados para deixar constancia deste extremo.

3. A avaliación dos asistentes estará a cargo da persoa directora ou coordinadora da actividade e dos relatores, se fose o caso, que, ó remata-la actividade, e unha vez analizada a participación e os

traballos elaborados, determinarán que asistentes superaron a actividade e cales non a superaron, especificando neste caso os motivos que xustifican tal decisión e facéndoo constar na acta correspondente.

4. Coa finalidade de mellorar no futuro o deseño e o desenvolvemento da actividade, os asistentes realizarán unha valoración da mesma a través do instrumento que se lles facilite para o efecto.

Oitavo.-Horas de formación permanente.

A valoración das actividades de formación permanente virá expresada en horas de formación, de acordo cos seguintes criterios:

1. Para os cursos e seminarios as horas de formación serán de dez, como mínimo, de traballo real dedicado á formación. As horas de traballo non presencial en ningún caso poderán supoñer máis dun 25 por 100 das asignadas a traballo presencial, agás nas actividades de formación realizadas con procedementos a distancia.

2. O número de horas que corresponda a cursos e seminarios determinarase unha vez estimado o tempo necesario para o seu desenvolvemento e superación.

3. As horas correspondentes ós grupos de traballo serán as que previamente determine a entidade organizadora en función do proxecto de traballo e que autorice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Cada compoñente poderá obter ata un máximo de 100 horas anuais. A comisión avaliadora, unha vez teña avaliado positivamente o traballo realizado, logo de exame do preceptivo informe final recollido no punto 3 do apartado sexto, distribuirá as horas outorgadas entre os compoñentes do grupo de traballo en razón do nivel de participación e das funcións desempeñadas por cada un deles.

4. As actividades de menos de dez horas non serán computables nin poderán acumularse, agás no caso dos relatores.

Noveno.-Expedición de certificados.

1. As actividades de formación permanente, unha vez concluídas e realizada a avaliación final, darán lugar á expedición dos correspondentes certificados de participación. Por cada actividade poderanse emitir certificados, ben de asistente, director/a, coordinador/a ou relator/a, respectando en calquera caso os seguintes criterios:

a) Os asistentes unicamente poderán recibi-la certificación que acredite a superación da actividade.

b) As persoas que exerzan as funcións de dirección ou coordinación recibirán a correspondente certificación pola actividade que dirixan ou coordinen, sen prexuízo do establecido na alínea d).

c) Os relatores ou relatoras recibirán unha única certificación por actividade, aínda no caso de que as súas intervencións aborden temáticas diferentes e se dean separadas no tempo.

d) No caso de que unha mesma persoa sexa directora ou coordinadora dunha actividade e, ó mesmo

tempo, teña actuado como relatora, especificarase na certificación as horas totais da actividade que dirixiu ou coordinou e as horas de actuación como relatora.

2. As certificacións expedidas ós asistentes especificarán a valoración da actividade superada en horas de formación.

3. As certificacións expedidas á dirección e/ou coordinación (non haberá máis de dúas persoas por actividade), e ós relatores, especificarán a valoración da súa función en horas, segundo os seguintes criterios:

-As persoas directoras e coordinadoras: o número de horas totais que dura a actividade.

-As persoas relatoras: as horas reais da súa intervención.

4. A constatación documental de que se está participando nunha actividade de formación permanente só será entregada a solicitude do interesado e expresará claramente que a actividade non está concluída, sen facer referencia a horas.

Décimo.-Forma e condicións dos certificados.

1. Os certificados acreditativos da participación en actividades de formación permanente axustaranse ós modelos que figuran como anexos desta orde e nos que constarán os seguintes datos:

-Entidade organizadora da actividade.

-Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da entidade organizadora.

-Nome e apelidos dos participantes e número de DNI.

-Denominación da actividade.

-Lugar e datas de celebración da actividade.

-Tipo de participación (asistente, director/a, coordinador/a ou relator/a).

-Número de horas de participación.

-Número de rexistro do certificado.

-Lugar e data de expedición da certificación.

-Sinatura e selo.

2. Os mencionados certificados serán expedidos e entregados directamente ós interesados pola entidade organizadora da actividade. Farase consta-la data da resolución da homologación por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no caso de entidades e institucións.

3. O persoal docente que preste os seus servicios na rede de formación e nos servicios técnicos que se determinen, non poderá recibir certificados pola dirección, coordinación, ou como persoa relatora en actividades de formación permanente incluídas no Plan de Formación do CEFOCOP no que estea destinado.

Décimo primeiro.-Rexistro xeral de formación permanente do profesorado.

1. Na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria existirá un rexistro xeral de formación per

manente do profesorado, no que constarán tódolos datos dos certificados, establecéndose sedes do mencionado rexistro nas delegacións provinciais e nos centros de formación continuada do profesorado.

2. Cando unha actividade teña carácter mixto, resultado da combinación de dúas ou tres das modalidades, sen prexuízo da súa denominación e só para os efectos desta orde, inscribirase no rexistro xeral de formación permanente, naquela que maior relevancia teña no conxunto. As actividades de formación en centros, ó teren entidade propia, inscribiranse no mencionado rexistro con tal denominación.

Décimo segundo.-Titulacións de ensinanzas de réxime especial.

As titulacións das ensinanzas de réxime especial outorgadas polas escolas oficiais de idiomas e conservatorios profesionais e superiores de música poderán ter validez para efectos do seu recoñecemento como formación permanente.

Valoración en horas de formación:

1. Música e danza: grao medio, 100 horas.

2. Ensinanzas de idiomas:

* Ciclo elemental, 100 horas.

* Ciclo superior, 100 horas.

Décimo terceiro.-As actividades de investigación e as titulacións universitarias.

As titulacións universitarias de carácter oficial, no caso de que non fosen as alegadas como requisito para o acceso á función docente, e os títulos propios de cada universidade terán efecto como formación permanente.

Valoración en horas de formación:

1. Titulacións de primeiro ciclo: por cada diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou títulos declarados legalmente equivalentes e polos estudios correspondentes ó primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñería: 300 horas de formación.

2. Titulacións de segundo ciclo: polos estudios correspondentes ó segundo ciclo de licenciaturas, enxeñerías, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes: 300 horas de formación.

3. Outorgaranse as seguintes horas por separado e de acordo co disposto no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios posgraduados:

Por supera-lo programa de doutorado: 300 horas de formación.

Pola obtención do título de doutor: 300 horas de formación.

Décimo cuarto.-Equivalencias das actividades.

Establécense as seguintes equivalencias das actividades que se relacionan:

1. Participación do profesorado en programas convocados polas administracións educativas:

* Escolas viaxeiras: 15 horas por cada unha ata un máximo de 30 horas por sexenio.

* Intercambios escolares: 15 horas por cada unha ata un máximo de 30 horas por sexenio.

* Titor de prácticas de maxisterio: 15 horas por ano ata un máximo de 60 horas por sexenio.

* Titor de prácticas do CAP: 15 horas por ano ata un máximo de 60 horas por sexenio.

2. Participación do profesorado en actividades en empresas en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: o número de horas será o determinado en cada actividade.

Disposicións adicionais

Primeira.-O recoñecemento das actividades de formación permanente convocadas e realizadas por centros ou organismos estranxeiros poderá realizarse a solicitude do interesado, acompañada dos documentos acreditativos da súa participación e das horas de duración da actividade, segundo o procedemento que se estableza.

Segunda.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia ou as Comunidades Autónomas con competencias plenas en materia de educación poderán asinar convenios de coordinación sobre o recoñecemento mutuo de actividades de formación e dos efectos delas derivados.

Terceira.-Para efectos do incremento do complemento específico, que entrou en vigor con data do 1 de outubro de 1992, teranse en conta as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 1992, incluídas nos plans provinciais ou convocadas polos servicios centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do Ministerio de Educación e Ciencia ou as restantes administracións educativas. Non será posible utilizar horas sobrantes dun sexenio para perfecciona-lo sexenio seguinte.

Cuarta.-A presente orde será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición derradeira

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá dicta-las normas oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1994.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación

Educativa e Centros