Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 04 de xaneiro de 1995 Páx. 118

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 390/1994, do 23 de decembro, polo que se regula a cobertura con carácter temporal dos postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo pertencentes ós servicios veterinarios oficiais mentres non se cubran con carácter definitivo.

A disposición transitoria terceira do Decreto 237/1992, do 30 de xullo, polo que se determina o réxime aplicable ó persoal que presta os servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé o mantemento da normativa de cober

tura temporal de postos de traballo que se aplicaba ó desaparecido corpo de veterinarios titulares que distingue entre persoal interino (que se viña seleccionado mediante o sistema establecido na Orde do 2 de maio de 1962, modificada pola do 25 de marzo de 1980 e desenvolvida esta última pola Resolución do 26 de maio de 1990) e persoal substituto (que se viña seleccionando a través do procedemento previsto na orde da Consellería de Sanidade do 7 de maio de 1984), ata que non se dicte unha nova normativa ó respecto.

Sendo plenamente operativa desde o día 1 de decembro de 1994 a reestructuración dos servicios veterinarios oficiais levada a cabo polos decretos 200/1991, do 13 de xuño, e polo xa dito Decreto 237/1991, do 30 de xullo, o que leva aparellada a plena integración no réxime xurídico da Lei 4/1988, do 26 de maio, e celebrado no seu día un proceso selectivo para a cobertura de postos de traballo nos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma, non parece aconsellable manter un sistema que non responda ó que rexe con carácter xeral na función pública de Galicia e que vén regulado polo Decreto 252/1992, do 30 de xullo, se ben o procedemento que se adopta a través do presente decreto, de carácter transitorio e aplicable en tanto non se celebren as probas de acceso correspondentes á próxima oferta de emprego público, presenta algunhas especialidades derivadas da propia natureza dos postos de traballo a cubrir temporalmente e cínxese exclusivamente ós da Consellería de Sanidade e

Servicios Sociais.

En consecuencia, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de consulta ás organizacións sindicais e informe da Comisión de Persoal, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro.

DISPOÑO:

Artigo 1º

O presente decreto é de aplicación á cobertura temporal dos postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 12 de novembro de 1992 e publicadas por Resolución do 18 de novembro de 1992 (DOG nº 243, do 15 de decembro), modificadas por Ordes do 3 de decembro de 1993 (DOG nº 4, do 7 de xaneiro), pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º

A cobertura temporal farase mediante o nomeamento de persoal interino nos termos previstos no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 3º

A orde de prelación para o chamamento virá determinada polo resultado acadado no concurso-oposición convocado por Orde do 1 de marzo de 1993 e resolto pola Resolución do 28 de xaneiro de 1994 e por Orde do 19 de maio de 1994, entre os aspirantes que sen ter superado o dito concurso-oposición acreditasen 150 puntos ou máis na fase de oposición e, entre os ditos aspirantes, a prelación establecerase en atención ó número de orde obtido no resultado final do proceso selectivo.

No suposto de que as relacións de postos de traballo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais esixan para o desenvolvemento dun dos seus postos de traballo estar en posesión do curso de matadoiros e a persoa que, aplicada a orde de prelación da lista, non a posúa, o chamamento farase en favor daquela persoa que, seguindo a devandita orde de prelación, posúa tal requisito.

Artigo 4º

A lista confeccionada segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior terá un ámbito autonómico e será xestionada pola Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposicións adicionais

Primeira.

En todo o non previsto polo presente decreto será de aplicación supletoriamente o Decreto 252/1994, do 30 de xullo, polo que se regula a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo.

Segunda.

O establecido no presente decreto será tamén aplicable, se é o caso, ó procedemento de selección de persoal laboral temporal da categoría de veterinarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais contratado con cargo ó capítulo VI dos seus orzamentos ou dos do Sergas.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública