Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 398/1994, do 29 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 kV, que enlaza a subestación de Bergondo coa liña existente Betanzos-Cesuras, nos concellos de Bergondo e Betanzos, provincia da Coruña. (Expediente número 52.658).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías, nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de enlace da subestación de Bergondo coa liña existente Betanzos-Cesuras, sobre apoios metálicos e de formigón, en conductor LA-110, de 425 m de lonxitude en triple circuíto e 3.229 m en dobre circuíto, afectando os termos municipais de Bergondo e Betanzos.

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 31-8-93, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 9-12-93, no BOP da Coruña do 16-10-93, e no BOE do 7-10-93.

A solicitude de urxente ocupación fíxose con base no disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 22-7-94, no BOP da Coruña do 12-7-94, no xornal La Voz de Galicia do 8-7-94, e a simple referencia no BOE do 26-8-94; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ós titulares dos predios n 10 e 15, por resultar descoñecidos, co que se lle deu traslado das actuacións practicadas ó ministerio fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse alegacións polos titulares dos predios nº 41, no que existía erro na titularidade do mesmo, que xa foi corrixido pola empresa beneficiaria; nº42, a que se desestima, xa que o cambio da traza seguindo os lindeiros do predio suporía un aumento en lonxitude en máis dun 10% da parte da liña afectada, en contra do que establece o artigo 26.1.B) do referido decreto; en canto á alegación do predio nº 20, esta non se ten en conta, por corresponder a outra fase do procedemento.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que os bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica, nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da Lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. da liña eléctrica aérea que une a subestación de Bergondo coa liña existe Betanzos-Cesuras.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Bergondo e Betanzos (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, por chegarse ó mutuo acordo entre as partes, exclúese desta disposición o predio nº 23 da devandita relación.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio