DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 21 de outubro de 2024 Páx. 55659

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207B).

A Conferencia Sectorial de Cultura, celebrada entre os días 16 a 19 de xullo de 2024, aprobou a proposta da Comisión Sectorial de Asuntos Cultrais relativa aos criterios de repartición entre as comunidades autónomas, Ceuta e Melilla do crédito das axudas para laboratorios e incubadoras de creación, así como para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais.

Esta medida complementa as actuacións para o impulso ao sector audiovisual «España, Hub audiovisual de Europa», como un dos eixes da axenda España Dixital 2025 cuxo obxectivo é alentar a produción audiovisual, a atracción de investimento e a actividade económica, e o reforzo das empresas e profesionais do sector mellorando a súa competitividade.

Por esta razón, considérase relevante estimular e dinamizar a actividade nos distintos territorios contribuíndo ao financiamento de actuacións de fomento que desenvolvan as administracións autonómicas nos ámbitos do desenvolvemento de proxectos audiovisuais e no ámbito da capacitación profesional e empresarial nos primeiros elos da cadea de valor do sector para adaptarse aos novos procesos creativos, aos desenvolvementos do mercado e á transformación dixital, de forma que se reteña o talento e se promova a competitividade.

A Conferencia Sectorial aproba unha dotación de 6.000.000 de euros para dúas liñas para o impulso do sector audiovisual, destinadas, por unha banda, ao desenvolvemento de proxectos ou de conxunto de proxectos audiovisuales ou cinematográficos e, pola outra, a laboratorios e incubadoras e/ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Ao tempo, a Conferencia Sectorial acorda os criterios obxectivos para determinar a distribución territorial destes fondos entre todas as comunidades autónomas. En aplicación destes criterios, a Galicia correspóndelle un total de 320.986 euros, que, obrigatoriamente deben destinarse a financiar algunha das liñas anteriormente descritas.

Estas liñas deberán convocarse e adxudicarse no ano 2024 e a súa execución rematará o 1 de decembro de 2025 coa presentación da memoria xustificativa final.

Esta circunstancia permite incrementar o financiamento da liña de axudas publicada polo Agadic, o 1 de agosto de 2024 no Diario Oficial de Galicia número 148, ao abeiro da Resolución do 16 de xullo de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207B), xa que os seus obxectivos se adaptan perfectamente aos criterios, ás condicións e ás finalidades que persegue o aprobado na Conferencia Sectorial de Cultura.

Este maior crédito posibilitará atender as demandas do sector, ampliando o número de proxectos beneficiarios desta convocatoria e dinamizando o audiovisual galego.

Polo exposto, proponse a modificación do crédito total destinado á convocatoria da liña de axudas, da fonte de financiamento, así como unha nova redistribución das anualidades, reflectida no cadro de financiamento, para o que se ten en conta tanto a achega do ICAA como as solicitudes recibidas á convocatoria. Cómpre tamén realizar unha modificación para a inclusión de novas obrigas ás persoas que resulten beneficiarias no que respecta á publicidade e á difusión das actuacións que se vaian efectuar con cargo á axuda concedida.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas.

Resolvo:

Artigo 1. Modificar o artigo 4 nos puntos 1 e 2, que quedan redactados como seguen:

«Artigo 4. Financiamento.

O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 440.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10. A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este crédito global será financiado cos fondos finalistas do Estado por un importe de 320.000 euros para as anualidades 2024 e 2025 (código de proxecto 2024 00004) segundo o acordo da Conferencia Sectorial de Cultura e con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia por importe 120.000 euros (código de proxecto 2010 00005).

Esta convocatoria ten carácter plurianual e a distribución do financiamento por anualidades reflíctese no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Código do proxecto

Fonte de financiamento

Importe

10.A1.432B.770.0

2024

2010 00005

FCA

48.000,00 €

2024 00004

Fondos finalistas do Estado

40.000,00 €

2025

2010 00005

FCA

72.000,00 €

2024 00004

Fondos finalistas do Estado

280.000,00 €

TOTAL

440.000,00 €

Artigo 2. Modificar o artigo 20, punto 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.

4. Na futura documentación de cada proxecto individual (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante deberá figurar «coa subvención ao desenvolvemento da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, utilizando a imaxe gráfica corporativa, que se descargará das páxinas oficiais de ambos os dous organismos.

Ademais, as persoas beneficiarias deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou unha información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento destes pola Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuales. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención».

Disposición adicional única.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, contado a partir do día seguinte ao da súa publicicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais