Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 1995 Páx. 389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 403/1994, do 29 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 20 kV de reelectrificación de Galdo -cuarta fase-, no concello de Viveiro, provincia de Lugo (Expediente nº 2.969-A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Cidade de Viveiro nº 4 de Lugo, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 596 m de lonxitude, conductor LA-56, e apoios de formigón e torres metálicas, con orixe no último apoio da L.M.T. derivación ó C.T. de Trabe e remate no C.T. de Igrexa, no concello de Viveiro (Lugo), expediente nº 2.969-A.T.

A dita instalación autorizouse, declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 9-11-92, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 22-12-92, no BOP de Lugo do 2-2-93, no xornal El Progreso de Lugo do 19-11-92 e no BOE do 31-12-92.

A solicitude de urxente ocupación fíxose con base no disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 11-12-93, no BOP de Lugo do 23-12-93, no xornal El Progreso de Lugo do 2-10-93, e a simple referencia no BOE do 17-11-93; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada uno dos interesados que figuran na dita relación, agás ó titular do predio nº 27, pois por resultar descoñecido naquel momento déuselle traslado das actuacións practicadas ó ministerio fiscal, segundo o art. 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións, nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez practicada por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea a 20 kV de reelectrificación de Galdo -4ª fase-.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Viveiro (Lugo) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. A solicitude da empresa beneficiaria, por chegarse ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición os predios n 12, 13, 14, 16, 18, 20, 24, 26, 30, 34 e 39 da devandita relación.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio