Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76-Bis Venres, 23 de abril de 2021 Páx. 20696

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021 coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, polo Decreto 58/2021, do 9 de abril, polo Decreto 59/2021, do 14 de abril, e polo Decreto 60/2021, do 16 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, do 7 de abril de 2021, do 9 de abril de 2021, do 14 de abril de 2021, e do 16 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 21 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 23 de abril de 2021, establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, ascendeu por riba do 1, o que indica que pode aumentar a transmisión da infección. Nas áreas de Ferrol e Santiago está por debaixo do 1. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar a que o Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 136 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 178. Isto supón unha diminución de 3 concellos a 14 días e de 5 concellos a 7 días sen casos, desde hai unha semana, que eran de 141 e 181, a 14 e 7 días.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 49 e 95 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai 7 días, cando eran de 46 e 78 casos por cen mil habitantes, respectivamente, o que significa un aumento do 6 % aos 7 días e do 17,1 % aos 14.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente, a un ritmo do 7,1 % ata o 22 de xaneiro, e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -6 % e outra, cun aumento máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de 0,9 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, subiron as súas taxas a 14 días, e só a Área de Santiago baixou a taxa a 7 días, con respecto a hai unha semana. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 50,57 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 129,81 de Pontevedra.

A media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 155,9, o que significa un descenso do 8,2 % desde hai unha semana. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,8 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 8,2 % con respecto a hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 32,1 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,2 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do 33,1 % con respecto a hai unha semana, tanto na media como na taxa.

No que respecta á situación dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 4 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, cando hai unha semana era 1. Ningún deles presenta unha taxa superior aos 500 casos por 100.000 habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 13 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 1 máis que na semana pasada. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 6 destes concellos.

O informe conclúe que a tendencia da taxa de incidencia parece que volve ascender moi lentamente, despois do descenso observado a partir do cumio da onda o 22 de xaneiro. Igualmente, obsérvase un aumento no Rt, que no global de Galicia está por riba do 1.

O informe segue a destacar que a información do modelo de predición, en que indica que a incidencia aumentaría amodo, tanto a 7 como a 14 días, hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, pero estase a achegar. As áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

O informe sinala que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Sudáfrica.

A ocupación por pacientes con COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír. Non obstante, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo Comité e Subcomité Clínico das características específicas de cada gromo. Téñense en conta, ademais, outros criterios tales como a existencia de brotes non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como o feito de que non se observe unha mellora clara na evolución da situación epidemiolóxica unido a unha tendencia nas súas taxas que non vai claramente en descenso.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, formúlanse as seguintes propostas:

Manteríanse no nivel máximo de restricións os concellos de Carballeda de Valdeorras e Cualedro (Área Sanitaria de Ourense) debido ás súas taxas de incidencia a 7 e 14 días.

Tamén se propón manter no nivel máximo, en lugar de baixalo ao nivel alto debido ás súas taxas de incidencia, os concellos do Grove (Área Sanitaria de Pontevedra) e da Pobra do Caramiñal (Área Sanitaria de Santiago). Os motivos son que se atopan en dúas comarcas cunha situación epidemiolóxica en que pode producirse un aumento da incidencia. No caso da Pobra do Caramiñal, ademais, estase a desenvolver un abrocho, con polo menos 117 casos, no que se identificaron as variantes británica e sudafricana, altamente transmisibles, polo que o risco de aumento da incidencia é moi alto e, finalmente, porque é preciso asegurar que a súa evolución segue a ser boa.

Proponse ascender do nivel alto actual ao nivel máximo o concello de Vilanova de Arousa debido a que a situación epidemiolóxica está a amosar unha evolución desfavorable desde hai varios días. Así mesmo, as razóns débense tamén a que se atopa na comarca do Salnés, na cal a práctica totalidade dos concellos teñen medidas de restrición media ou alta, este concello resulta ser a cabeceira da comarca e, ademais, ten activos diferentes abrochos sen relación entre eles, o que implica unha elevada transmisión.

Manteríanse no nivel alto, en que xa están na actualidade e aínda que as súas taxas indican un nivel máximo, os concellos de Meira (Área Sanitaria de Lugo), Lobeira, Muíños e Petín (Área Sanitaria de Ourense). A razón é que os casos destes concellos pertencen a abrochos controlados e os seus casos a 7 días están a diminuír.

Tamén se manterían neste nivel alto, en vez de descender ao nivel medio que lles correspondería polas súas taxas, os concellos do Barco de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense) e Ribeira (Área Sanitaria de Santiago), xa que é preciso consolidar a evolución da situación epidemiolóxica nos dous concellos que, ademais, están en dúas comarcas cunha situación desfavorable.

Igualmente, manteríanse neste nivel alto, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Cambre (Área Sanitaria da Coruña), Marín, Meaño e Ribadumia, da Área Sanitaria de Pontevedra.

Aumentarían do nivel medio actual ao nivel alto, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Meis (Área Sanitaria de Pontevedra) e Ponteareas (Área Sanitaria de Vigo).

Proponse manter no nivel medio, tal como indican as súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días ou por non levar tempo suficiente neste nivel para asegurar o control da transmisión, os concellos de Lobios (Área Sanitaria de Ourense), Carral (Área Sanitaria da Coruña), Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa e Poio, da Área Sanitaria de Pontevedra, e os concellos de Gondomar e Vigo (Área Sanitaria de Vigo).

Tamén se propón manter no nivel medio actual, aínda que as súas taxas indicarían o nivel máximo ou alto, os concellos de Trabada e Barreiros, da Área Sanitaria de Lugo, e Cartelle, Cortegada e Padrenda, da Área Sanitaria de Ourense, porque os casos están controlados nun abrocho de orixe coñecida.

Igualmente, proponse manter neste nivel medio, aínda que as súas taxas indicarían o seu posible descenso ao nivel medio baixo, xa que ou non levan o tempo suficiente neste nivel ou é preciso asegurar que a súa situación epidemiolóxica está baixo control, os concellos de Boiro e Rianxo, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela.

Así mesmo, proponse manter neste nivel medio o concello de Sanxenxo, da Área Sanitaria de Pontevedra, xa que, ademais de atoparse na comarca do Salnés, presenta en global unha mala evolución da súa incidencia e cómpre asegurar que a súa situación está perfectamente controlada.

Tamén se mantería neste nivel o concello de Cangas, pola necesidade de garantir que a súa incidencia se estabiliza na tendencia á baixa.

Aumentarían a este nivel medio polas súas taxas a 7 e/ou 14 días os concellos de Carnota (Área Sanitaria de Santiago), Chantada, da Área Sanitaria de Lugo, e Verín, da Área Sanitaria de Ourense.

O resto de concellos de Galicia permanecen no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Por outra banda, tamén se recolle na presente orde a modificación do punto 3.21 do anexo I da Orde do 17 de marzo, relativo á celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A modificación introducida consiste en incorporar, xa que por erro non se incorporou na orde anterior, para os concellos enumerados na letra D do anexo II, a limitación do 50 % que xa se introducira na corrección de erros da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 53-bis, do 18 de marzo).

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o parágrafo segundo do punto 3.21 do anexo I da Orde do 17 de marzo pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado do xeito seguinte:

«Non obstante, nos concellos enumerados na letra D do anexo II, o límite máximo poderá chegar ás cincocentas persoas para lugares pechados e ás mil persoas se se trata de actividades ao aire libre, sen superar o cincuenta por cento da capacidade permitida.».

Dous. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 26 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Carballeda de Valdeorras

Cualedro

Grove (O)

Pobra do Caramiñal (A)

Vilanova de Arousa

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Barco de Valdeorras (O)

Cambre

Lobeira

Marín

Meaño

Meira

Meis

Muíños

Petín

Ponteareas

Ribadumia

Ribeira

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barreiros

Boiro

Cambados

Cangas

Carnota

Carral

Cartelle

Catoira

Chantada

Cortegada

Gondomar

Illa de Arousa (A)

Lobios

Padrenda

Poio

Rianxo

Sanxenxo

Trabada

Verín

Vigo

Vilagarcía de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Boimorto

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas