Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244-Bis Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47913

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, non obstante, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas, como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención, tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que a dita limitación poida afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como na normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En concreto, no dito decreto recóllense tres tipos de limitacións:

a) Limitacións de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións.

b) Limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados. Con carácter xeral, establécese unha limitación de grupos aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes. Non obstante, en determinados ámbitos territoriais e tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, é aplicable a medida máis restritiva, consistente na limitación de grupos aos constituídos só por persoas conviventes.

c) Limitacións da permanencia de persoas en lugares de culto, contidas no punto terceiro do decreto, no cal se establecen limitacións de capacidade de carácter xeral para o territorio autonómico e limitacións de capacidade máis restritivas nos ámbitos territoriais en que rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

Conforme o punto quinto do decreto, as medidas previstas nel manterán a súa eficacia ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deben ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Deste modo, ditáronse diversos decretos modificativos do Decreto 179/2020, do 4 de novembro.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia impón no momento actual a necesidade de que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade, en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

En concreto, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixe a adopción, na condición de autoridade competente delegada, das seguintes medidas:

a) Establecemento, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, de limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

Estes ámbitos territoriais son coincidentes cos actualmente establecidos, ben que con certas variacións. Neste sentido, na situación actual, dada a evolución favorable dos concellos de Ourense, Barbadás e O Pereiro de Aguiar, levántanse neste ámbito territorial as medidas máis restritivas que lles eran aplicables relativas á entrada e saída de persoas. Igualmente, levántanse estas medidas no ámbito territorial dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo.

Así mesmo, levántanse as limitacións de entrada e saída existentes no concello da Estrada, tendo en conta a evolución favorable da súa situación epidemiolóxica. Pola mesma razón, exclúese o concello de Ares do ámbito territorial delimitado en que se incluía, co que se levantan neste concello as restricións á entrada e saída de persoas.

Por outro lado, tendo en conta a taxa de incidencia acumulada a 14 días das Pontes de García Rodríguez (de máis de 250 casos por cada cen mil habitantes), deben aplicarse neste concello, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, medidas máis restritivas, como a súa inclusión nos ámbitos territoriais con restrición de entrada e saída, sen prexuízo da aplicación das excepcións previstas neste decreto.

Ademais, o concello da Guarda presenta unha taxa acumulada a 14 días de 370,9 casos por cada cen mil habitantes, polo que o informe da Dirección Xeral de Saúde Publica recomenda a aplicación de medidas máis restritivas, que inclúen limitacións de entrada e saída.

Tamén se realizan adaptacións nos ámbitos territoriais existentes para adaptalos á situación epidemiolóxica dos diferentes concellos.

b) Limitación, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, e con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Polas razóns antes expresadas, esta medida pasa a aplicarse nos concellos de Ourense, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Ames, Santiago de Compostela e Teo, A Estrada e Ares.

Tamén pasa a aplicarse esta medida, menos restritiva que a que se viña aplicando neles, dada a súa evolución favorable, noutros concellos, como A Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Cambre, Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade, pese a que manteñen os peches perimetrais que os afectan.

Non obstante o anterior, en determinados ámbitos territoriais e atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos que existe unha forte interrelación, procede establecer a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Debe destacarse, en relación coa situación anterior, que se modifica o tipo de medida aplicable aos concellos en que se adoptan medidas máis restritivas, dado que de limitar os grupos aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes se pasa a limitar os grupos a un máximo de catro persoas, agás que se trate de conviventes, dada a evolución da situación epidemiolóxica.

Así mesmo, procede destacar, en relación coa situación existente, que a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que sexan persoas conviventes, pasa a aplicarse tamén aos concellos das Pontes de García Rodríguez e da Guarda, tendo en conta a súa evolución desfavorable e o aumento neles da taxa de incidencia, como antes se indicou.

A medida de limitación de grupos resulta necesaria, adecuada e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social por riba dun determinado número de persoas co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe recordarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio.

Procede advertir, ademais, de que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que seguirá estando matizada por unha serie de importantes excepcións.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Trátase de manter, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co fin de previr e reducir o risco de transmisión.

Respecto da eficacia das medidas, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e de avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Por último, procede indicar que o Comité Clínico, á vista da evolución da pandemia no norte de Portugal e da súa situación epidemiolóxica, moi diferente á de Galicia, instou a Administración autonómica á adopción de medidas temporais restritivas da mobilidade para evitar desprazamentos de poboación entre estes territorios, tendo en conta razóns sanitarias e epidemiolóxicas e, en particular, valorando a proximidade dunha ponte festiva en que é previsible que se produza un aumento dos desprazamentos por razóns meramente recreativas, turísticas ou de ocio. Con esta finalidade de evitar desprazamentos de poboación nas vindeiras festividades, restrínxese de forma temporal a entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro deste decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no numero 4 do punto primeiro.

De acordo co artigo 9 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, dado que o peche perimetral pretendido afecta a fronteira terrestre cun terceiro Estado, comunicouse a adopción da medida, con carácter previo, ao Ministerio do Interior e ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que proceda ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais

1. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais delimitados de forma conxunta:

a) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros e Cambre.

b) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

c) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.

d) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ferrol, Neda e Fene.

e) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

f) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e O Grove.

g) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Carballo e A Laracha.

h) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

i) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Cee, Dumbría e Muxía.

j) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Meaño, Meis e Ribadumia.

2. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais:

a) Do ámbito territorial do concello de Lugo.

b) Do ámbito territorial do concello de Narón.

c) Do ámbito territorial do concello de Redondela.

d) Do ámbito territorial do concello de Cangas.

e) Do ámbito territorial do concello de Ponteareas.

f) Do ámbito territorial do concello de Lalín.

g) Do ámbito territorial do concello do Porriño.

h) Do ámbito territorial do concello de Moaña.

i) Do ámbito territorial do concello de Tui.

j) Do ámbito territorial do concello de Vilalba.

k) Do ámbito territorial do concello de Cambados.

l) Do ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

m) Do ámbito territorial do concello da Guarda.

n) Do ámbito territorial do concello de Xinzo de Limia.

ñ) Do ámbito territorial do concello de Burela.

o) Do ámbito territorial do concello de Silleda.

p) Do ámbito territorial do concello de Oroso.

q) Do ámbito territorial do concello de Soutomaior.

r) Do ámbito territorial do concello de Vimianzo.

s) Do ámbito territorial do concello de Vilaboa.

t) Do ámbito territorial do concello de Cerdedo-Cotobade.

u) Do ámbito territorial do concello de Ponte Caldelas.

v) Do ámbito territorial do concello de Ribadavia.

w) Do ámbito territorial do concello de Barro.

x) Do ámbito territorial do concello de Laxe.

3. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.

c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

j) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

k) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

4. Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións previstas nos números 1 e 2.

Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás nos concellos citados no número 2, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, agás que se trate de persoas conviventes. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, agás que se trate de persoas conviventes.

No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de seis persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas no anexo I e II da Orde do 3 de decembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número máximo global de persoas asistentes ou participantes previstas neles. A limitación de grupos dun máximo de seis persoas, excepto conviventes, contida neste número 1, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos nos ditos anexos.

2. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes, nos concellos seguintes:

a) Concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

b) Concellos de Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.

c) Concellos de Ferrol, Neda e Fene.

d) Concellos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

e) Concellos de Sanxenxo e O Grove.

f) Concellos de Carballo e A Laracha.

g) Concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

h) Concellos de Cee, Dumbría e Muxía.

i) Concellos de Meaño, Meis e Ribadumia.

j) Concello de Lugo.

k) Concello de Narón.

l) Concello de Redondela.

m) Concello de Cangas.

n) Concello de Ponteareas.

ñ) Concello de Lalín.

o) Concello do Porriño.

p) Concello de Moaña.

q) Concello de Tui.

r) Concello de Vilalba.

s) Concello de Cambados.

t) Concello das Pontes de García Rodríguez.

u) Concello da Guarda.

v) Concello de Xinzo de Limia.

w) Concello de Oroso.

x) Concello de Vimianzo.

y) Concello de Vilaboa.

z) Concello de Ribadavia.

No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de catro persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas nos anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número máximo global de persoas asistentes ou participantes previstas neles. A limitación de grupos dun máximo de catro persoas, excepto conviventes, contida neste número, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos nos ditos anexos.

Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados no número 2 do punto segundo deste decreto.

3. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

4. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

Cuarto. Persoas procedentes de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

As persoas procedentes de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir as disposicións establecidas neste decreto, polo que, en particular, só poderán entrar nos ámbitos territoriais delimitados no punto primeiro nos supostos nel previstos.

Quinto. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Sexto. Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

Coa finalidade de evitar desprazamentos de poboación nas vindeiras festividades, por razóns derivadas das grandes diferenzas na situación epidemiolóxica entre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e outros territorios que a rodean, restrínxese de forma temporal a entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro deste decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no numero 4 do punto primeiro.

Sétimo. Recursos

Contra o presente decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia