Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 1995 Páx. 394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 405/1994, do 29 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de beirarrúas na estrada Fefiñáns-Oubiña.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión celebrada o día 29 de setembro de 1994, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de novembro de 1994 baixo o número 11.973.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 16 de decembro de 1994, baixo o número 13.118.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a obra está incluída no Programa Operativo Local 1991 a 1993, debendo encargarse a Concello de poñer a disposición da Deputación Provincial os terreos afectados pola obra que, ó pertencer ó ano 1993, terá que estar rematada no ano 1994.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de beirarrúas na estrada Fefiñáns-Oubiña.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais