Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 400/1994, do 23 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de selado no vertedoiro do Zondal.

O Concello de Vigo (Pontevedra), en sesión celebrada o día 29 de setembro de 1993, aprobou o proxecto de selado do vertedoiro do Zondal e na sesión do día 31 de agosto de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocu

pación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de decembro de 1994 baixo o número 13.052.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se somete a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de novembro de 1994, baixo o número 12.353.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque é de todo punto indispensable ocupar tal terreo para executa-lo proxecto de selado do vertedoiro, como consecuencia da contaminación producida polas emanacións do lixo alí existente.

O estado actual do vertedoiro supón un alto risco de contaminación, tanto por causas meteorolóxicas, como do transporte de residuos e contaminantes por parte dos animais que alí existen, ó deixar de prestar servicio.

Pola necesidade do correspondente estendido de terra vexetal e establecemento de drenaxe, que ten que realizarse inmediatamente ó deixar de existir actividade nel; e

Pola necesidade de trata-los lixiviados, coas correspondentes gabias.

En definitiva, a urxencia nace da ineludible actuación, sen solución de continuidade, ó deixa-lo vertedoiro fóra de servicio e incluso antes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo cincuenta e dous da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de selado do vertedoiro do Zondal.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais