DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2024 Páx. 50681

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN848G).

BDNS (Identif.): 785078.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/785068-2)

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

Empresas e organismos de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que realicen proxectos de desenvolvemento experimental en colaboración.

As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes e consideraranse organismos de investigación ao abeiro desta resolución:

– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

– As universidades do sistema universitario galego.

– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.

– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.

Os organismos de investigación que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o financiamento, os custos e os ingresos respectivos. No caso en que non sexa posible distinguir ambas actividades, o organismo terá a consideración de empresa aos efectos destas axudas e as súas intensidades máximas.

As entidades beneficiarias deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Non estar vinculadas entre si.

b) Estar validamente constituídas no momento da presentación da solicitude.

c) Ter o domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde desenvolverán as actuacións subvencionadas.

d) Non concorrer nelas algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

e) No caso de empresas, non estar en crise nin suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. Deberán cumprir ademais os requisitos en materia de cumprimento de prazos de pagamento aos que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria VInnovate Galicia (código de procedemento IN848G), que articula o financiamento dos axentes galegos participantes na primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate. Así mesmo, mediante esta resolución, convócanse ditas axudas para o ano 2024, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse:

a) no caso de empresas, ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión. A estes efectos deberá entenderse por empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica dirixida ao mercado ou a unha venda de produtos ou servizos a un prezo dado.

b) No caso de organismos de investigación, de acordo co disposto no Marco sobre Axudas Estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2022/C 414/01), non se aplicará o establecido no artigo 107.1 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e, polo tanto, non terán a consideración de axudas de Estado:

• As axudas previstas nesta resolución que se lles concedan para actividades non económicas.

• As axudas que se concedan aos organismos que realicen case exclusivamente actividades non económicas, sempre que as súas actividades económicas sexan puramente accesorias, é dicir, que correspondan a unha actividade que estea relacionada directamente co seu funcionamento, ou sexa necesaria para este ou estea estreitamente vinculada o seu principal uso non económico, e teña un alcance limitado. Considerarase que isto é así cando as actividades económicas consumen exactamente os mesmos insumos (como material, equipamento, man de obra e capital fixo) que as actividades non económicas e a capacidade asignada cada ano a ditas actividades económicas non supera o 20 % da capacidade anual total da entidade de que se trate.

Terceiro. Importe

O importe total da convocatoria é de 1.000.000,00 euros, coa seguinte distribución:

Entidades
beneficiarias

Aplicación

2024

2025

2026

2027

Total

Grandes

empresas

09.A2.561A.770.0

(CP: 2023-00007)

13.000

190.000

190.000

128.000

521.000

Pemes

09.A2.561A.770.0

(CP: 2023-00007)

13.000

178.000

178.000

110.000

479.000

Total

26.000

368.000

368.000

238.000

1.000.000

A distribución de fondos entre as anualidades e entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sendo posible incluso a incorporación de novos conceptos de gasto, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria despois da declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación orzamentaria que proceda.

As axudas desta convocatoria serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, obxectivo político OP1 Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e a comunicación, na prioridade P1.A «Transición dixital e intelixente», obxectivo específico RSO 1.1 «Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas»; liña de actuación, 1.1.7 «Articulación de diferentes apoios para fomentar as sinerxías e complementariedades con axudas doutras administracións: nacional e europea» e subtipo de actuación 1.1.7.4 «Proxectos de I+D+i de cooperación internacional».

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comenzará o 20 de setembro e rematará o 30 de outubro, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.

Quinto. Actividades subvencionables

Será subvencionable a participación galega nos proxectos colaborativos interrexionais no marco da primeira convocatoria do mecanismo VInnovate. Esta participación só poderá incluír actividades de desenvolvemento experimental (TRL 6 e 7) e deberá desenvolverse en colaboración, é dicir, a participación galega dentro do proxecto interrexional sempre se articulará a través dun consorcio integrado como mínimo por dúas entidades das recollidas no artigo 4 relativo ás entidades beneficiarias (consorcio galego). Será preciso ademais que estas entidades sexan independentes entre si e unha delas sempre sexa unha peme.

As propostas deberán cumprir os requisitos recollidos no artigo 3 desta resolución.

Sexto. Intensidade das axudas e concorrencia

As axudas concederanse en forma de subvencións en réxime de concorrencia competitiva. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o orzamento subvencionable de cada entidade beneficiaria, e será conforme aos límites de intensidade previstos no artigo 25 do Regulamento UE nº 651/2014 (RGEC), de acordo coa seguinte táboa:

Categoría da participación galega no proxecto (aplícase de xeito individual a cada membro do consorcio galego)

Pequena empresa2

Mediana empresa2

Grande empresa2

Organismos de investigación sen actividade económica3 ou para o financiamento de actividades non económicas

Desenvolvemento experimental con colaboración entre empresas (unha delas unha peme)1

50 %

40 %

30 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración entre empresa/s (unha peme sempre como mínimo), e un ou varios organismos de investigación1

50 %

40 %

30 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s, unha delas debe ser peme, e un ou varios organismos de investigación, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación

60 %

50 %

40 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas, polo menos unha das cales debe ser peme, e que ningunha empresa corra por si soa con máis do 70 % dos custos subvencionables

60 %

50 %

40 %

60 %

1 Ao ser Galicia unha rexión asistida que cumpre as condicións do artigo 107, apartado 3, letra c), do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.

2 Na medida en que as actividades solicitadas polos organismos de investigación teñan natureza económica, seranlles de aplicación estas mesmas intensidades máximas ao ter a consideración de empresas.

Por outra banda, no caso de organismos de investigación que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, e non sexa posible distinguir entre ambos tipos de actividades, o organismo tamén terá a consideración de empresa aos efectos destas axudas e aplicaráselles as intensidades máxima da táboa.

3 Segundo as definicións contidas no anexo II desta resolución. Neste caso a axuda concedida non terá a consideración de axuda de Estado.

No caso de empresas, as axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos ou outros recursos para a mesma finalidade ou os mesmos custos procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

No caso de organismos de investigación aos que se lle conceda unha axuda ao abeiro desta convocatoria que non teña a consideración de axuda de Estado, esta será compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos sempre que conxuntamente non se supere o custo total e se respecten as regras de acumulación de axudas e as de incompatibilidade entre axudas públicas.

Sétimo. Outros datos

Poderán realizarse pagamentos anticipados e a conta e non será preciso a presentación de garantías.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación