Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 251

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ACORDO do 2 de novembro de 1994, da Comisión Galega de Medio Ambiente, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto dunha planta móbil para o tratamento térmico dos residuos hospitalarios en Galicia, promovido pola empresa Tecmenh, S.A. que se pretende instalar indistintamente nos polígonos industriais das Gándaras (O Porriño) e Seixalbo (Ourense).

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adapte para a realización ou, se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade, das abranguidas no anexo da devandita disposición.

A Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente recibiu en data 13 de agosto de 1993 o proxecto de referencia, para a súa tramitación conforme o establecido no Decreto 442/1990, antes citado.

En virtude do establecido no artigo 5.2 do mencionado decreto semeteuse ó trámite de información pública o proxecto mediante Resolución do 6 de maio de 1994, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 8 de xuño de 1994.

No citado trámite de información pública presentáronse dúas alegacións: de Alicia Ribas Noguera, médica, e de Armando Ferreiro Mourelo, empregado. Ámbalas dúas fan referencia á condición do carácter móbil do sistema así como a outros aspectos que se consideran na presente avaliación de impacto ambiental.

O proxecto promovido por Tecmeh, S.A. ten como finalidade o tratamento térmico dos residuos hospitalarios en Galicia.

Segundo información complementaria remitida pola empresa a planta instalaríase indistintamente nos seguintes lugares:

-O Cumial-Polígono de Seixalbo, s/n. Ourense.

-Polígono Industrial As Gándaras, parcela 29. O Porriño.

-Polígono Industrial As Gándaras, parcela 105-B. O Porriño.

O sistema de incineración constitúe unha das alternativas de eliminación de residuos hospitalarios sempre que se cumpran unha serie de condicións tales como:

a) Que o réxime de funcionamento permita alcanzar temperaturas comprendidas no rango de 900-1.200ºC na cámara de combustión secundaria.

b) Alimentación automática ou semiautomática do forno con mecanismos de carga elevadores ou de bloqueo de recipientes.

c) Dobre cámara de combustión.

d) Sistema de tratamento de gases que garanta o cumprimento das limitacións de emisións á atmosfera establecidas na normativa de protección do ambiente atmosférico de aplicación a estas actividades.

As instalacións de incineración de residuos hospitalarios compóñense de remolques que, unha vez montados e ensamblados, constitúen un completo equipo de incineración controlada e con depuración de gases «in situ».

Unha vez avaliado o proxecto técnico, o estudio da avalación de impacto ambiental e a documentación relacionada co proxecto, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1991, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dunha planta móbil para o tratamento térmico dos residuos hospitalarios en Galicia, promovido pola empresa Técnicas Medioambientais e Hospitalarias (Tecmeh, S.A.)

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio e o órgano ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente.

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

A Comisión Galega de Medio Ambiente considera apropiada a tramitación de declaración de impacto ambiental sobre o referido proxecto de planta móbil para o tratamento dos residuos hospitalarios en Galicia que se pretende instalar, indistintamente, nos seguintes lugares:

-O Cumial-Polígono de Seixalbo, s/n. Ourense

-Polígono Industrial As Gándaras, parcela 29. O Porriño

-Polígono Industrial As Gándaras, parcela 105-B. O Porriño

Promovido pola empresa Tecmeh, S.A., así como as medidas correctoras e de protección ambiental e o plan de vixilancia ambiental contidos no proxecto técnico e no estudio de avaliación de impacto ambiental. As ditas medidas e plan non se consideran suficientes, polo que deberán ser modificadas e complementadas coas que a continuación se indican.

A Comisión Galega de Medio Ambiente, na súa reunión do 2 de novembro de 1994, acorda, para os sós efectos ambientais, emitir informe favorable sobre o dito proxecto, coa obriga de que, por parte do promotor, se cumpran as condicións contidas na presente declaración de impacto ambiental.

1.-Consideracións preliminares.

En primeiro lugar o promotor deberá te-la autorización de xestor de residuos tóxicos e perigosos así como utilizar camións autorizados para o transporte de tales residuos, pertencentes ó grupo 6 do Regulamento de transporte de mercadorías perigosas

por estrada (TPC). A identificación dos residuos realizarase do xeito indicado no Real decreto 833/1988.

O promotor poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas contidas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presente graves dificultades para a súa implantación, impliquen modificacións importantes na actividade industrial ou os avances tecnolóxicos permitan mellores solucións. Nestes casos o promotor solicitarao á Comisión Galega de Medio Ambiente aportando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas, que en todo caso deberán permitir acada-los obxectivos e fins indicados na presente declaración.

Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaralle o acordo ó promotor.

Os prazos para a remisión dos estudios complementarios previstos nesta declaración fixaranse no apartado 3, medidas de control e vixilancia ambiental.

2.-Análise de alternativas.

O proxecto de referencia debe encadrarase como unha alternativa dentro das posibles para a xestión dos residuos hospitalarios, polo que, neste momento, a única análise de alternativas factibles é a do lugar da instalación, encontrándose como a alternativa máis favorable, desde o punto de vista ambiental, a instalación da planta en polígonos industriais.

3.-Sobre o deseño da instalación.

O forno deberá ser de tipo rotatorio e a súa velocidade de xiro deberá garanti-la homoxeneidade do residuo que se vai tratar dentro da fronte de avance. O tempo de residencia no interior da unidade de pirólise será o suficiente para que as cinzas obtidas á saída dela estean exentas de materiais combustibles sen queimar.

Tódalas pezas e mecanismos da instalación susceptibles de mal funcionamento, avaría ou rotura que supoñan a paralización total ou parcial da mesma deberán estar duplicados ou, pola contra, existir repostos «in situ» deles que permitan a súa substitución nun prazo de tempo o máis curto posible, co fin de evitar excesivas dilacións no tratamento dos residuos.

4.-Alternativas en canto ó lugar de instalación.

Con respecto ós lugares de instalación e a fin de minimiza-los efectos ambientais, a planta móbil deberá instalarse en poligonos industriais. A tal fin a planta só poderá instalarse nos lugares que se indican na presente declaración. Calquera outra alternativa deberá notificárselle ó órgano ambiental co obxecto de que poida ser autorizada.

5.-Medidas correctoras e de protección ambiental.

a) Sobre a calidade do aire.

a.1) A instalación de incineración estará deseñada, equipada e funcionará de maneira que non se superen, nos gases de saída, os valores límite indicados na proposta de Directiva (CEE) do Consello relativa á incineración de residuos perigosos (92/C 130/01) (DOCE nº C 130, do 25-5-1992).

a.2) Na fase de funcionamento da instalación de incineración e para o control das emisións producidas a empresa instalará monitores de análises en continuo con autocontroles cada dous meses por medio de patróns. Os resultados de tales análises remitiránselle trimestralmente ó órgano sustantivo.

O sistema de medida garantirá que, no caso de se superaren os límites establecidos pola normativa para a emisión de gases á atmosfera, se realizará automaticamente a «parada segura» da instalación ata que se consiga polos medios técnicos dispoñibles a normalización da emisión.

a.3) O promotor instalará unha rede de inmisión conectada ó propio sistema de control da instalación de tal maneira que, no caso de que se produzan niveis de inmisión superiores ós establecidos pola normativa, se produza unha «parada segura» nos mesmos termos ca na emisión.

a.4) Tódolos sistemas de medición, en canto a sensores e monitores, permanecerán precintados, incluíndo as conexións ó terminal de datos. O promotor deberá presentar unha proposta de calibración das unidades de medida e un plan de mantemento do sistema.

a.5) A instalación de incineración realizará, de conformidade co disposto no anexo III da proposta de Directiva 92/C 130/01, as seguintes medicións:

a) Medicións continuas das substancias mencionadas no punto 6 do artigo 7 e nas letras a) e b) do punto 1 do artigo 8, a saber: monóxido de carbono (CO), particulas totais, substancias orgánicas en estado de gas e de vapor expresadas como carbono orgánico total, cloruro e fluoruro de hidróxeno e dióxido de xofre.

b) Medicións continuas dos seguintes parámetros do proceso de explotación: a temperatura mencionada nos puntos 4 e 5 do artigo 7 así como a concentración de osíxeno, a presión, temperatura e contido en vapor de auga dos gases de saída.

c) Medicións periódicas, por exemplo mensual, das substancias mencionadas na letra c) do punto 1, e no punto 2 do artigo 8.

d) Verificaranse adecuadamente o tempo de resistencia, a temperatura mínima e o contido en osíxeno dos gases de saída, tal como se indica nos puntos 4 e 5 do artigo 7.a, polo menos cando se poña en servicio por primeira vez a instalación de incineración, e nas condicións máis desfavorables de funcionamento que se poidan prever.

a.6) Co fin de comprobar en especial as emisións de partículas e de metais pesados así como gases ácidos que se producen na instalación recoméndase que se determinen con regularidade as emisións das seguintes substancias:

-Partículas,

-Mercucio e cadmio,

-Arsénico, niquel e chumbo,

-Cromo, cobre e vanadio,

-Cloruro, fluoruro e bromuro de hidróxeno

-Dióxido e trióxido de xofre,

-Carbono orgánico total,

-Bifenilos e trifenilos policrorados,

-Halóxenos e sulfuro de hidróxeno,

-Dioxinas e dibenzofuranos,

-Compostos de fósforo,

-Substancias olorosas.

A toma de mostra das partículas de po e dos metais da lista realizarase de forma isocinética conforme a norma ISO/DIS 9096.

a.7) O promotor deberá presentar unha xustificación técnica suficientemente documentada sobre a imposibilidade de acadar un menor nivel de emisión de dioxinas e furanos, quedando condicionado o mesmo a realizar tódalas modificacións necesarias para axusta-los niveis de emisión de tódolos parámetros fixados pola normativa á tecnoloxía actualmente dispoñible para o control da emisión dos devanditos productos.

b) Sobre os residuos sólidos.

b.1) Os residuos procedentes da explotación da instalación de incineración serán analizados para comproba-la súa desclasificación como residuos tóxicos e perigosos, e, naqueles casos nos que os residuos non estean satisfactoriamente tratados, deberán ser reintroducidos na unidade de tratamento. Naqueles casos nos que se garanta a desclasificación dos residuos coma RTP, os mesmos recuperaranse ou eliminaranse de acordo co indicado nas Directivas 75/442/CEE (Lei 42/1975, do 19 de novembro, de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, e Real decreto 1.163/1986, do 13 de xuño, polo que se modifica a Lei 42/1975) e 91/689/CEE (sen transpoñer á lexislación do Estado).

b.2) O funcionamento da instalación deberá, en tódolos casos, evita-la presencia de substancias sen queimar dentro das cinzas producidas polo sistema de pirólise, excepto aqueles productos que sexan incombustibles. O promotor deberá, antes da posta en funcionamento da instalación, establece-las medidas técnicas e de deseño suficientes para poder eleva-la temperatura da instalación ata niveis onde se consiga a pirolización destes materiais, e que garantan a desclasificación dos residuos, entendéndose ámbalas condicións como necesarias simultaneamente.

Estes residuos, no caso da súa desclasificación, manteranse á parte e, co fin de facilita-la súa recuperación ou eliminación, aplicaranse as tecnoloxías apropiadas. O transporte e/ou almacenamento temporal dos residuos sólidos secos realizarase en depósitos pechados hermeticamente e almacenaranse nun edificio pechado e de acceso restrinxido ata o momento da súa eliminación.

Este edificio deberá ser diferente ó do almacenamento de contadores que se encontran en espera de seren tratados na planta.

c) Sobre o nivel sonoro ambiental.

Co fin de cumpri-las ordenanzas municipais vixentes sobres ruídos e vibracións que prohíben a superación de 70 dB (A) no exterior da instalación, a edificación na que se instale a planta móbil estará obrigada a instalar elementos illantes tales como muros, tabiques, falsos teitos, etc., de tal forma que non se superen os 70 dB (A) no dito ambiente exterior.

No interior da actividade deberán adoptarse aquelas condicións que establece o Real decreto 1.316/1989, do 27 de outubro, sobre medidas de protección dos traballadores fronte ós riscos derivados da exposición ó ruído.

d) Sobre os residuos líquidos.

d.1) Os residuos líquidos producidos no sistema de lavado de gases da planta serán analizados «in situ» e retirados da planta por xestor autorizado, dándoselle-lo tratamento debido en función da súa composición.

d.2) Deberá existir un depósito de seguridade dimensionado para a recollida de posibles líquidos que se produzan tanto na cámara de almacenamento como na zona de espera dos contadores para o seu tratamento, en caso de baleirado e rotura accidental dos contadores. O baleirado do depósito será realizado polo xestor correspondentemente autorizado, e levarase a correspondente instalación de tratamento.

d.3) Existirá unha rede de drenaxe de augas pluviais que evite o contacto destas coa zona de operación.

6.-Sobre as instalacións.

A edificación ou edificacións nas que se vai instala-lo sistema de incineración deberá contar con:

a) Almacén de residuos biosanitarios proporcional á capacidade de xestión da planta e que reúna as seguintes condicións:

* Destinado só a esta finalidade.

* Pechado e de acceso restrinxido. Deberá evitarse, mediante un sistema de depresión interna e a renovación do aire a través de equipos de filtración axeitados, a posibilidade de contaminación do exterior por emisións á atmosfera no caso de rotura ou baleirado dun contador estanco.

* Dotado con luz eléctrica, auga corrente e sumidoiro. A instalación de auga deberá incluír un depósito de seguridade que garante que no caso de rotura e/ou baleirado dun contador, os vertidos do mesmo non afectarán o exterior da instalación. O contido do depósito de seguridade deberá ser analizado antes do seu baleirado á rede de saneamento local.

* Tanto o solo coma as paredes acondicionaranse de forma que se garanta unha adecuada limpeza e desinfección.

* O tempo máximo de almacenamento dos residuos será de dous días para os residuos non refrixerados e de sete días para os mantidos a temperatura non superior a 5ºC, polo que deberá posuír unha cámara frigorífica para o caso de que se queiran mante-los residuos almacenados por tempos superiores ós dous días.

* Os residuos deberán atoparse en todo momento dentro de contedores herméticos que garantan a estanqueidade e a imposibilidade de manipulación do interior por ningún axente externo. Deberase redactar un procedemento de emerxencia para a eventualidade de rotura e baleirado dun dos contedores. O devandito procedemento deberá ser sometido a aprobación polo órgano ambiental.

b) Laboratorio para realiza-los análises de control das emisións e das cinzas. Os protocolos nos que se anoten os resultados dos ditos análises deberán remitirse mensualmente o órgano substantvo e o órgano ambiental.

7.-Condicións adicionais.

a) O titular da instalación obrigarase a conservar durante cinco anos os documentos de control e seguimento. Estes datos terán que reflectirse nun libro de rexistro, que se manterá permanentemente actualizado e á disposición das autoridades competentes.

b) O promotor deberá fixa-los procedementos de descarga da instalación en caso de emerxencia, ben sexa total ou parcial, e o destino dos materiais obtidos nesta descarga, materiais que serán en todo momento considerados como RTP. O procedemento deberá ser aprobado polo órgano ambiental.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 1994.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega de Medio

Ambiente