DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 9 de outubro de 2024 Páx. 53858

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, pola que se publica a Resolución do 1 de outubro de 2024 pola que se aproban a relación de persoas admitidas e excluídas e a lista de espera para cubrir as estadías en prazas de establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2024.

No Diario Oficial de Galicia número 116, do 17 de xuño de 2024, publícase a Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

O número de estadías convocadas destínase a cubrir 1.235 prazas e a súa distribución por establecementos balnearios figura no anexo IV da convocatoria.

A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, segundo o disposto no artigo 16.1 da dita orde.

De conformidade co disposto no artigo 16.3, publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións e actos administrativos que afecten as persoas interesadas. Non obstante, e tendo en conta que a publicación destes actos pode lesionar dereitos e intereses lexítimos das persoas solicitantes, publicarase na páxina web da Consellería (https://politicasocial.xunta.gal) unha listaxe cos resultados da adxudicación e da lista de espera, consonte coa cautela establecida no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación da Resolución do 1 de outubro de 2024 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e a lista de espera para cubrir prazas nos balnearios e quendas para o ano 2024 da convocatoria.

Ao abeiro da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia as persoas interesadas poderán consultar a dita Resolución do 1 de outubro de 2024 cos resultados da adxudicación e da lista de espera na páxina web https://politicasocial.xunta.gal

Segundo. A adxudicación de prazas vacantes con posterioridade á resolución realizarase, se for caso, conforme o disposto no artigo 14 da orde de convocatoria.

Terceiro. A concesión da praza adxudicada queda condicionada á obriga por parte das persoas beneficiarias de confirmar por escrito a súa aceptación xunto co xustificante de pagamento da cantidade de 30 euros que, en concepto de reserva, se debe facer efectiva no balneario asignado no prazo indicado na resolución de concesión.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, quedaría sen efecto a resolución de adxudicación definitiva e entenderase que se renuncia a ela, polo que se perderá a condición de persoa beneficiaria e a praza incorporarase á lista de vacantes.

Cuarto. A Resolución do 1 de outubro de 2024 pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de dez días establecido no punto primeiro, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao prazo de dez días mencionado, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024

Antonio Acevedo Prado
Director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria