Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207-Bis Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39922

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable, e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 28 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas encóntrase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 29 de agosto de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo do 29 de agosto de 2020.

Froito do seguimento e avaliación das medidas, sobre a base do indicado nos correspondentes informes da Dirección Xeral de Saúde Pública e tras escoitar tamén as recomendacións do comité clínico, foron ditadas sucesivas ordes.

Así, en virtude da Orde do 2 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Lugo, con adaptacións puntuais tendentes a precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas e a prever o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados. O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 62/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Mediante a Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas previstas para todo o ámbito territorial do concello de Lugo na Orde do 28 de agosto de 2020, con algunhas modificacións puntuais, e o levantamento das medidas máis restritivas que aquela orde contiña para o barrio da Milagrosa. O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 80/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

Na posterior Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento no concello de Lugo das medidas previstas para todo o ámbito territorial do dito concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 64/2020, do 18 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Mediante a Orde do 23 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Lugo, das medidas previstas para todo o ámbito territorial dese concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 87/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En virtude da posterior Orde do 30 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Lugo, das mesmas medidas. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 93/2020, do 2 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

E, finalmente, pola Orde do 7 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento das medidas sanitarias acordadas respecto do concello de Lugo, nos mesmos termos en que se viñan aplicando. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 104/2020, do 9 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Conforme o punto segundo da dita orde, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 14 de outubro de 2020, indícase que a taxa de incidencia global dos últimos 14 días na comarca foi de 1,1 veces o valor acadado para o conxunto de Galicia. A incidencia acumulada a 3 e a 7 días presenta unha tendencia ascendente con respecto ao informe anterior, ao igual que a media da taxa acumulada a 14 días. Destaca o concello de Lugo, onde as taxas acumuladas a 3, 7 e 14 días de Lugo amosan valores superiores ás do total da comarca e ás do total de Galicia. Así mesmo, Lugo ten casos confirmados declarados todos os días nos últimos 14 días. Por outro lado, o número reprodutivo instantáneo aumentou en relación co informe anterior, estando por enriba do limiar de 1. Este brote segue a ter algunha característica de alto risco, como é a incidencia acumulada nos últimos 3 días, que aumentou con respecto ao informe anterior. Ademais, ten características de risco medio en canto á porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado e a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do brote. Polo tanto, o informe recomenda continuar coas medidas xa establecidas para o concello de Lugo.

Unha vez atendido o indicado no dito informe, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento, no concello de Lugo, das medidas previstas para todo o ámbito territorial dese concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación desta orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Lugo

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo, mantense no dito concello a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 15 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade