DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 12 de setembro de 2024 Páx. 50399

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2024 pola que se redistribúe o crédito orzamentario recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Os programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (MOVES III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo están regulados polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e foron convocados en Galicia pola Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021, publicada no DOG núm. 149, do 5 de agosto.

A Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 pola que se convoca o Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (MOVES III) foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 207, do 27 de outubro); pola Resolución do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022); pola Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 201, do 21 de outubro); pola Resolución do 12 de xuño de 2023 (DOG núm. 116, do 20 de xuño); pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro); pola Resolución do 6 de xuño de 2024 (DOG núm. 115, do 14 de xuño); pola Resolución do 16 de xullo de 2024 (DOG núm. 142, do 23 de xullo) e pola Resolución do 18 de xullo de 2024 (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

En canto á posibilidade de redistribuír o orzamento no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, recóllese que na repartición o orzamento do Programa de incentivos 1 non poderá superar o 80 % do orzamento e o orzamento do Programa de incentivos 2 non poderá superar o 50 %. De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a redistribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento do MOVES III conforme o artigo 9 do citado Real decreto.

O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade de redistribuír o crédito pasados tres meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Redistribuír os fondos destinados ao MOVES III e modifica o número 2 do artigo 4 da Resolución do 26 de xullo de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos

29.943.207,45

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

13.945.723,26

Total

43.888.930,71

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse a evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Esta redistribución de producirse respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 ata que finalice a vixencia da convocatoria.

Finalizada a vixencia da convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidese destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma».

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia