Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 04 de xaneiro de 1995 Páx. 118

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

COMUNICACIÓN do 19 de decembro de 1994 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación dos artigos 52.2, 69.2ª e 70 do vixente Regulamento do Parlamento de Galicia.

Vista a certificación do Parlamento de Galicia do trece de decembro de mil novecentos noventa e catro, e resultando que este aprobou a modificación dos artigos 52.2, 69.2ª e 70 do vixente Regulamento do Parlamento de Galicia, en virtude das facultades que me confire o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei reguladora da Xunta e do seu presidente,

ORDENO:

A publicación da dita modificación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1994.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Reforma do Regulamento

do Parlamento de Galicia

A Constitución española, no seu artigo 76, recolle a posibilidade de que o Congreso dos Deputados e o Senado, ou ámbalas cámaras conxuntamente, nomeen comisións de investigación. O noso Regulamento, vixente desde 1983, aborda tamén esta materia no seu artigo 70. As sesións e os traballos destas comisións, por imperativo regulamentario, teñen carácter secreto, o que impide a asistencia dos representantes dos medios de comunicación social, en contra do previsto para o funcionamento das demais comisións.

A experiencia mostra que o aludido carácter secreto destas comisións é un atranco cara ó seu correcto funcionamento e non responde á demanda social de transparencia, obxectividade e publicidade, esixida pola sociedade actual.

O obxectivo desta proposición de lei é o de profundar no principio de que o carácter secreto das comisións de investigación debe ser unha excepción. Se fose merecente de aprobación, por congruencia e funcionalidade, debería extenderse a publicidade ás sesións do pleno nas que se debatesen dictames e conclusións formulados polas comisións de investigación, suprimindo o inciso final do artigo 69.2ª do Regulamento.

Artigo único

Os artigos 52.2, 60.2ª e 70 do Regulamento quedan redactados do seguinte xeito:

Artigo 52.2

2.-As comisións de investigación elaborarán un plan de traballo e poderán nomear ponencias no seu seo e requiri-la presencia, por conducto da Presidencia do Parlamento de Galicia, de calquera persoa para ser oída. Os extremos sobre os que deba infor

ma-la persoa requirida deberán serlle comunicados cunha antelación mínima de cinco días. Os comparecentes serán advertidos dos seus dereitos así como da posibilidade de acudir asistidos de letrado.

Artigo 69.2ª

Cando se debatan propostas, dictames, informes ou conclusións elaboradas no seo da Comisión do Estatuto dos Deputados.

Artigo 70

1.-As sesións das comisións son a porta pechada, mais poderán asisti-los representantes dos medios de comunicación social debidamente acreditados.

2.-As sesións das comisións serán secretas canda o acorden por maioría absoluta dos seus membros, por iniciativa da súa respectiva Mesa, da Xunta de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos seus compoñentes.

3.-Serán secretas, en todo caso, as sesións e os traballos da Comisión do Estado dos Deputados.

4.-As sesións das comisións de investigación axustaranse ó previsto no apartado 1 deste artigo, coas seguintes excepcións:

a) Serán secretas as reunións das ponencias que se creen no seo da Comisión.

b) Serán igualmente secretas as comparecencias que versen sobre materias que fosen declaradas reservadas ou secretas conforme a lexislación vixente e as que traten sobre asuntos que coincidan con actuacións xurídicas que fosen declaradas secretas.

c) Tamén serán secretos os datos, informes ou documentos facilitados a estas comisións para o cumprimento dos seus fins cando o dispoña unha lei ou cando motivadamente o acorde a propia Comisión.