Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 215

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 401/1994, do 23 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Viana do Bolo (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto da depuradora de residuais en Viana, segunda fase.

O Concello de Viana do Bolo (Ourense), en sesión celebrada o día 7 de xuño de 1994, aprobou o proxec-

to da depuradora de residuais en Viana, 2ª fase, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de xullo de 1994 baixo o número 6.717.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se somete a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de outubro de 1994, baixo o número 10.114.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a obra está incluída no Plan Operativo Local de 1993, nº 164.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo cincuenta e dous da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Viana do Bolo (Ourense), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da depuradora de residuais en Viana, 2ª fase.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais