Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172-Bis Mércores, 26 de agosto de 2020 Páx. 33940

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Na Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada mantivéronse as restricións existentes na Orde do 7 de agosto de 2020 e estableceuse como medida de prevención adicional que os establecementos e locais comerciais deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

Así mesmo, incorporouse unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Por outro lado, insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas, e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

A Orde do 19 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes, e modificou o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

De acordo coa Orde do 19 de agosto, as medidas cuxa eficacia se mantén, así como a medida e a recomendación adicionais introducidas serán obxecto de seguimento e avaliación continúa e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ben que as taxas de incidencia acumulada nesta semana baixaron respecto á semana anterior, a taxa diaria presenta flutuacións que indican a falta de estabilidade das cifras e, polo tanto, non pode falarse dunha redución sostida das taxas. A positividade é especialmente alta en grupos de idade de 20 a 35 anos que poden ser os máis afectados, pero tamén, con máis alta probabilidade, asintomáticos e, polo tanto, máis difíciles de diagnosticar e de illar para romper as cadeas de transmisión. O aumento de cadeas de transmisión independentes e a porcentaxe de casos orfos da comarca indican que persiste un certo grao de transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida. A situación de inestabilidade das cifras de incidencia e o feito de non poder asegurar unha redución sostida destas, ademais doutros indicadores que, aínda que parecen mellorar, seguen a estar moi por riba das cifras desexadas recomendan continuar coas medidas restritivas postas en marcha o día 7 e que se ratificaron os días 12 e 19 de agosto, e que afectaban o ocio nocturno, aspecto este que xa está recollido para toda Galicia, a redución de grupos en todos os concellos da comarca da Coruña e á limitación de horarios e de capacidade para os concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre. Polo tanto, sen prexuízo das revisións que se poidan realizar, deben manterse as medidas actuais.

O informe aconsella tamén manter, así mesmo, o resto das recomendacións realizadas para esta comarca, en relación coas recomendacións á poboación especialmente vulnerable (enfermos crónicos e maiores de 75 anos) de que eviten as saídas a zonas concorridas e as limitacións de visitas aos centros sanitarios da área da Coruña.

Adicionalmente, recoméndase que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan nos centros cívicos e sociais dependentes dos concellos da comarca e que estes concellos adopten medidas que coadxuven ao control das agrupacións de persoas en lugares públicos, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas en parques e outros lugares de tránsito público, polos riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal, limitando a circulación en parques públicos e praias a partir das 00.00 horas e ata as 6.00 horas.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención e da recomendación existentes e a formulación de novas recomendacións, sen prexuízo de que as ditas medidas e recomendacións deban seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto terceiro da Orde do 19 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención e da recomendación de autoprotección previstas na Orde do 19 de agosto de 2020

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense a eficacia das medidas de prevención e da recomendación de autoprotección previstas na Orde do 19 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Segundo. Recomendacións dirixidas aos concellos da comarca da Coruña

1. Recoméndase aos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada que extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan nos centros cívicos e sociais dependentes deles.

2. Recoméndase, así mesmo, a estes concellos que adopten medidas que coadxuven no control das agrupacións de persoas en lugares públicos, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas en parques e outros lugares de tránsito público, polos riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal, mediante o peche dos parques públicos e das praias a partir das 00.00 horas ata as 6.00 horas.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 27 de agosto de 2020.

As medidas e recomendación adicional cuxa eficacia se mantén e a recomendación prevista nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade