Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 1995 Páx. 398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se regulan as subvencións a concellos para o fomento e realización de actividades xuvenís.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación da xuventude na vida política, económica, social e cultural, así como unha maior presencia dos mozos nos procesos de toma de decisións, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil e prestarlles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos e referidas á xuventude, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude considera de máximo interese traballar na potenciación do asociacionismo xuvenil e no fortalecemento do labor de animación socio-cultural, accións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.461 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, concederalles subvencións ós concellos de Galicia para o fomento e a realización de actividades xuvenís.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

b) Realización de xornadas específicas de temática propia da xuventude.

c) Actividades ó aire libre e campamentos.

d) Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana, científica e integral da persoa.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvención ó abeiro da presente orde tódolos concellos da Comunidade Autónoma galega. No caso daqueles que recibirán subvención no último ano, deberán cumpri-lo requisito de tela debidamente xustificada.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes mandaranse á conselleira de Familia, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das delegacións provinciais desta, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Breve memoria explicativa dos programas de actividades que se propoñen, na que consten para cada un deles: o orzamento, o número estimado de beneficiarios, a localidade onde se vaia desenvolver, as datas de realización (que deberán ser no ano 1995), e os obxectivos perseguidos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, en virtude do cal se solicita subvención.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do dia seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude, poderáselles requirir ós solicitantes, se fora necesario, a reparación dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos programas presentados polos concellos terán consideración prioritaria os seguintes criterios:

a) Aqueles que teñan como obxectivo a promoción do asociacionismo xuvenil ou da participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

b) Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

c) Os destinados á realización de xornadas específicas de temática propia da xuventude.

d) Aqueles que se baseen no desenvolvemento dunha actividade de animación socio-cultural na que se integre algún compoñente de tipo formativo ou educativo.

e) Aqueles que vaian dirixidos a colectivos xuvenís con algún tipo de problemática ou grupos marxinais.

f) Nº de beneficiarios e a proxección social das actividades programadas.

g) Actividades orientadas á loita contra o racismo, xenofobla, antisemitismo e a intolerancia.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou do conxunto de actividades obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. O director xeral de Xuventude elevaralle a correspondente proposta á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo de seis meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución

expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. A resolución será notificada polo director xeral de Xuventude, especificando o importe e mailo obxecto da axuda concedida.

Os solicitantes ós que non se lle conceda subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención e pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, remitirase, no prazo dun mes, certificación do secretario do concello sobre o acordo plenario ou da Comisión de Goberno do concello, no que se deixará constancia da aceptación da axuda concedida na súa contía e condicións. Recibida esta certificación, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta de liquidación ata unha porcentaxe do 80% da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10% unha vez recibida a aceptación da axuda concedida, de acordo co disposto no artigo 34.2.a da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10% previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do secretario do concello beneficiario na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto de subvención.

Artigo 8º.-Xustificacións da subvención e pagamento.

1. Unha vez realizada a actividade, remitiranse os xustificantes dela ou certificación expedida polo secretario ou persoa técnica responsable do concello, na que se fará consta-la efectiva realización das actividades subvencionadas e o gasto correspondente. Os xustificantes ou certificacións deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 30 de outubro de 1995.

2. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o apartado 1º do presente artigo, o director xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa do director xeral de xuventude.

2. A facer constar na publicidade e difusión que xere, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

3. A presentar, no momento da recepción dos fondos, unha certificación do interventor municipal que acredite que o ingreso da subvención percibida está rexistrado na contabilidade do concello.

Artigo 10º.-Control e posible anulación da subvención.

A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos, así como a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, cando se incumpra o obxecto do programa ou algunha das condicións establecidas nos artigos 7, 8 e 9 da presente orde, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación e a vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

No caso de que, unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde, quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se retire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro de 1995, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude e cumpren os requisitos e condicións establecidas nesta orde.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude