Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 1994 pola que se convoca unha bolsa de investigación reservada a universitarios de recente licenciatura.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1995 figura a concesión, por concurso público, dunha bolsa de investigación, reservada a universitarios de recente licenciatura. O seu outorgamento enmárcase dentro dos fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo; 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño.

A finalidade que xustifica esta convocatoria reside na necesidade de acometer tarefas de investigación, documentación e estudio da Administración pública en Galicia, desde unha perspectiva do dereito público autonómico galego e dereito administrativo. Para este obxecto, o futuro adxudicatario da bolsa, baixo a directa supervisión dun titor designado para o efecto, levará a cabo ó longo de 1995 a investigación que propoña.

É polo motivo exposto polo que se fai pública a presente convocatoria, que se aterá ás seguintes bases:

Primeira.-Obxecto da bolsa.

Constitúeo a adxudicación dunha bolsa de investigación, reservada a universitarios de recente licenciatura, para realizar un traballo que verse sobre as seguintes materias:

-Dereito público autonómico galego.

-Dereito administrativo.

Segunda.-Obxectivos.

O obxectivo destas investigacións é o apoio ós estudios de dereito público autonómico galego e de dereito administrativo en sentido amplo que contribúan a potencia-lo seu coñecemento e difusión, e, por outra banda, a publicación pola EGAP do traballo realizado.

Terceira.-Condicións dos solicitantes.

Poderán solicitar esta bolsa as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán español, con veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

b) Ter finalizados os estudios nalgunha facultade nos cursos 1991-1992 a 1992-1993. Terán preferencia os que remataron os estudios de dereito, ciencias políticas e socioloxía, económicas e empresariais ou historia,

Cuarta.-Solicitudes.

Os interesados en participar deberán dirixir a solicitude anexa á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, s/n, 15703 Santiago de Compostela, no prazo de vinte días naturais, que se contará a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, xunto coa seguinte documentación, polo menos:

1. Fotocopia do DNI.

2. Solicitude de pagamento por transferencia bancaria.

3. Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e título académico que capacita para participar ou resgardo de que se solicitou a súa expedición.

4. Memoria descritiva do proxecto de investigación en cinco folios, como mínimo, e dez, como máximo, explicando os obxectivos concretos de investigación, a posibilidade de aplicación práctica dos resultados, bibliografía, etc.

5. Calendario proposto para a realización do traballo, dentro das previsións da Administración.

6. Currículum vitae do solicitante.

7. Dúas cartas de presentación de catedráticos ou profesores titulares de universidade.

8. Lugar, data e sinatura.

Tódolos documentos que non sexan orixinais deberán presentarse debidamente cotexados.

Quinta.-Valoración e selección.

Para a valoración dos méritos e circunstancias dos candidatos crearase un tribunal, presidido por Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, director da EGAP, ou persoa en quen delegue, e do que formarán parte, como vocal, Manuel Matías Cano Vera, xefe de estudios da EGAP, e como secretario, Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente, ben presentando os orixinais ou ben as correspondentes fotocopias debidamente cotexadas.

O tribunal podará apreciar, entre outros, como criterios valorativos á hora de xulga-los méritos que acrediten os peticionarios os seguintes:

-Expediente académico.

-Currículum vitae.

-Interese do proxecto.

O tribunal, á vista dos proxectos e currículum dos solicitantes, decidirá a adxudicación da bolsa ó candidato que considere merecedor dela, por orde de méritos e capacidade obxectivamente apreciados.

O tribunal, á vista dos proxectos presentados, poderá declarar deserta a bolsa convocada.

A decisión do tribunal farase púbica no DOG, e notificaráselle por correo ós adxudicatarios e ós demais peticionarios.

O antedito tribunal está encadrado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipótese de que a persoa proposta renuncia á bolsa, a adxudicación desta recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Sexta.-Dotación económica e forma de pagamento.

O importe máximo anual da bolsa será de 1.000.000

de pesetas, distribuídas nas mensualidades que resulten desde a incorporación do bolseiro ata o 31 de decembro de 1995. Da mensualidade descontaranse as correspondentes retencións fiscais.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Sétima.-Duración da bolsa.

O desfrute da bolsa durará ata o 31 de decembro de 1995.

Oitava.-Director-titor do traballo.

O director da EGAP e presidente do tribunal de selección designará un director ou titor do traballo.

Novena.-Obrigas dos bolseiros.

a) O bolseiro quedará abrigado a permanecer en contacto co seu respectivo director ou titor, a segui-las súas indicacións e a presentarlle os informes de situación que resulten pertinentes á vista do correspondente programa de traballo.

b) O adxudicatario deberá entregar tres exemplares do traballo realizado, cada un deles acompañado dun resumo con extensión comprendida entre 5 e 10 páxinas (formato A4), a dobre espacio, no que, de forma clara e concisa, se manifeste o contido e principais ideas do traballo realizado.

c) Así mesmo, e se a dirección do EGAP o coida necesario, deberá presta-la súa colaboración e apoio ás actividades que, en materia de estudios e investigación, realice esta Escola.

Décima.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

O seleccionado adquirirá exclusivamente a cóndición de bolseiro, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Décimo primeira.-Dereitos de autor e publicación dos traballos.

A aceptación da bolsa implica a cesión dos dereitos de autor a favor da EGAP que reserva o dereito de publica-lo traballo.

Décimo segunda.-Revogación ou interrupción no desfrute da bolsa.

O presidente do tribunal, por proposta do respectivo director ou titor poderá revoga-la concesión ou interrompe-lo desfrute daquela de darse algunha destas circunstancias:

a) Que se comprobe a falsidade ou a omisión de datos ou de informacións relevantes na documentación da solicitude.

b) Que o adxudicatario non entregue, en prazo e forma, o traballo e mailo informe final, ou que o director ou titor considere que este non reúne os requisitos de calidade e contido previstos no proxecto inicial ou nas súas modificacións posteriores autorizadas.

O suposto de revogación obrigará o adxudicatario a lle reintegrar ó Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do goce o presidente da comisión, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá, se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Décimo terceira.-Devolución dos proxectos non seleccionados.

A documentación correspondente ós proxectos non seleccionados estará á disposición dos solicitantes para ser retirada durante os trinta días seguintes ó da publicación da decisión no DOG. Transcorrido este prazo, o presidente do tribunal decidirá libremente o destino da documentación non retirada.

Décimo cuarta.-Eficacia da adxudicación.

A eficacia da adxudicación quedará condicionada á aprobación e entrada en vigor dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 1995, nos que está prevista a dotación desta bolsa.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 1994.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración

Pública