Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 1995 Páx. 394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian e regulan axudas para actividades programadas por entidades xuvenís ou entidades prestadoras de servicios á xuventude.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude considera obxectivo prioritario potencia-la actividade asociativa xuvenil para promove-lo desenvolvemento comunitario e a participación da xuventude na vida social, política, económica e cultural. Para conseguir este obxectivo é fundamental prestar apoio ás entidades que traballan neste eido, posibilitando a realización de actividades que sexan de interese para a poboación xuvenil, fomentando e potenciando dese xeito o seu nivel participativo. Por isto, establécense as presentes axudas dirixidas a posibilita-la realización de actividades de promoción, animación socio-cultural, información xuvenil, estudios da problemática específica da mocidade e aqueloutras encamiñadas a incrementa-las relacións e intercambios con outros grupos doutros ámbitos territoriais e culturais, para facer posible a comunicación e contraste de experiencias e ideas sobre a problemática xuvenil.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.481 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, concederá subvencións para a realización de actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Promoción do asociacionismo xuvenil.

b) Os destinados á creación de servicios de información xuvenil, e á promoción da información xuvenil en xeral.

c) Cursos de formación para a xuventude.

d) Animación socio-cultural.

e) De aire libre, medio ambiente e natureza.

f) As destinadas a estudios e publicacións que traten analítica e prioritariamente a problemática da xuventude.

g) Actividades de intercambios con entidades xuvenís doutras comunidades autónomas e países estranxeiros.

h) Calquera programa polivalente de actividades que incidan na formación integral da xuventude.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións: as organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude inscritas no censo de entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude, dependente da Dirección Xeral de Xuventude (Orde 21-3-1991, DOG do 4 de abril).

2. Será requisito imprescindible para a concesión de subvención, ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 3º-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades de ámbito superior a unha provincia, ou ó correspondente delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

Poderán presentarse no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Breve memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar.

d) Orzamento de ingresos e gastos de actividades con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, poderá requirirse, se fose necesario, a corrección dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A avaliación das solicitudes recibidas efectuarase conforme os seguintes criterios, por orde de prioridade:

1. Proxectos de actividades destinados a promover ou fortalece-lo asociacionismo xuvenil.

2. Proxectos de actividades destinados á creación de servicios de información xuvenil, ou a promoción da información xuvenil en xeral.

3. Os programas promovidos por entidades de ámbito rural, sendo destinataria principal a mocidade deste medio.

4. Aqueles nos que as actividades con finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre as meramente recreativas.

5. O número de destinatarios e a proxección social das actividades propostas.

6. O carácter continuado e non meramente ocasional das actividades programadas.

7. Os destinados a arrabaldes urbanos desasistidos ou grupos marxinais.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

A contía da axuda concedida non poderá exceder do 75% do orzamento total da actividade subvencionada.

Artigo 6º.-Resolución.

1. No caso das entidades de ámbito superior a unha provincia, unha vez emitido informe sobre as solicitudes polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, o director xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, o informe corresponde ós servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e a resolución será dictada polo delegado provincial da consellería.

3. A resolución da solicitude de subvención seralle notificada a tódolos solicitantes, no prazo de seis meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

4. A resolución será notificada polo director xeral de Xuventude ou polo delegado provincial, segundo corresponda en función do ámbito da entidade solicitante, especificando o importe e obxecto da axuda concedida.

5. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente as actividades e comproba-los datos económicos, así como de espallar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

6. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Trascorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

1. A comunicar no prazo de 10 días naturais, a partir da recepción da notificación de concesión da subvención, a súa aceptación nas condicións e límites que se expresan na notificación.

2. A non modificar, sen autorización expresa do director xeral de Xuventude ou do delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo o caso, o programa de actividades inicialmente previsto.

3. A admiti-la comprobación da execución dos proxectos subvencionados por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou por parte dos órganos territoriais da consellería.

4. Facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron axuda da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. A xustificación das axudas efectuarase antes do día 30 de outubro de 1994, mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias, vindo recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

No caso de presentar fotocopias das facturas, estas acompañaranse dos orixinais e unha vez compulsadas pola unidade administrativa, logo de aboamento da taxa correspondente, procederase a devolución dos orixinais.

2. Presentarase así mesmo unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8, poderase proceder ó pagamento da subvención.

Non obstante, unha vez recibida a comunicación da aceptación da subvención, o órgano competente, segundo o caso, poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta de liquidación ata unha porcentaxe do 80% da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10% unha vez recibida a aceptación da axuda concedida, de acordo co disposto na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10% previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do secretario da entidade beneficiaria co visto e prace do presidente na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto de subvención.

2. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real proxectado.

Artigo 10º.-Posible anulación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incrumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polas entidades solicitantes, desde o 1 de xaneiro de 1995, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude e cumpren os requisitos esixidos e condicións establecidas nesta orde.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude