Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 189

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 397/1994, do 29 de decembro, polo que se regulan os prezos públicos percibidos polo Instituto Galego de Estatística pola venda das súas publicacións e/ou servicios de información que preste, tanto en soporte magnético coma en papel.

De acordo co artigo 1 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, o seu obxecto fundamental é «regula-la actividade estatística para os fins da Comunidade Autónoma», dándolles publicidade e difusión ós resultados estatísticos de que dispoña.

Faise necesario regula-los prezos públicos percibidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), pola venda das súas publicacións e/ou dos servicios de información que preste, tanto en soporte magnético coma en papel, así coma a súa modificación para axeitalos ó seu custo real por circunstancias como o incremento do prezo das materias primas, e do custo industrial e salarial.

Na súa virtude, e de acordo co artigo 12 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DlSPOÑO:

Artigo 1.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto fixa-los prezos públicos percibidos polo instituto Galego de Estatística (IGE) pola venda das súas publicacións e/ou dos servicios de información que preste, tanto en soporte magnético coma en papel.

Artigo 2.-Clases de prezos percibidos polo IGE.

Establécense os seguintes:

a) Pola venda das publicacións impresas.

b) Pola venda de explotacións de datos estatísticos.

Artigo 3.-Prezos das publicacións editadas polo IGE.

Os prezos de venda das publicacións editadas polo IGE serán os seguintes:

-Galicia en Cifras. Anuario: 3.000 ptas.

-Boletín de Series Estatísticas de Galicia. Indicadores Socioeconómicos de Conxuntura: 1.000 ptas.

-Estatística de Mercado de Traballo. Anuario: 3.000 ptas.

-Estatísticas de Comercio Exterior. Galicia: 2.500 ptas.

-Estatística de Edificación e Vivendas. Anual: 2.500 ptas.

-Táboas Input-Output e Contabilidade Rexional. Ano 1990: 5.000 ptas.

Artigo 4.-Prezo das explotacións de datos estatísticos.

Atendendo ás peticións de institucións ou particulares, o IGE poderá realizar outros cruzamentos, de variables ademais dos elixidos nos plans de explotación e publicación dos seus ficheiros básicos. A realización destes traballos estará suxeita á autorización do director do IGE que valorará as dispoñibilidades de recursos e a pertencia e o interese da petición.

Nestes casos o prezo de venda será a resultante de:

-Por cada cruzamento solicitado: 1.000 ptas.

-Por cada liña impresa: 5 ptas.

-Por material informático (disquetes, cintas, etc.): o prezo de compra.

Artigo 5.-Bonificacións.

-Ó abeiro do establecido no artigo 11.2 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, establécese a gratuidade das publicacións para os organismos públicos, entidades e autoridades que conforman a distribución institucional.

Artigo 6.-Estes prezos entenderanse, se é o caso, con IVE incluído.

Disposición adicional

A xestión, liquidación e recadación dos prezos públicos establecidos neste decreto axústanse ó disposto no Decreto 172/1992, do 26 de xuño, e na Orde do 29 de xuño de 1994, da Consellería de Economía e Facenda.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 143/1993, do 24 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos percibidos polo instituto Galego de Estatística pola venda das súas publicacións e/ou outros servicios de información que preste, tanto en soporte magnético coma en papel.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novocentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda