Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19282

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas.

En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto.

As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Conforme o artigo 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida nese real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, estas medidas non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria.

Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada por COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector hostaleiro e da necesidade de manter a súa viabilidade, acordou cos representantes deste sector hostaleiro de Galicia un compromiso de reactivación segura que se fundamenta en tres piares básicos: acadar a máxima seguridade no acceso aos establecementos, o máximo seguimento de posibles gromos e posibilitar o máximo control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes.

Por tales motivos, ditouse a Orde do 25 de febreiro de 2021 (modificada pola Orde do 17 de marzo de 2021) pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se conteñen as medidas necesarias para garantir unha apertura progresiva e segura do sector hostaleiro.

Desde a súa posta en marcha, téñense establecido canles de colaboración permanentes co sector, non só para garantir o cumprimento adecuado das medidas acordadas, senón tamén para ter información fluída sobre o impacto destas nos establecementos, co obxecto de posibilitar a realización dos axustes necesarios, facendo compatibles o mantemento dos niveis de seguridade necesarios e as necesidades e dúbidas dos operadores na súa posta en marcha e na aplicación diaria.

Froito desta colaboración xurdiron algúns mecanismos que cómpre axustar e outros aspectos que precisan de maior aclaración.

Neste sentido, a presente orde pretende abordar unha modificación puntual en relación coa necesidade de manter unha distribución homoxénea das mesas autorizadas dentro da porcentaxe máxima de uso posible, evitando que se acumulen nun único espazo, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas ou comedores. Así mesmo, debe aclararse que nestes casos en que se dispón de varias salas ou comedores non se poden ter en conta para o calculo da capacidade máxima interior as salas ou comedores que permanezan sen uso.

Cómpre, polo tanto, modificar o punto terceiro da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de engadir un parágrafo 5 relativo aos aspectos sinalados.

Así mesmo, introdúcese un novo punto sétimo bis na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de establecer os requisitos aplicables nos establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría, de acordo co establecido na Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, deberán cumprirse os requisitos de reserva ou citación previa para o servizo de ceas, levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID-19 e garantirase a correcta ventilación do local, que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2. En particular, o nivel da concentración de CO2 é unha medida utilizada como indicador da calidade do aire interior, xa que este é un bo indicador das emisións de bioefluentes humanos. Nun espazo pechado, se non se ventila, a concentración de CO2 irá aumentando progresivamente como resultado da respiración das persoas que se achan nel. Ao volver introducir aire exterior e expulsar aire interior (ventilación) dilúense tanto os aerosois como o CO2. Para a prevención da COVID-19 establécese o criterio de que o CO2 non debe superar 800 p.p.m. Ao chegar a ese valor, debe renovarse o aire.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Engádese un número 5 ao punto terceiro da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. Deberán distribuírse no local de xeito homoxéneo as mesas e cadeiras posibles dentro da porcentaxe máxima de uso interior establecida dispoñible, evitando a súa concentración en espazos concretos, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas ou comedores. Nos casos en que se dispón de varias salas ou comedores, a superficie dos que permanezan sen uso non computarán para os efectos do cálculo da capacidade interior do establecemento».

Dous. Introdúcese un punto sétimo bis na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«Sétimo bis. Requisitos aplicables nos establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría:

Os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalería exclusivamente para o servizo de ceas, de acordo co establecido na Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. A xestión da ocupación das mesas para o servizo de ceas deberá levarse a cabo mediante a reserva ou citación previa.

2. Co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID-19, levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas que inclúa nome e apelidos, DNI e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante polo menos un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

3. Garantirase a correcta ventilación do local que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

A localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación. Non se situarán preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación.

No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

Tanto nos casos de ventilación natural coma nos de mecánica ou mixta, non se deberán superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2, será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere a cifra indicada».

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 16 de abril de 2021. Porén, e sen prexuízo do deber de garantir a ventilación correcta do local, a obriga de utilización de dispositivos medidores de CO2 terá efectos a partir das 00.00 do día 23 de abril de 2021. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade