Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 262

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1994, da Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se fai pública a convocatoria de poxa das madeiras que se citan.

Por esta resolución convócase a poxa para o alleamento de madeiras dos lotes que se citan no anexo, e de acordo co disposto nas ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 8 de xullo de 1989 (DOG do 21 de xullo) e do 15 de marzo de 1990 (DOG do 23 de marzo).

A poxa terá lugar no salón de actos da Escola de Capacitación Agraria sita en Guísamo (A Coruña).

Para estas poxas rexerán as ordes antes citadas e mailos pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas, que figuran no expediente correspondente na Xefatura Provincial de Montes e Industrias Forestais da Coruña, sita na rúa Salvador de Madariaga, s/n (edificios ministeriais, Monelos), desa cidade, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar -durante os vinte días hábiles seguintes ó da publicación no DOG da presente resolución- no rexistro da Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e en calquera das formas legalmente establecidas.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás dez horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará os sobres pechados para cada oferta. O sobre «A», coa documentación administrativa e o sobre «B», coa oferta económica.

O sobre «A», que contén a documentación administrativa, poderá ser único para tódalas poxas que se celebren ante a mesa e na mesma sesión.

Deberá conte-la seguinte documentación:

1.-Acreditación da personalidade do licitador.

2.-Os resgardos acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 340 do Regulamento xeral de contratación do Estado.

3.-Declaración responsable de reunir todos e cada un dos requisitos esixidos no artigo 9 da Lei de contratos do Estado sobre capacidade para contratar coa Administración.

4.-Os que acrediten a clasificación empresarial do licitador.

O sobre «B» recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados na Xefatura Provincial de Montes e Industrias Forestais da Coruña. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre «B» individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 4% do prezo de adxudicación dentro dos vinte días seguintes ó da data na que regulamentariamente se lle comunique que a adxudicación é definitiva.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1.-O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada poxa.

2.-O importe das taxas.

3.-Os gastos proporcionais deste anuncio.

4.-Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, un 4% sobre o importe da adxudicación en concepto do IVE.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1994.

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura,

Gandería e Montes