Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200-Bis Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38342

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a situación epidemiolóxica da comarca de Verín, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 18 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se estableceron determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 19 de setembro de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 83/2020, do 23 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Verín.

Neste sentido, unha vez atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde pública, do 25 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, por Orde do 25 de setembro de 2020, acordouse o mantemento da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Conforme o punto segundo da devandita orde, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 91/2020, do 30 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 25 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Verín, do 2 de outubro de 2020, indícase que o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca foi 2,15 veces o valor acadado para o conxunto de Galicia. Dentro da comarca destaca Verín, polo seu número de casos, a taxa a 14 días e cun número de casos hospitalizados alto, co risco engadido de ser unha poboación moi envellecida. Este abrocho segue a ter algunha característica de alto risco, como son a taxa de incidencia nos últimos 3 días e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado. Ademais, amosa algún indicador en niveis de risco medio, como son a porcentaxe de probas PCR positivas. Dada a taxa observada no concello de Verín, o número de ingresados e as características do abrocho, todo isto xunto coa circunstancia de ter unha poboación moi envellecida, o informe recomenda o mantemento das medidas restritivas neste concello.

Así, atendido o disposto no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 2 de outubro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 18 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 25 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención no concello de Verín

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 3 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Verín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade