Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 03 de xaneiro de 1995 Páx. 101

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 1994, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación dos montes Costa Freiría e outros, pertencentes á parroquia de San Cristovo de Candeán (concello de Vigo).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas trinta minutos, do día vintesete de outubro de mil novecentos noventa e catro, nos locais da Delegación Provincial de Clasificación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de citación para o efecto reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente: Manuel Abeledo López.

Vicepresidente: José J. Barreiro Prado.

Vocais: Luis Mª Muíños Vidueira e Serafín Quinteiro Blanco.

Instructor: Fernando Saénz de Miera y Cuesta.

Vocais representantes da P. de Candeán. Vigo: César Outerelo González e Ceferino Vila Seijo.

Vocal representante da P. de Teis. Vigo: Antonio Estévez Alonso.

Vocal representante da P. de Chapela. Redondela: Tomás Alves Álvarez.

Vocais representantes da P. de Cabeiro. Redondela: Carlos Ballesteros Carrera e Manuel Bastos Bastos.

Secretaria: Ramona C. Fernández Álvarez.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O 23 de agosto de 1990 tivo entrada escrito solicitando a clasificación como veciñais en man común de varios montes da parroquia de Candeán, subscrito por Jerónimo Escariz Vázquez, en representación da comunidade veciñal, xuntando poder suficiente e documentación acreditativa da solicitude.

Segundo.-Con data do 28 de setembro de 1994 o xurado provincial acordou a apertura de expediente clasificatorio.

Terceiro.-O 29 de novembro de 1993, emite informe o Servicio de Montes.

Cuarto.-Con data de saída do 29 de xaneiro de 1994, diríxese escrito ó secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e ó alcalde de Vigo, para que o primeiro publique no DOG e o segundo dea a normativa publicidade mediante edicto municipal do acordo de iniciación do trámite para clasificación como veciñal en man común dos montes:

Nome do monte: Costa Freiría e outros que se corresponden plenamente co monte de libre disposición número 867 do Concello de Vigo.

Parroquia: Candeán.

Concello: Vigo.

Quinto.-Con data de saída do 19 de xaneiro de 1994, notificouse ó Concello de Vigo e a representación da comunidade de veciños de Candeán, a iniciación da tramitación, dándolle-lo normativo prazo de un mes para a presentación de alegacións.

Sexto.-Con data do 19 de xaneiro de 1994 solicitouse do rexistrador da propiedade do Distrito Hipotecario nº 2 de Vigo que se realicen as seguintes correspondentes anotacións preventivas.

Sétimo.-Con data do 10 de febreiro de 1994, publícase no DOG nº 28, o acordo de iniciación do expediente.

Oitavo.-O 23 de febreiro de 1994 ten entrada escrito subscrito por Jerónimo Escariz Vázquez, en representación da comunidade de Candeán, reiterando

como proba a documentación histórica e alegando que o centro socio-cultural debe incluírse na clasificación.

Noveno.-A comunidade de Chapela e de Cabeiro presentan reclamación en relación coa súa colindancia coa parroquia de Candeán, manifestando que Coto Ferreiro está dentro do termo municipal de Redondela e clasificado como veciñal de man común das parroquias reclamantes, que solicitan que a súa colindancia con Candeán se defina estrictamente polo vixente deslindamento de termos municipais de Redondela e Vigo. Considérase o reclamado, ó defini-los limites norte e leste do monte a clasificar de Candeán co termo municipal de Redondela, reflectido no plano que se propón unir á resolución, o límite dos concellos segundo actual liña divisoria dos termos de Redondela e Vigo; e excluíndo da clasificación Coto Ferreiro, como monte de Candeán.

Décimo.-Que as parcelas de monte de Pedrosa e Quintá non poden declararse como veciñais en man común a favor de Candeán por pertencer á parroquia de Teis.

Décimo primeiro.-Que o linde entre os montes da parroquia de Candeán cos da parroquia de Teis se establece por acordo das representacións de ambas tal como se define na seguinte descrición do monte:

Concello: Vigo.

Parroquia: Candeán.

Nome do monte: Bandeira, Loureiro, Pedra Longa, Vixiador, Costa Freiría, Facha, Pedras Negras e Costal.

Límites e cabidas:

Parcela 1.-Pedras Negras, Facha, Costa Freiría, Costal, Vixiador, Pedralonga e Loureiro.

Cabida.-86,37 ha.

Límites:

Norte: parroquia de Teis, desde o límite dos termos municipais de Vigo e Redondela onde concorren as parroquias de Chapela (Redondela), Candeán (Vigo) e Teis (Vigo) en recta ó alto de Pedras Negras e desde este en recta á esquina SO das instalacións deportivas de ambas parroquias en Devesa e termo municipal de Redondela.

Sur: propiedades particulares.

Leste: termo municipal de Redondela.

Oeste: instalacións deportivas do Celta de Vigo.

Parcela 2.-Da Bandeira.

Cabida.-5,45 ha.

Límites:

Norte: propiedades particulares.

Sur: parroquia do Cabral.

Leste: termo municipal de Redondela.

Oeste: propiedades particulares.

Parcela 3.-Pedras Negras (lugar Devesa).

Cabida.-0,45 ha.

Límites:

Norte: parroquia de Teis.

Sur: propiedades particulares.

Leste: instalacións deportivas do Celta de Vigo.

Oeste: propiedades particulares.

Cabida total dos montes de Candeán: 92,27 ha.

Fundamentos de dereito:

I.-Que a documentación histórica acredita os montes de aproveitamento comunal da parroquia de San Cristovo de Candeán; así no Libro Real de Leigos do Catastro do Marqués da Ensenada e tamén no expediente Excepción de Vendas promovido polo Concello de Lavadores o 24 de febreiro de 1896.

II.-Figura no catálogo dos de libre disposición do Concello de Vigo co número 867, como pertencente á parroquia de Candeán.

III.-Non é obstáculo para a clasificación que os montes estean incluídos en inventarios ou rexistros con asignación de distintos titulares. Non tendo doutra parte presentado o Concello de Vigo ningún escrito de obxección a clasificación.

Visto o artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento de Galicia, de montes veciñais en man común, así como artigo 1 do Decreto 260/1989, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da antedita lei, os membros do xurado provincial de maneira unánime acordan:

Clasificar como veciñais en man común os montes da parroquia de Candeán do Concello de Vigo, tal como se definen no número 11 dos antecedentes de feito da presente resolución coa descrición gráfica contida no plano adxunto a ela confeccionado o 16 de maio de 1994 polo xefe da sección de Topografía do Servicio de Montes de Pontevedra e co Vª e Pr do enxeñeiro de montes da segunda sección do referido servicio da delegación, e que constitúe parte integrante da resolución.

Contra a presente resolución poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a notificación da presente resolución ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei de montes veciñais en man común e o artigo 28 do seu regulamento modificados os dous preceptos legais pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 24 de novembro de 1994.

Manuel Abeledo López

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra