Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 09 de xaneiro de 1995 Páx. 350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de decembro de 1994 pola que se regulan axudas para mantemento, realización de programas e investimentos destinados á prestación de servicios sociais polas corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle, no seu artigo 74.1 e 74.2, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para lles facer fronte ós gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 da presente Lei lle atribúe á Administración autonómica, así como nos artigos 75, 76 e 77 a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de estableceren nos seus orzamentos unha partida específica destinada ó mantemento dos servicios sociais.

De conformidade co Decreto 291/1993, do 11 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 198/1994, do 16 de xuño, pola que se fixa a estructura orgánica da consellería, correspóndelle a esta competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo IV e VII, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materializa a prestación.

Na Lei 11/92, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no proxecto de Lei de orzamentos para o presente exercicio, establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

O proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 regula as subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

A presente orde de convocatoria de axudas adaptarase á Lei 11/1992, do 7 de outubro (artº 78), atendendo en todo caso ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos, nas aplicacións:

11.02.212A.460.00

11.02.212A.460.05

11.02.212A.463.00

11.02.212A.760.00

11.02.212A.761.00

11.02.212A.762.00

11.02.212D.460.00

11.02.212D.760.00

existen partidas orzamentarias adecuadas á contía total consignada nelas, para as subvencións que se establecen no articulado da presente orde, que se concederán tendo en conta, en todo caso, o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.-A presente orde de axudas ten por obxecto o financiamento total ou parcial dos seguintes servicios sociais que presten as corporacións locais:

1.1.-Servicios sociais de atención primaria que constituirán o nivel máis próximo ó usuario e ó seu ambiente familiar e social, desenvolven programas e prestan axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos dentro do seu medio comunitario e que se prestan nos seguintes equipamentos (centros):

a) Centros de servicios sociais.

b) Centros de acollida.

c) Albergues.

d) Cantos outros poidan ser de utilidade para o traballo social de atención primaria.

Dentro das actividades que se desenvolvan nos ditos centros de servicios sociais ou servicios sociais de base, serán obxecto de financiamento prioritario os seguintes programas básicos de actuación: de orientación, asesoramento e información; de axuda no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento da solidariedade e todos aqueles que se poidan levar a cabo dende o primeiro nivel de atención.

1.2.-Servicios sociais de atención especializada, dirixidos a sectores da poboación con problemáticas definidas, que precisen dun tratamento particular ou dunha prestación específica e non se poidan resolver desde os servicios sociais de atención primaria, sendo os seguintes a título enunciativo:

a) Servicios e equipamentos na área da minusvalidez.

b) Servicios e equipamentos na área da vellez.

c) Servicios e equipamentos na área da drogodependencia e o alcoholismo.

d) Servicios e equipamentos na área de prevención da delincuencia.

e) Aqueloutros que respondan de forma estable a situacións carenciais de colectivos específicos.

1.3.-Programas de eliminación de barreiras arquitectónicas.

2.-A solicitude, tramitación e concesión de axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 e na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais que desexen implantar ou xa teñan a titularidade dos centros ou servicios que se mencionan no artigo anterior.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De mantemento.

-De servicios sociais de atención primaria.

-De servicios sociais de atención especializada.

b) De realización de programas básicos de actuación.

-De carácter comunitario, destinados á poboación en xeral.

-De carácter especializado, dirixidos a sectores específicos ós que se refire o artigo 1.2 da presente orde.

c) De investimento.

-De adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións.

a) A concesión das axudas reguladas pola presente orde, a criterio da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, poderase suxeitar á formalización dun convenio coa corporación local beneficiaria; logo de solicitude desta no prazo de presentación dos proxectos, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas.

b) Tanto para as subvencións de investimento como para as de mantemento e realización de programas, a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto sen que, en ningún caso, implique

duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado. Para o efecto de comprobar tal extremo, a entidade subvencionada queda obrigada a pór en coñecemento do órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para concede-la subvención, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados.

c) As respectivas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais prestarán o apoio e asesoramento técnico necesarios e coordinarán as actuacións das corporacións locais da provincia, coa finalidade de que os proxectos que se presenten sexan viables.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1.-As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais ou servicios comarcais, se é o caso, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de información administrativa e atención ó cidadán da Xunta de Galicia, conforme os anexos I e II para os servicios sociais de atención primaria e de atención especializada, respectivamente.

As axudas para servicios sociais de atención primaria (comunitarios) efectuaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas da prórroga establecida na disposición adicional primeira, á que se xuntará unha memoria individualizada para cada un dos servicios, programas e investimentos para os que se solicite asubvención.

As axudas referidas a servicios sociais de atención especializada articularanse, así mesmo, nunha única solicitude que deberá ir acompañada dunha memoria por cada programa que se vaia desenvolver nos distintos sectores de poboación para os que se solicita atención.

2.-Á devandita documentación xuntaráselle ademais:

a) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local (ou corporacións locais no caso de compartiren o servicio), da cantidade específica destinada ó mantemento e desenvolvemento dos servicios sociais de atención primaria, financiados a través do plan concertado e servicios sociais de atención especializada para o ano 1995 tendo en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 e 77 da Lei de servicios sociais.

b) Certificado de acordo da corporación local de solicita-la subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior.

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria (anexo III) xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3.-No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntaranse ademais a seguinte documentación:

a) Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do rexistro da propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade desta por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así coma o seu prezo.

b) Construcción, reforma e adecuación:

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se faga consta-las condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

-Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento das obras que se van realizar.

c) Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretenden realizar.

Artigo 6º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentarase por exemplar duplicado, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente polos órganos provinciais ou centrais competentes, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Tramitación de expedientes.

1.-Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estas reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que se así non o fixesen nun prazo de 10 días, considerarase que desistiron da súa petición, arquivándose sen máis trámite

segundo o disposto no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Unha vez revisados e completados, os expedientes seranlles remitidos á Comisión Central ou Provincial de Valoración, segundo se trate de solicitudes relativas a servicios sociais de atención primaria ou especializada, respectivamente.

3.-A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Na esfera central:

-Presidente: director xeral de Servicios Sociais.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Prestacións e Programas.

-Vocais: dous funcionarios da Dirección Xeral designados polo conselleiro a proposta do director xeral de Servicios Sociais. Actuará como secretario un dos vocais.

-Un representante da Intervención Delegada, con voz pero sen voto.

b) Na esfera provincial:

-Presidente: delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Vicepresidente: xefe da Área de Servicios Sociais.

-Vocais: dous funcionarios da área de Servicios Sociais designados polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vocais.

-Un representante da Intervención Territorial, con voz pero sen voto.

4.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 9º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas dos servicios sociais de atención primaria, por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, corresponderalle ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, dado que a rede pública municipal de servicios sociais de atención primaria financiada con cargo ó convenio-programa subscrito co Ministerio de Asuntos Sociais é de ámbito supraprovincial, debendo garantirse unhas prestacións mínimas en condicións de igualdade en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

2.-A resolución de axudas de servicios sociais de atención especializada, por proposta da respectiva

comisión provincial de valoración, logo de fiscalización pola Intervención Territorial, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3.-As resolucións de concesión seranlles notificadas ás corporacións locais. Por outra parte, as ditas resolucións poderán ser modificadas polo órgano competente ante calquera alteración das condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1.-Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos e convenios nos que se detalle con carácter específico.

1.1.-Subvencións para mantemento e realización de programas.

Ó abeiro do establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, e polo disposto no acordo do Consello da Xunta do 02.12.1994, o pagamento destas axudas poderá facerse en varios prazos:

a) O primeiro, do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo, deberá presentarse certificado de retención de crédito pola corporación local da aportación municipal, diferenciando a parte que corresponde á asistencia primaria da dos servicios especializados.

b) Ata o seguinte 50% da subvención a partir do día 30 de xuño de 1995, sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda a domicilio e realización de programas superan o 80% da cantidade concedida, salvo no caso de que nesta data se poida xustificar que o concello ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso procederase ó aboamento do 100% da subvención tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida polo órgano competente de que foi realizado un gasto igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o que foi concedida.

1.2.-Subvención para gastos de investimento.

No suposto de subvencións para gastos de investimento o pagamento e a xustificación efectuarase de acordo co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995. Deberá presentarse a seguinte documentación:

-Certificación emitida polo órgano competente da corporación local sobre a realización do mencionado investimento e expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

2.-En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do presente exercicio. Cando algunha das prestacións non se desenvolvan na súa totalidade, por circunstancias que se terán que acreditar na xustificación correspondente, os remanentes de crédito que puidesen existir ó remate do exercicio quedarán adscritos ó mesmo programa de actuación, de forma improrrogable para o exercicio inmediato seguinte. Para subvencións de capital a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 1995.

3.-Así mesmo, as corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo de un mes desde que lle fosen requiridos, cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida.

4.-A falta de xustificación na forma e prazos sinalados ocasionará, ademais das responsabilidades a que dese lugar en dereito, a imposibilidade de prorroga-los proxectos para futuros exercicios.

Artigo 11º

As delegacións provinciais, a través das xefaturas de área de servicios sociais, efectuarán o labor de seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa para o desenvolvemento das prestacións básicas de servicios sociais sexan respectadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-As subvencións outorgadas ós concellos para o mantemento dos servicios sociais de atención primaria durante o exercicio de 1994 considéranse prorrogadas para o exercicio de 1995 conforme os seguintes termos:

a) A prórroga afectará os gastos de persoal dos distintos servicios sociais de atención primaria (comunitarios) e o programa de axuda a domicilio.

b) A contía referente ós gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 1994.

c) A contía do programa de axuda a domicilio será a que resulte de multiplicar 150.000 pts. polo número de usuarios atendidos e xustificados no ano 1994,

sen que en ningún caso o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

En todo caso, será necesario para a concesión da axuda do ano 1995 a previa presentación da avaliación do ano 1994.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificada pola Lei 14/1992, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais para 1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1994.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais