Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 1994 pola que se convocan dúas bolsas de linguaxe administrativa inglesa.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Deereto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a seguinte convocatoria, que se rexerá pola seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Constitúeo a adxudicación de dúas bolsas, destinadas á realización de estudios e prácticas sobre linguaxe administrativa inglesa, actividade que se realizará na sede da Escola Galega de Administración Pública.

Segunda.-Dotación.

A dotación máxima anual de cada bolsa será de 1.680.000 pesetas distribuídas nas mensualidades que resulten, contadas a partir da incorporación dos beneficiarios ata o 31 de decembro de 1995. Da mensualidade descontaranse as correspondentes retencións fiscais.

En función das necesidades da Escola, das dispoñibilidades económicas e do aproveitamento dos bolseiros, podarán prorrogarse por doce meses máis.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán/cidadá español/a, aveciñado/a en Galicia.

-Ter titulo de licenciado/a en Filoloxía inglesa.

Cuarta.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo anexo, presentaranse no rexistro da EGAP, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou conforme os requisitos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ás solicitudes xuntaráselle, polo menos, a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Memoria de 5 a 10 páxinas sobre as tarefas que ó seu xuízo deben formar parte dos cometidos do bolseiro nun centro de formación de funcionarios coma este.

-Currículum vitae.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Quinta.-Valoración e selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido por Manuel Matías Cano Vera, xefe de Estudios da EGAP ou persoa en quen delegue, do que formarán parte, como vocal, un profesor de universidade experto en filoloxía inglesa e como secretario Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

O tribunal estudiará, puntuará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O tribunal poderá convoca-los candidatos a unha entrevista persoal e/ou a unha proba obxectiva, orientada a verifica-lo coñecemento dos interesados sobre o obxecto en que se centra esta convocatoria.

Tanto con entrevista como con proba obxectiva, con ámbalas dúas ou sen ningunha, o tribunal deberá confeccionar unha lista, onde figure, de maior a menor, a relación de puntuacións obtidas por cada solicitante, co nome e apelidos de cada candidato, e propoñerá ó órgano resolutorio (a dirección da EGAP) as persoas que, verificada a súa superior puntuación, deben se-los adxudicatarios das citadas bolsas.

O correspondente tribunal está clasificado na categoria primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipótese de que a persoa renuncie á bolsa, a súa adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Sexta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas asignadas dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. De non facelo así, sen causa abonda a xuízo do director, a EGAP poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo de luns a venres, en sesións de mañá e/ou de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a EGAP.

3. Atende-las instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co estudio obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela (por exemplo, prácticas de traducción para o galego ou castelán de textos en inglés, etc.)

5. Cubri-los informes ou partes de actividade que se lles requiran.

Sétima.-Dereitos dos bolseiros.

1. A percepción mensual na súa conta corrente do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade as retencións fiscais que procedan.

2. Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos propios da mesma, conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Oitava.-Eficacia da adxudicación.

A eficacia da adxudicación quedará condicionada á aprobación e entrada en vigor dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 1995, nos que está prevista a dotación desta bolsa.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1994.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración

Pública