Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156-Bis Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31270

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Ademais, mediante a Orde do 30 de xuño de 2020 demorouse o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo de 2020, ditouse a Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19. Na orde recolléronse medidas de prevención específicas de aplicación no ámbito territorial dos ditos concellos para facer fronte ao abrocho existente de COVID-19 e para garantir a súa contención.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 6 de xullo de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de modificación ou poderían deixarse sen efecto mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas previstas no punto terceiro da orde, relativas ás restricións á mobilidade e ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible, foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 8 de xullo de 2020.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 5 de xullo de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria. Como resultado do dito seguimento, en virtude da Orde do 10 de xullo de 2020 mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 5 de xullo de 2020, con efectos desde as 00.00 horas do 11 de xullo de 2020, coa única modificación consistente no levantamento parcial das restricións da mobilidade que se limitaron partindo de dous ámbitos diferentes: por un lado, o concello de Burela, por concentrar a maior incidencia do abrocho, e por outro, un cinto exterior a Burela, formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, ámbito cunhas condicións epidemiolóxicas similares, e diferentes das do resto do ámbito territorial, polo número de casos confirmados e de contactos estreitos deles. As restricións á mobilidade no resto dos concellos incluídos no ámbito territorial a que se estenden as medidas de prevención quedaron levantadas. As ditas restricións á mobilidade, así como o mantemento das restricións ás agrupacións de persoas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 66/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 15 de xullo de 2020.

En aplicación do mandato de seguimento e avaliación continua previsto no punto terceiro da Orde do 10 de xullo de 2020, en virtude da Orde do 15 de xullo de 2020 mantivéronse as medidas de prevención contidas naquela orde, con efectos desde as 00.00 horas do 16 de xullo de 2020, agás as relativas ás restricións á mobilidade, que se mantiveron só no concello de Burela, por concentrar a maior parte dos casos do abrocho. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 69/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 17 de xullo de 2020.

Posteriormente, en aplicación do mandato de seguimento e avaliación continua previsto no punto terceiro da Orde do 15 de xullo de 2020, mediante a Orde do 22 de xullo de 2020 mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do 23 de xullo de 2020, as medidas de prevención existentes en todos os concellos da Mariña, agás as relativas ás restricións á mobilidade en Burela, que foron levantadas. Ademais, dada a evolución positiva da situación, tamén se modificou a restrición establecida respecto do horario de apertura da hostalaría e restauración, que se aumentou nunha hora. Así mesmo, modificáronse determinados números do anexo da Orde do 5 de xullo de 2020, relativos ao uso de máscaras, para adaptalos ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo do 27 de xullo de 2020.

Novamente, na Orde do 22 de xullo de 2020, concretamente no seu punto cuarto, previuse que as medidas serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. En aplicación da dita previsión, mediante a Orde do 29 de xullo de 2020 mantivéronse, como medidas de prevención específicas aplicables nos concellos da Mariña, as relativas ás restricións ás agrupacións de persoas, ao lecer nocturno e ás festas, verbenas e outros eventos populares, así como ás atraccións de feiras, e levantáronse as demais medidas de prevención específicas adoptadas con anterioridade, de xeito que, agás aquelas medidas específicas, rexerían as medidas de prevención xerais de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, singularmente as contidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, antes citado.

Conforme o punto quinto da Orde do 29 de xullo de 2020, a dita orde tivo efectos desde as 00.00 horas do 30 de xullo de 2020. Non obstante, as medidas recollidas nela deberían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

En aplicación do disposto no dito punto quinto, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria. Neste sentido, do informe emitido para tal fin dedúcese a boa evolución do abrocho e que este xa está en fase de control, polo que poden levantarse as medidas específicas relacionadas coas festas, verbenas e outros eventos populares e ás atraccións de feiras, así como a relativa ás agrupacións de persoas, ben que deberá atenderse á recomendación xeral sobre reunións de grupos de persoas contida na letra e) do número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, conforme a cal nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene. Así mesmo, recoméndase limitar o número de asistentes aos mínimos posibles e que, en todo caso, non supere as 25 persoas.

En cambio, en relación co lecer nocturno, a volta á actividade debe ser gradual e progresiva, dado o maior risco que supón para a transmisión do COVID-19, polo que é necesario, en consecuencia, manter medidas específicas neste eido, en concreto no que atinxe á capacidade máxima no interior dos locais, rexendo, en todo o demais, as medidas de prevención xerais de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, singularmente as contidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 antes citado.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 29 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é establecer determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Segundo. Medida de prevención específica en materia de lecer nocturno

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, establécese como medida de prevención específica que os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno poderán levar a cabo a súa actividade sen superar o cincuenta por cento da súa capacidade. Entenderanse por establecementos de lecer nocturno, para estes efectos, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán a súa capacidade, para consumo sentado en mesa, ata o setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou no que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez. Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

En todo o demais será de aplicación o disposto no número 3.34 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

2. O incumprimento do disposto no número anterior poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

Terceiro. Outras medidas

En todo o non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación, no ámbito territorial previsto no punto primeiro, as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención ás autoridades competentes.

Quinto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 6 de agosto de 2020. A partir dese momento quedarán sen efecto as medidas previstas na Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se demora o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e na Orde do 29 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

As medidas recollidas na presente orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade