DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 10 de setembro de 2024 Páx. 50060

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 24 de xullo de 2024 polo que se anuncia a convocatoria para a realización de probas selectivas para ingresar, por concurso-oposición, nunha praza do corpo auxiliar reservada para ser cuberta por unha persoa que acredite discapacidade intelectual, e polo que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

Primeira. Normas xerais

1.1. O obxecto da presente convocatoria é a selección dunha persoa que acredite discapacidade intelectual, nos termos que se indican nestas bases, para ingresar no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia e cubrir unha praza de uxier, grupo D, mediante acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

1.2. Normativa aplicable.

Ao presente proceso selectivo seranlle aplicables o Estatuto do persoal do Parlamento de Galicia, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para ser admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

2.1. Nacionalidade.

a) Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

b) Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membro da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, e sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

2.2. Idade.

Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade de xubilación forzosa legalmente vixente.

2.3. Capacidade funcional.

Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións derivadas do correspondente nomeamento.

2.4. Habilitación.

Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.

No supostos de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

2.5. Formación.

Estar en posesión, ou en condición de obter, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas interesadas con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación.

2.6. Discapacidade.

Copia compulsada do certificado de discapacidade, expedido polo órgano competente por razón da materia, que acredite que ten recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

Terceira. Solicitudes

3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que se xunta con esta convocatoria como anexo II ou descargable no seguinte enderezo electrónico: https://sede.parlamentodegalicia.gal/tramites/procedemento/seleccion

Xunto coa solicitude deberá achegar a seguinte documentación:

– Copia cotexada do certificado de discapacidade, expedido polos órganos competentes por razón da materia, que acredite que ten recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual e que o grao de discapacidade global recoñecido é igual ou superior ao trinta e tres por cento.

– De ser o caso, informe médico que acredite a necesidade de adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, expedido polo persoal facultativo do Servizo Público de Saúde.

– Copia do NIF en vigor.

As persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude, dirixida á Presidencia do Parlamento de Galicia, na sede electrónica do Parlamento de Galicia (https://sede.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes tamén se poderán presentar no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo, núm. 63, 15701 Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir nun sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar, así mesmo, a necesidade de contar con atención médica especializada durante a realización do exercicio. Neste suposto deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Para ese efecto, os órganos de selección poderán requirir un informe e, de ser o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

3.2. As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o primeiro exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción escollida. No caso de non seleccionar ningún idioma, asignaráselle o galego.

3.3. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.4. De acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, quen participe neste proceso selectivo está exento de aboar a taxa por inscrición na convocatoria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia do Parlamento de Galicia aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no seguinte enderezo electrónico: https://www.parlamentodegalicia.es/Institucion/ProcedementosSelectivos, coas causas das exclusións, se for o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou omitidas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a omisión.

Quen no prazo sinalado non repare a causa de exclusión será definitivamente excluído da participación no proceso selectivo.

4.3. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderanse implícitas nunha nova resolución da Presidencia, que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web do Parlamento de Galicia.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante ese órgano no prazo dun mes, ou ben poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste proceso.

Quinta. Tribunal

5.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia do Parlamento de Galicia conforme a normativa de aplicación. A resolución do nomeamento e a súa composición será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdan na interpretación e aplicación das normas contidas nas bases desta convocatoria, e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con algunha discapacidade que así o indicasen na solicitude poidan participar nas probas en igualdade de condicións que o resto das persoas participantes.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

Na sesión de constitución, a persoa que presida o tribunal deberá realizar e solicitarlles aos demais membros do tribunal que realicen, e de ser o caso tamén ás persoas asesoras previstas na base 5.7, unha declaración expresa de non estaren incursas en ningunha das circunstancias reflectidas no punto anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as persoas que compoñan o tribunal cando concorra nelas algunha das circunstancias referidas, nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5.3. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, das persoas que o compoñan, con presenza en todo caso da/do presidenta/e e da/do secretaria/o.

5.4. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no resto do ordenamento xurídico.

5.5. Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta, que se lerá ao principio da sesión seguinte e será autorizada coa sinatura da/do secretaria/o e co visto e prace da/do presidenta/e.

5.6. A persoa que presida o tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os medios axeitados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración da proba (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas opositoras ás cales corresponden os resultados obtidos.

5.7. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoas asesoras e especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas persoas deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Presidencia do Parlamento, por proposta do tribunal.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades adicionais gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes persoas aspirantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades adicionais que o soliciten na forma prevista na base 3.1, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

5.9. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número de persoas aprobadas superior ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aspirantes aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou de non acreditar os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan á persoa proposta.

5.10. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa do Parlamento, nos termos previstos nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015.

5.11. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes dirixiranse ao tribunal e presentaranse na sede electrónica do Parlamento de Galicia https://sede.parlamentodegalicia.gal ou no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo, núm. 63, 15701 Santiago de Compostela.

Sexta. Proceso selectivo

O sistema de selección será o de concurso-oposición.

6.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura publicado como anexo I destas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que estean publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, na data de publicación do nomeamento do tribunal no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total.

6.1.1. Primeiro exercicio (eliminatorio).

Consistirá na realización dun cuestionario tipo test de 25 preguntas, con 3 respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. Este exercicio constará de dúas partes:

a) Primeira parte: incluirá 10 preguntas da parte xeral do programa do anexo I.

b) Segunda parte: incluirá 15 preguntas sobre contidos prácticos do traballo que se realizará incluída na parte específica do programa do anexo I.

As respostas erróneas non penalizarán.

As persoas aspirantes disporán de 90 minutos para a realización deste exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 12 puntos.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes á realización do exercicio, publicaranse na páxina web do Parlamento o contido do exercicio e o modelo coas respostas correctas.

6.1.2. Segundo exercicio (eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con tres respostas alternativas das cales só unha delas será correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento do galego polas persoas aspirantes. O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua correspondentes ao nivel do Celga 2.

Os aspirantes contarán con 60 minutos para a realización deste exercicio.

Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a valoración de apto/a.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 2 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o primeiro exercicio, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio ou xunto coa solicitude inicial das persoas aspirantes.

6.1.3. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberá realizarse no prazo máximo de corenta (40) días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal.

Entre a realización dun exercicio e o seguinte deberá transcorrer un mínimo de cinco (5) días hábiles.

A convocatoria para a realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e anunciarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa, polo menos 48 horas antes da data e hora sinaladas para o seu inicio.

O día do exercicio as persoas aspirantes serán convocadas nun único chamamento, e será excluída da oposición quen non compareza. A orde de chamada das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro apelido comezando pola letra N, de conformidade coa Resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia, do 8 de abril de 2024, pola que se publica o resultado do sorteo efectuado respecto dos procesos selectivos que se realicen en 2024.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Presidencia en canto colaboradores e persoal de apoio.

Os exercicios distribuiranse no idioma, galego ou castelán, elixido polo aspirante, de conformidade co disposto no punto 3.2.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar proceder á súa exclusión.

Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.1.4. Cualificacións dos exercicios.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

As persoas participantes poden presentar, nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización de cada exercicio, as reclamacións que consideren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido. Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anula algunha das preguntas, substituiranse por orde polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

No prazo das vinte e catro horas seguintes á realización de cada exercicio tipo test publicaranse as respostas correctas no portal web corporativo.

As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na páxina web do Parlamento de Galicia.

A cualificación final da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios.

6.2. Fase de concurso.

6.2.1. Baremo de méritos.

Nesta fase do proceso só poderán participar as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición. A puntuación máxima que se pode conseguir será de 14 puntos, que se desagregan nos seguintes méritos e coa seguinte ponderación:

Méritos computables:

a) Méritos académicos e formación, ata un máximo de 2 puntos:

– Titulación (méritos académicos): valorarase estar en posesión de titulación superior á exixida en canto requisito de participación na presente convocatoria: 0,50 puntos.

Aplicarase a citada puntuación por unha soa titulación e só pola máis alta alcanzada.

– Por cada curso de formación ou perfeccionamento directamente relacionados coas funcións que haberá que desempeñar nesta praza homologados por calquera das administracións públicas, Parlamento de Galicia, universidades públicas, Escola Galega de Administración Pública (EGAP), escolas de formación das comunidades autónomas, do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP); deberán figurar o aproveitamento e o número de horas.

Por cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0.01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

b) Experiencia profesional (12 puntos).

– Por cada mes completo de servizos prestados no mesmo grupo ou categoría profesional en virtude dun nomeamento administrativo ou contrato laboral en calquera das asembleas lexislativas do territorio español, Congreso dos Deputados ou Senado: 0,50 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados no mesmo grupo ou categoría profesional en virtude dun nomeamento administrativo ou contrato laboral en calquera Administración pública de España: 0,25 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría ou grupo profesional, en virtude dun nomeamento administrativo ou contrato laboral, por conta e baixo a dependencia dunha Administración pública de España: 0,10 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría, por conta e baixo a dependencia doutras entidades públicas: 0,05 puntos/mes.

Só se valorará la experiencia profesional acreditada en virtude dun nomeamento administrativo ou contrato laboral, máis o informe de vida laboral en ambos os supostos. Non serán obxecto de valoración as relacións de colaboración social nin os certificados de desempeño de funcións.

6.2.2. O tribunal poderá requirir de oficio, ás persoas aspirantes ou a calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegurar a máxima obxectividade na adxudicación da puntuación nesta fase de concurso.

6.2.3. Realizada polo tribunal a baremación correspondente, publicaraa na páxina web con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas partes, así como a valoración total da fase de concurso.

Contra os resultados da baremación provisional, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar unha reclamación, ante o propio tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web.

Á vista das reclamacións presentadas ou apreciado de oficio polo órgano de selección algún erro material na baremación provisional asignada ás persoas aspirantes, o tribunal practicará as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas da fase de concurso, que serán publicadas na páxina web do Parlamento de Galicia.

6.2.4. Non será necesaria a acreditación documental do cumprimento dos seguintes méritos:

– A experiencia profesional en canto empregado público do Parlamento de Galicia.

– A formación recibida e impartida polo Parlamento de Galicia.

6.2.5. Para os efectos deste proceso, e sen prexuízo da súa validación e catalogación nun momento posterior, poderán deixarse sen validar e catalogar no expediente privado da persoa aspirante aqueles méritos que non teñan incidencia na puntuación que se asigne na fase de concurso por acadar a persoa aspirante, cos méritos xa validados e catalogados, a puntuación máxima na respectiva epígrafe do baremo.

Sétima. Listaxe de persoas aprobadas. Selección

7.1. Unha vez rematada a fase de concurso, publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia a resolución do tribunal coa relación das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición xunto coa puntuación total acadada, determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

7.2. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1º. Maior puntuación na fase de oposición.

2º. Maior puntuación na fase de concurso.

3º. Maior puntuación por cada epígrafe da fase de concurso pola súa orde.

4º. Maior idade da persoa aspirante.

5º. Orde alfabética, segundo o recollido na base 6.1.3, parágrafo cuarto.

6º. Por sorteo entre as persoas aspirantes.

7.3. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá á Mesa do Parlamento a aprobación do proceso selectivo e o ingreso da persoa que o superou no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte á data de publicación da resolución do tribunal no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para que as persoas aspirantes fagan as alegacións que xulguen oportunas.

7.4. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado co ingreso das persoas propostas no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa e notificaráselles ás persoas seleccionadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se produce a renuncia dalgunha das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, convocarase a seguinte persoa da listaxe por orde de puntuación para que ocupe o seu lugar. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos de persoas aspirantes na situación que se refire no parágrafo final da base oitava desta convocatoria.

Oitava. Presentación de documentos

A persoa seleccionada deberá presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte (20) días naturais desde que se faga público no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia de finalización do proceso selectivo, a seguinte documentación:

a) Para acreditar o nivel de estudos, fotocopia compulsada dalgún dos seguintes documentos:

– Grao en educación secundaria obrigatoria.

– Certificado de estudos primarios.

– Certificado de escolaridade.

– Libro de escolaridade.

– Historial académico.

– En ausencia do anterior, un certificado do centro educativo acreditativo de que a persoa estivo escolarizada durante os anos correspondentes á escolaridade obrigatoria.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso á mesma categoría profesional á cal se pertencía (anexo III).

No caso de nacionais doutros Estados, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Se dentro do prazo fixado, agás nos casos de forza maior, non se presenta a documentación, ou do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira do Parlamento de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puider incorrer por falsidade na solicitude inicial. Neste caso, seguirase o procedemento establecido no parágrafo final da base 7.4.

Novena. Nomeamento de persoal funcionario de carreira

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos no prazo sinalado, a Presidencia do Parlamento procederá ao nomeamento da persoa aspirante que superase o proceso selectivo como funcionaria de carreira, e publicarao no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas nomeadas deberan tomar posesión ante a/o presidenta/e do Parlamento e realizar o xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia, de obediencia ás leis e de exercer imparcialmente as súas funcións.

A falta de toma de posesión dentro do prazo, imputable á persoa interesada, producirá o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira neste proceso selectivo.

Décima. Lista de espera para substitucións

As persoas incluídas na listaxe definida na base 7.1 pero que non superen o proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de espera que se constituirá no Parlamento de Galicia para cubrir as necesidades eventuais de persoal que puideren xurdir, en condición de persoal funcionario interino vinculado ao mantemento das circunstancias polas que son nomeadas.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Xosé Antón Sarmiento Méndez
Letrado oficial maior

ANEXO I

Programa das probas selectivas

Parte xeral (primeira parte do exercicio):

Bloque 0. O Parlamento de Galicia, organización e funcionamento, segundo o Regulamento do Parlamento, o Estatuto de persoal e o Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia. Igualdade: título preliminar e disposicións xerais da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

– Parte específica (segunda parte do exercicio):

Bloque 1. Control de acceso, identificación, información, atención e recepción de persoal visitante.

Bloque 2. Recepción, distribución e entrega de paquetaría e documentación.

Bloque 3. Manexo de máquinas reprodutoras e outras análogas.

Bloque 4. Franqueo, depósito, entrega, recollida e distribución de correspondencia.

Bloque 5. Realización de recados oficiais fóra e dentro do centro de traballo.

Bloque 6. Información de anomalías ou incidencias no centro de traballo.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia cotexada do título oficial ou certificación académica de ter superados os estudos necesarios para a súa obtención.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación continuada

Acreditarase tal mérito mediante copia cotexada do certificado de asistencia con aproveitamento ao curso, en que deberán constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a mencionada actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto, deberá presentarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida nesta epígrafe.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das devanditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección reserva para si o dereito de poder exixir ao/á aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións, número de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

Non serán obxecto de valoración as relacións de colaboración social nin os certificados de desempeño de funcións.

c) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se presenten deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por un notario ou funcionario público acreditado para realizar tales funcións.

d) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español deberán achegarse coa súa tradución para o castelán ou galego, que deberá ser efectuada:

a) Por un tradutor xurado, debidamente autorizado ou rexistrado en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadá a persoa solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.