Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 187

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 394/1994, do 29 de decembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 2.166/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso de funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza e a súa asignación á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Polo Real decreto 2.166/1994, do 4 de novembro, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que, dentro do seu territorio, viña desempeñando a Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza.

Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa tales funcións e servicios, dentro do marco normativo vixente, asignándoas ós órganos correspondentes da Administración da Comunidade Autónoma.

Por iso, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Asunción de funcións e servicios traspasados.

Quedan asumidas as funcións e servicios, bens, dereitos e obrigas, así como o persoal e créditos orzamentarios, traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autómoma de Galicia en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza mediante o Real decreto 2.166/1994, do 4 de novembro, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias de data 17 de outubro de 1994, publicado como anexo ó citado real decreto.

Artigo 2.-Asignación de funcións e servicios.

1.-Asígnanse á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servicios e medios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior.

2.-Os órganos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais exercerán as atribucións que lles correspondan conforme ás normas que regulen a súa estructura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.

Segunda.-O presente decreto entrara en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública