Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 1995 Páx. 499

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

Na nosa sociedade é cada vez máis necesaria a información ó consumidor e usuario, para que coñeza os seus dereitos e deberes e poida exercelos con máis responsabilidade e saiba defendelos.

Nunha sociedade avanzada, moderna e solidaria é necesario que exista unha correcta formación e unha adecuada educación ó consumidor como forma de esperta-lo seu espírito crítico, para ser libre nas distintas maneiras de acceso ó mercado. É necesaria, tamén, a súa formación no transcurso da vida, para que as circunstancias que poidan afecta-los dereitos ante a seguridade, saúde e intereses económicos sexan recoñecidas.

Co fin de estudia-los mecanismos e hábitos do consumo nesta Comunidade e de dirixir con eficacia os esforzos encamiñados á orientación dos consumidores e usuarios, fomentando a presencia destes nos distintos ámbitos sociais, créase o Instituto Galego de Consumo como organismo autónomo daquela Consellería da Xunta de Galicia que teña as competencias en materia de consumo, co labor fundamental de facer coñece-los dereitos dos consumidores e usuarios, co fin de que estas sexan tidos en conta e respectados por tódolos que están formando parte dunha economía de mercado.

O Instituto Galego de Consumo exercerá un conxunto de funcións específicas que contribúan á defensa do consumidor e usuario en Galicia, protexendo os seus intereses mediante procedementos eficaces, tal como sinala o artigo 51 da Constitución, en exercicio das competencias que lle veñen atribuídas polo artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia e oídos o Consello Galego de Consumo e as asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rey, a Lei de creación do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 1

1.-Créase o Instituto Galego de Consumo como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á Consellería que teña as competencias en materia de consumo.

2.-O Instituto Galego de Consumo é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio de seu, que actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins, e que se rexerá pola presente lei, pola normativa autonómica que lle sexa aplicable e pola reguladora das entidades autónomas.

Artigo 2

O Instituto Galego de Consumo terá a súa sede en Santiago de Compostela, e poderá crear oficinas

e desenvolve-las súas actividades noutras localidades de Galicia.

Artigo 3

O Instituto terá os seguintes fins:

a) Orientar, formar e informa-los consumidores e usuarios sobre os seus dereitos e a forma de exercelos e de difundi-lo seu coñecemento, co fin de que sexan tidos en canta e respectados por todos aqueles que interveñan no mercado e por aqueles ós que poida afectar directa ou indirectamente en relación cas bens e servicios.

b) Potencia-lo establecemento e desenvolvemento das organizacións de consumidores e usuarios e asesoralas tecnicamente.

c) Promover e levar a cabo os estudios que permitan unha adecuada prognose da problemática do consumo, así como levar a cabo ensaios comparativos, análises de laboratorio e, en xeral, tódolos procedementos técnicos que se precisen para o mellor coñecemento dos bens, productos e servicios que se lle oferten ó consumidor e usuario.

d) Elaborar e difundir información para facilitarlles ós consumidores e usuarios a elección, con criterios de racionalidade, dos bens, productos e servicios xenéricos máis adecuados ás súas necesidades.

e) Impulsa-la formación do cidadán como consumidor e usuario, propoñéndolles ós organismos competentes a adopción de programas de educación para o consumo nos distintos graos do ensino e realiza-las actuacións necesarias para asegurar que a dita formación sexa permanente.

f) Asesora-la Xunta de Galicia no desenvolvemento da normativa de todos aqueles aspectos que afecten ou poidan afecta-los consumidores e usuarios, promovendo a elaboración de normas para a súa defensa, achegándolle-la información necesaria a este fin.

g) Cooperar coas administracións públicas, atendendo de xeito especial as oficinas municipais de información ó consumidor con aqueloutras entidades de semellante ámbito competencial, por supoñe-lo servicio máis próximo ó cidadán e coordina-las súas actuacións coas dos concellos.

h) Asesorar tecnicamente as oficinas de información ó consumidor e usuario da Administración local e colaborar con elas.

i) Poñer en coñecemento dos organismos competentes da Administración propostas e iniciativas en relación coas funcións e competencias do Instituto.

j) Exerce-los demais fins que se lle encomenden, na súa función de protección do consumidor e usuario.

Artigo 4

Os órganos de goberno do Instituto Galego de Consumo son:

a) O Consello de Dirección.

b) O presidente.

Artigo 5

1.-O Consello de Dirección estará constituído por un presidente e por vocais representantes da Administración autonómica, da Administración local, das organizacións representantes dos consumidores e usuarios e das cámaras de comercio, na forma e no número que regulamentariamente se determinen.

2.-O presidente do Instituto Galego de Consumo será designado polo conselleiro competente en materia de consumo.

3.-Os vocais serán designados polo conselleiro que teña as competencias en materia de consumo, por proposta dos órganos ou das entidades que representen.

4.-O Consello de Dirección contará, ademais, con secretario, con voz e sen voto, que redactará e custodiará as actas que se encargará do despacho dos asuntos daquel, co visto e prace do presidente.

Artigo 6

1.-Serán funcións do Consello de Dirección:

a) Aproba-lo regulamento de réxime interior.

b) Aproba-las liñas xerais de actuación do Instituto.

c) Aproba-los plans e programas de actuación.

d) Autoriza-la subscrición de convenios para a aplicación dos programas.

e) Formular propostas e recomendacións sobre cuestións de consumo en relación con outros organismos e entidades.

f) Aproba-los anteproxectos de presupostos e elevarllos á Consellería que teña as competencias en materia de consumo.

g) Aproba-las contas e a memoria anual.

2.-O Consello de Dirección poderá delega-las funcións previstas nos apartados c), d) e e) do número anterior nunha Comisión executiva, que se constituirá nos termos que regulamentariamente se determinen.

Artigo 7

Serán funcións do presidente do Instituto Galego de Consumo:

a) Representa-lo Instituto.

b) Presidir e convoca-lo Consello de Dirección.

c) Dirixi-lo Instituto e facer cumprir e executa-los acordos do Consello de Dirección.

d) Impulsar e supervisa-las actuacións do organismo e das súas comisións e ponencias.

e) Atender e canaliza-las propostas e peticións das organizacións de consumidores e usuarios e velar pola súa adecuada tramitación.

f) Ordena-los pagamentos.

g) Propoñerlle ó Consello de Dirección os plans xerais e os programas de actuacións, así como os convenios de colaboración e cooperación que sexa preciso establecer con outros organismos e entidades.

h) Exerce-la dirección superior do persoal.

i) Exercer calquera outra función, non reservada expresamente a outros órganos da Xunta, en materia propia do Instituto.

Artigo 8

1.-Por proposta do presidente, o Consello de Dirección do Instituto Galego de Consumo designará un xerente, que terá as seguintes funcións:

a) Dirixi-la administración e o persoal do Instituto.

b) Administrar e xestiona-los recursos económicos.

c) Elabora-los anteproxectos dos presupostos, as contas e a memoria anual das actividades do Instituto.

d) As demais funcións que lle delegue o presidente e lle encargue o Consello de Dirección.

2.-O xerente asistirá ás reunións do Consello de Dirección con voz pero sen voto.

Artigo 9

Para o cumprimento dos seus fins, o Instituto Galego de Consumo dispoñerá dos seguintes medios económicos:

1.-Recursos ordinarios:

1.1.-As cantidades que se lle asignen nos presupostos da Comunidade Autónoma.

1.2.-Os bens e valores que constitúen o seu propio patrimonio e os rendementos desta.

2.-Recursos extraordinarios:

2.1.-As subvencións oficiais e as achegas ou contribucións doutros organismos, entidades ou particulares.

2.2.-As contraprestacións que poida percibir de convenios que subscriba e polas actividades do Instituto.

2.3.-Os ingresos percibidos en concepto de taxas e prezos públicos ou privados.

2.4.-O rendemento de publicacións, estudios, cursos e outras actividades atribuídas ó Instituto.

3.-Outros ingresos ordinarios e/ou extraordinarios que o Instituto estea autorizado a percibir, de acordo coas disposicións vixentes.

Artigo 10

O presuposto para o desenvolvemento do Instituto Galego de Consumo elaborarase anualmente con suxeición ó preceptuado na materia para os organismos autónomos administrativos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e polas demais normas que a complementen ou desenvolvan.

Artigo 11

1.-O Instituto deberá estructurarse adecuadamente para atender, como mínimo, as seguintes áreas operativas.

a) Estudios e asistencia técnica e xurídica.

b) Orientación, información, formación e educación dos consumidores e usuarios.

c) Documentación, publicacións e difusión.

e) Administración e rexistro de entidades.

d) Relacións con organismos e entidades.

2.-O Instituto poderá crear, no seu seo, por acordo do Consello de Dirección, comisións e ponencias que teñan como finalidade o estudio das cuestións relacionadas coa producción, distribución e prestación de servicios ós consumidores e usuarios, e estas estarán integradas por representantes da Administración, dos sectores correspondentes e das organizacións representantes dos consumidores e usuarios.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente lei.

Disposición derradeira primeira

O Consello da Xunta de Galicia adoptará cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento da presente lei.

Disposición derradeira segunda

Esta lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente