Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1994 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos arts. 3.1 g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo; 2º.1 h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a seguinte convocatoria, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Adxudicación de dúas bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación, en materia de Administración pública, que se realicen na Escola Galega de Administración Pública.

Segunda.-Dotación.

Cada bolsa consistirá na percepción de 1.500.000 pesetas como máximo distribuídas en mensualidades desde o día de incorporación do bolseiro ata o 31 de decembro de 1995.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán/cidadá español/a con veciñanza en Galicia.

-Ser titulado/a superior universitario.

Cuarta.-Solicitudes.

1. Enviaranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, s/n, 15703 Santiago de Compostela, conforme o art. 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo o modelo anexo, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Memoria descritiva do proxecto de investigación en cinco folios, como mínimo, e dez, como máximo, explicando os obxectivos concretos de investigación, a posibilidade de aplicación práctica dos resultados, nun centro de formación de funcionarios públicos.

-Currículum vitae.

-Declaración expresa de que non ten contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da EGAP, José Antonio Frutos Páez, ou persoa en quen delegue, do que formarán parte, como vocal, Manuel Matías Cano Vera, xefe de Estudios

da EGAP. Actuará como secretario, Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

O tribunal estudiará, puntuará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Sexta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa abonda a xuízo do director, a EGAP poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo, en sesións de mañá e/ou de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a EGAP, horario que sinale o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las explicacións e instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela.

5. Cubri-los informes ou partes de actividades que se lles requiran.

Sétima.-Dereitos dos bolseiros.

1. A percepción mensual na súa conta corrente do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra a retención fiscal que proceda.

2. Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos propios da mesma conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1994.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración

Pública