DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 12 de setembro de 2024 Páx. 50389

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 6 de setembro de 2024 pola que se publica o incremento da dotación orzamentaria da Resolución do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434B).

No Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2024 publicouse a Resolución do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434B).

No artigo 4 da antedita resolución establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo seguinte importe:

– Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 1.678.283 euros na aplicación orzamentaria 13.20.313D.480.0, código de proxecto 2015 00180.

– Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 55.000 euros na aplicación orzamentaria 13.20.313D.480.1, código de proxecto 2015 00150.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 7.Un.h) da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, dispón que con independencia dos supostos previstos na alínea 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos incluídos na aplicación 13.20.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, e os incluídos na aplicación 13.20.313D.480.1, con destino ao pagamento das indemnizacións previstas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Na data actual, dado o volume de solicitudes recibidas e que se prevé recibir no prazo de presentación de solicitudes da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na alínea a) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o previsto no artigo 4.2 da Resolución do 20 de decembro de 2023.

O órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista no artigo 4 da Resolución do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434B).

2. O incremento da dotación das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, é de 700.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 38.06.313D.480.0, código de proxecto 2015 00180.

3. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade