Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 04 de xaneiro de 1995 Páx. 143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 13 de decembro de 1994 pola que se establecen axudas económicas para o fomento da riqueza cinexética para o ano 1995.

O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confíenlle á nosa Comunidade a competencia exclusiva en materia de caza.

A Lei de caza 1/1970, do 4 de abril, atribúelle-lo dereito de caza ó propietario, ós titulares de dereitos reais e ás persoas que leven consigo o uso e desfrute dos medios e do seu aproveitamento cinexético, polo que gran parte dos cazadores que habitan nos núcleos de poboación quedan sen posibilidades de exercer e desenvolve-la actividade cinexética.

Por outra parte, o progresivo cambio na utilización do solo, e a existencia dunha importante e crecente actividade cinexética, ademais doutros factores inherentes a unha sociedade en desenvolvemento, deron lugar a que importantes zonas da nosa autonomía preseten na actualidade unha regresión das poboacións cinexéticas.

Como conscuencia, cómpre fomenta-la riqueza cinexética e procurar un incremento das poboacións, tanto de caza menor como de caza maior, evitando así a progresiva deterioración das nosas especies cazables, mellora-los seus hábitats naturais e ordena-lo seu racional aproveitamento.

Neste sentido díctase a presente orde, pola que se establecen axudas coa finalidade de incentiva-los titulares de coutos de caza, zonas de caza controlada e asociacións que teñan como principais, de entre os seus fins estatutarios, fomentaren a riqueza cinexética e executaren accións que comporten a mellora da nosa fauna cinexética e dos seus hábitats, regulando o establecemento de convenios que permitan a cesión á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de xornadas de caza para o seu posterior sorteo, posibilitando así o acceso á actividade cinexética de tódolos cazadores de Galicia, e fomentando o asociacionismo entre os titulares dos coutos privados de caza, para lograr unhas maiores unidades de xestión cinexética, indispensables na concepción moderna do aproveitamento cinexético.

En virtude do anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

Coa finalidade de favorece-la restauración das poboacións cinexéticas, ordena-los aproveitamentos destes recursos e facilita-la actividade de caza entre tódolos grupos sociais, establécese un réxime de axudas para os titulares dos terreos cinexéticos de réxime especial e asociacións e federacións de cazadores que teñan como finalidade o fomento da riqueza cinexética, cunha subvención sobre os investimentos feitos neles polos seus titulares.

Artigo 2º.-

Poderán acollerse a estas axudas as sociedades administradoras de zonas de caza controlada, os titulares individuais ou agrupados de coutos de caza e as asociacións que teñan entre os seus fins estatutarios, como principal, o fomento da riqueza cinexética, sempre que a súa finalidade non sexa industrial ou comercial.

En caso de que dous ou máis titulares de coutos de caza se agrupen con obxecto de solicita-la subvención, a agrupación deberá formalizarse por escrito e por un período mínimo de tres anos, co visto e prace da asemblea xeral.

Artigo 3º.-

As axudas concedidas, para o caso de titulares de coutos de caza ou as súas agrupacións, suporán unha contraprestación de xornadas de caza a ter

ceiros, mediante o establecemento dun convenio coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Neste convenio especificaranse:

1.-Acción ou accións que se desenvolvan de acorde coa solicitude presentada.

2.-Orzamento de execución e o seu financiamento.

3.-Número diario de permisos de caza concedidos a terceiros.

4.-Contraprestación económica que percibirá o titular do couto de caza por cada permiso de caza, establecéndose un máximo de 5.000 ptas.

5.-Coa máxima de capturas por cada un dos cazadores beneficiarios do permiso, que deberá coincidir co establecido pola sociedade titular do couto para os seus cazadores asociados.

6.-Prazo de duración do convenio.

Artigo 4º.-

Serán subvencionables as seguintes obras, traballos ou actuacións.

-Redacción de proxectos de ordenación, aproveitamento cinexético e as súas revisións.

-Construcción e equipamento de instalacións de cría.

-Gastos de funcionamento de cría.

-Actividades orientadas á formación do cazador (xornadas, cursos, ciclos de conferencias).

-Mellora do hábitat cinexético para a caza menor, de acordo co establecido no artigo 5.

Artigo 5º.-

1.-As actuacións encamiñadas á mellora do hábitat cinexético para a caza menor (coello, lebre e perdiz) deberán realizarse en cuarteiróns de mellora cunha superficie mínima de 100 hectáreas nun máximo de 3 zonas e con vexetación de matogueira (toxo, queiroga, xestas, carqueixas, etc.), nos que deberá obterse un 20% de superficie apta para campeo e alimentación de animais adultos e novos.

A citada superficie estará formada por manchas obtidas por roza e trituración da matogueira por decrúa e cultivo ou por queima controlada da matogueira.

As superficies de cada mancha, dependendo da actuación que se realice, serán as seguintes:

-Roza e trituracion: de 0,5 a 1 hectáreas.

-Decrúa e cultivo: de 0,2 a 0,5 hectáreas.

-Queima controlada: de 0,5 a 1 hectáreas.

O número mínimo de manchas de cada tipo de cinco, sen prexuízo do número total de manchas que se realice.

2.-Así mesmo, co obxecto de promove-las zonas de cría de coello, en cada cuarteirón de mellora deberán realizarse provisións de material que permitan a fácil creación de tobeiras.

O deseño destas estructuras estará suxeito á súa aprobación polos servicios provinciais de Medio

Ambiente Natural correspondentes, nos cales, así mesmo, poderá pedirse información e asesoramento sobre a construcción das citadas estructuras.

3.-Establécense os seguintes prezos máximos para cada unha das actuacións que se realicen.

-Roza e tributación: 60.000 ptas. por hectárea.

-Decrúa e cultivo: 100.000 ptas. por hectárea.

-Queima controlada: 30.000 ptas. por hectárea.

-Provisión de material: 150.000 ptas. por unidade.

Artigo 6º.-

1.-A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do orzamento da obra, traballo ou actuación aprobado pola administración, e será pagada por esta trala xustificación da realización da obra, traballo ou actuación mediante inspección final por parte da administración, para o cal o interesado deberá comunicarlle a finalización da mellora que realice segundo o proxecto presentado no correspondente Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

De xeito xeral, a xustificación da realización da actividade subvencionable deberá facerse coa aportación da proba documental correspondente, en forma de facturas, contratos ou doutros documentos. De xeito excepcional, e por causas expresas, poderá tamén realizarse mediante a valoración do número de unidades de obra realizadas e os prezos unitarios aprobados. En todo caso a Administración efectuará a inspección final das obras subvencionadas.

2.-Os investimentos máximos subvencionables e as porcentaxes máximas de subvención para cada unha das obras, traballos ou actuacións sinalados no artigo 4º serán as seguintes:

Investimento% má-

máximo ximo de

subvencionable subven-

(ptas.)ción

1.-Redacción de proxectos de or-

denación cinexética1.000.000 60

2.-Construcción e equipamento

de instalación de cría1.000.000 40

3.-Gastos de funcionamento de

instalacións de cría1.000.000 25

4.-Actividades orientadas á forma-

ción do cazador1.000.000 75

5.-Mellora do hábitat cinexético

para a caza menor3.000.000 75

En todo caso, a contía da subvención para cada titular do terreo cinexético en réxime especial ou agrupación destes non superará o importe de 1.000.000 de ptas. por cada 1.500 hectáreas de superficie contada, cun máximo de 4.000.000 de ptas.

Os espécimes de caza procedentes de centros de producción propiedade da Consellería de Agricul

tura, Gandería e Montes non poderán ser obxecto de axudas con cargo a esta orde.

Artigo 7º.-

A orde de prelación para a concesión de subvencións basearase na puntuación que se lle conceda a cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:

-Superficie do couto ou agrupación de coutos: 1 punto por cada 100 hectáreas.

-Mellora do hábitat: 10 puntos.

-Redacción de proxectos de ordenación cinexética: 10 puntos.

-Construcción e equipamento de instalacións de cría: 5 puntos.

-Actividades orientadas á formación do cazador: 10 puntos.

-Agrupación de titulares de coutos de caza: 10 puntos.

Artigo 8º.-

O número de permisos por día hábil que en cada temporada de caza os titulares de terreos cinexéticos de réxime especial ou agrupación deles deberán pór á disposición recollerase no correspondente convenio, e será o resultante de dividir por 1.500 a superficie (en hectáreas) do couto ou agrupación deles; establécese, en calquera caso, un minimo de un permiso.

Cada permiso suporá a admisión de dous cazadores por día hábil.

Os permisos así obtidos deberán adxudicarse por sorteo entre os cazadores que os soliciten.

Para estes efectos os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural farán pública a oferta de permisos dispoñibles para a temporada de caza 1995-1996, con motivo de recoller solicitudes durante o mes de setembro. O 5 de outubro de 1995 celebraranse os sorteos dos permisos dispoñibles nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, entre as solicitudes recibidas dentro de prazo. Cada unha das solicitudes deberá incluír dous cazadores. Cada un dos solicitantes poderá aparecer nunha única solicitude, para un só couto de caza e unha única xornada de caza.

Para o caso das agrupacións de titulares de coutos de caza, o número de permisos totais que cada temporada de caza deberán pór á disposición de terceiros repartirase entre os coutos que constitúan a agrupación de xeito proporcional á superficie de cada un deles.

Serán as propias sociedades titulares dos coutos de caza as que procederán á entrega de permisos adxudicados ós correspondentes adxudicatarios, de acordo co prezo unitario deles estipulado no convenio, os cales deberán recollerse nos locais sociais das respectivas sociedades.

Os ingresos obtidos pola adxudicación dos permisos pasarán a formar parte dos fondos das citadas sociedades, debendo dedicar un mínimo do 75% a actividades de fomento da riqueza cinexética, para efectuar durante o ano 1996.

Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán proceder a comprobar, en calquera momento, o cumprimento do anteriormente exposto.

Artigo 9º.-

As solicitudes de subvención irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e serán presentadas nas correspondentes delegacións provinciais no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa solicitude segundo o modelo de anexo

I presentarán por duplicado a seguinte documentación:

-Fotocopia do NIF do destinatario da subvención.

-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do destinatario segundo anexo II.

-Declaración xurada do solicitante de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Acreditación, se é o caso, da titularidade do solicitante do terreo cinexético en réxime especial.

-Se o titular fose unha sociedade, asociación ou similar, acordo do seu órgano competente polo que se aproben as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no que deberá constar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos na solicitude (anexo I).

-Se o solicitante da subvención fose unha agrupación de titulares de coutos de caza, acreditación documental da súa formalización por un período mínimo de tres anos, segundo o modelo do anexo III, sen prexuízo do establecido no apartado anterior.

-Proxecto de actuacións que se vaian realizar, memoria detallada e orzamentos para a súa realización, sinalando os obxectivos cinexéticos que se persigan, realizado, no caso das obras ou melloras non incluídas nas especificacións da presente orde, por un técnico competente en caza.

-En caso de subministracións, orzamento destas aprobado polo titular do terreo cinexético.

-Autorizacións administrativas que, se é o caso, permitan a realización das obras ou accións, coma no caso de queimas controladas.

Artigo 10º-

1.-O solicitante, unha vez aprobada a subvención e recibida a notificación desta, disporá dun prazo de 10 días hábiles para lle notificar á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a aceptación das condicións da subvención. Se o solicitante fose unha agrupación de titulares de coutos de caza, o acordo de aceptación corresponderalle ó titular ou órgano designado como representante daquela. Se no prazo establecido non se comunica esta aceptación, entenderase aceptada a subvención.

2.-Os investimentos obxecto de subvención deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 1995, se ben pode concederse unha prórroga cando as circunstancias impidan a súa realización dentro do citado período. No caso dos proxectos de orde

nación cinexética, disporase dun prazo de un ano natural para realizalos, contado desde a data na que se reciba a comunicación da concesión da subvención.

Artigo 11º-

O convenio de colaboración entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e o beneficiario da axuda, referido no artigo 3º, será establecido dentro dun prazo de 20 días naturais despois de comunicada e aceptada toda a subvención. Non se poderá aboar cantidade ningunha por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes sen o previo establecemento do convenio de colaboración.

Artigo 12º.-

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.342A.780.00, por importe de 30.000.000 de ptas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A percepción dunha subvención con cargo a esta orde será incompatible coa percepción de subvencións procedentes doutras administracións para os mesmos fins.

Segunda.-Ningún peticionario que teña pendente de certificación algunha subvención de anos anteriores poderá acollerse a esta orde ata que finalicen os traballos pendentes.

Terceira.-As subvencións someteranse en tódolos extremos ó previsto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia.

Cuarta.-Mentres non se aproben e publiquen os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, as solicitudes que se orixinen como consecuencia da publicación desta orde de subvención serán tramitadas de conformidade e cos efectos contidos na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 18, do 19-6-1986) modificada pola orde do 18 de outubro de 1991 (DOG nº 229 do 26-11-1991). A dotación orzamentaria está contida no proxecto de orzamentos para 1995.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de montes e medio ambiente natural para dictar tódalas disposicións complementarias con obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1994.

Tomas Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes