Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 218

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 1994 pola que se convoca unha bolsa para estimula-la investigación entre titulados universitarios superiores.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1995 figura a concesión, por concurso público, dunha bolsa para estimula-la investigación entre titulados universitarios superiores. O seu outorgamento enmárcase dentro dos fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo; 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5º do Decreto 336/1990, do 8 de xuño.

A finalidade que xustifica esta convocatoria reside na necesidade de acometer tarefas de investigación e estudio da Administración pública en Galicia, desde unha perspectiva xurídica, económica, sociolóxica, histórica, psicolóxica, do dereito público galego e da ética pública. Con este obxecto, o futuro adxudicatario da bolsa, baixo a directa supervisión dun titor designado para o efecto, levará a cabo ó longo de 1995 a investigación que propoña.

É co motivo exposto polo que se fai pública a presente convocatoria, que se aterá ás seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Constitúeo a adxudicación dunha bolsa para estimula-la investigación entre titulados universitarios superiores; labor este que deberá versar sobre a Administración pública en Galicia desde calquera perspectiva científica ou humanística, en especial, e sen carácter excluínte, as seguintes: xurídica, económica, histórica, sociolóxica, estatística, organizativa, psicolóxica, ética, etc.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán participar no concurso as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán español con veciñanza en Galicia.

b) Posuír titulación universitaria superior.

Terceira.-Solicitudes.

Os interesados en participar deberán dirixi-la solicitude á Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, s/n, C.P. 15703 Santiago de Compostela), no prazo de vinte días naturais, que se contarán a partir da publicación desta convocatoria no DOG, xunto coa seguinte documentación, polo menos:

1. Fotocopia do DNI ou pasaporte.

2. Certificación académica con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

3. Memoria descritiva do proxecto de investigación, en cinco folios como mínimo e dez como máximo, con expresión dos obxectivos, os medios bibliográficos, etc., e a utilidade ou posibilidade de aplicación dos resultados.

4. Calendario proposto para a realización e entrega do traballo, dentro do prazo establecido nestas bases.

5. Currículum vitae.

6. Dúas cartas de catedráticos ou profesores titalares de universidade que avalen o proxecto e o candidato, e que se comprometan, se fose o caso, a dirixi-la investigación.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Cuarta.-Valoración e selección.

Os candidatos serán avaliados por un tribunal presidido por Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, director da EGAP, ou persoa en quen delegue, e do que formarán parte, como vocal, Lourdes Courtier Ramos, xefa do Servicio de Administración Local e doutras Administracións da EGAP, e como secretario, Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

O tribunal, á vista dos proxectos e do currículum dos solicitantes, decidirá a adxudicación da bolsa ó primeiro candidato, por orde de puntuación obtida na valoración dos seus méritos e capacidade obxectivamente apreciados.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente, ben presentando os orixinais ou ben as correspondentes fotocopias debidamente cotexadas.

O citado tribunal poderá apreciar, entre outros, como criterios valorativos á hora de xulga-los méritos que acrediten os peticionarios os seguintes:

-Expediente académico e título de doutoramento.

-Currículum vitae.

-Interese do proxecto.

O tribunal poderá, igualmente, de non atopar mérito abondo nos solicitantes ou interese nos proxectos, deixar deserta a bolsa.

A decisión do tribunal farase pública no DOG, e notificaráselles por correo ó adxudicatario e ós demais peticionarios.

O antedito tribunal está encadrado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipótese de que a persoa proposta renunciase á bolsa, a súa adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Quinta.-Dotación económica e forma de pagamento.

A bolsa contará cunha dotación máxima anual de 500.000 pesetas, pagadeiras na conta bancaria do interesado, coas deduccións fiscais que correspondan.

A proposta de pagamento corresponderalle ó Servicio de Estudios, Investigación e Publicación, xustificada con informes ou partes de actividade relativos ó traballo desenvolto polo investigador e tramitarase conforme as seguintes regras:

I. Pagamento en firme do 50% do importe da bolsa, xustificado coa acta de adxudicación e co proxecto

de investigación presentado polo beneficiario e seleccionado polo tribunal de valoración.

O dereito a esta percepción nacerá, polo tanto, do acto de adxudicación regular da bolsa, é dicir, da resolución de adxudicación conforme a proposta do tribunal de valoración dos proxectos, feita con base nestes.

2. Último pagamento do 50% restante, contra entrega do traballo concluído, avalado polo director-titor e por expertos designados pola EGAP, antes do 31 de decembro de 1995.

Os traballos seleccionados terán que ser entregados na EGAP no prazo máximo de seis meses, a partir da data do acordo de adxudicación, por resolución do director do centro convocante, da correspondente bolsa.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Sexta.-Revogación ou interrupción no desfrute da bolsa.

O presidente do tribunal, por proposta do respectivo director ou titor, poderá revoga-la concesión ou interrompe-lo desfrute da bolsa, se se desen algunha destas circunstancias:

a) Que se comprobe a falsidade ou omisión de datos ou informacións relevantes na información da solicitude.

b) Que o adxudicatario non entregue, en prazo e forma, o traballo e informe final ou que o director ou titor considere que o correspondente traballo non reúne os requisitos de calidade e de contido previstos no proxecto inicial ou nas súas modificacións posteriores autorizadas.

No suposto de revogación obrigará o adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro Público as cantidades que percibira ata o momento de acordarse aquela. No suposto de interrupción do desfrute, o presidente do tribunal, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Sétima.-Obrigas do bolseiro.

a) Permanecer en contacto co director ou titor que se lle asigne, segui-las súas indicacións e presentarlle os informes de situación pertinentes, á vista do correspondente programa de traballo.

b) Colaborar coas actividades de estudio e investigación da EGAP.

c) Remitir á EGAP cubertos os informes, formularios ou partes de actividade relativos ó traballo subvencionado que esta requira.

d) Presenta-lo traballo obxecto da bolsa en disco magnético normalizado, feito en calquera dos sistemas usuais de tratamento de textos e tamén impreso en follas A4 de 60 matrices a dobre espacio.

O traballo irá acompañado dun resumo, na mesma forma e de non máis de 12 follas A4, que conteña a síntese e principais conclusións del.

Oitava.-Natureza da relación bolseiro-Administración.

O seleccionado adquirirá exclusivamente a condición de bolseiro, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Novena.-Publicación dos traballos.

A EGAP terá, respecto dos traballos realizados co financiamento a que se refire esta convocatoria e aceptados polo tribunal, os dereitos que, conforme a Lei 22/1987, do 11 de novembro, de propiedade intelectual e demais disposicións aplicables, corresponden ó editor.

Décima.-Devolución dos proxectos non seleccionados.

A documentación correspondente ós proxectos non seleccionados estará á disposición dos concursantes, para ser retirada, durante os 30 días seguintes ó da publicación de regulación correspondente no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo, o presidente do tribunal decidirá libremente o destino da documentación non retirada.

Décimo primeira.-Facultade de declarar deserto o concurso.

A Administración convocante reserva para si a facultade de declarar deserta a bolsa convocada a concurso.

Décimo segunda.-Eficacia da adxudicación.

A eficacia da adxudicación quedará condicionada á aprobación e entrada en vigor dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 1995, nos que está prevista a dotación desta bolsa.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1994.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Estola Galega de Administración

Pública