DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 10 de setembro de 2024 Páx. 50082

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 24 de xullo de 2024 polo que se convoca o proceso selectivo para ingresar en catro prazas do corpo auxiliar (grupo D), das cales unha está reservada á quenda de persoas con discapacidade, e se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

Primeira. Normas xerais

1.1. O obxecto da presente convocatoria é a selección de catro persoas para ingresar no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia e cubrir catro prazas de uxier, grupo D, mediante acceso libre, das cales unha (1) está reservada á quenda de persoas con discapacidade.

O sistema selectivo será o de oposición.

1.2. De conformidade co artigo 35.4 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, do total de prazas convocadas resérvase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento. A praza correspondente a esta cota que non se cubra incrementará as prazas de acceso libre. Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade superase os exercicios mais non obtivese praza, e a súa puntuación fose superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema. De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. No entanto, ao finalizar cada exercicio e ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superaron, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de sistema polo que participasen.

1.3. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base 2.6, optasen ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non o indicaren, entenderase que non optan por esta reserva. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

1.4. Ao proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG nº 248, do 26 de decembro de 2007) e supletoriamente a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. O nomeamento no marco do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia conferiralles ás persoas seleccionadas, para todos os efectos, o carácter de funcionarios de carreira do corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, desde a data da toma de posesión, sen prexuízo do establecido na base oitava.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

As persoas interesadas en participaren neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

2.1. Nacionalidade.

a) Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

b) Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membro da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estea separado de dereito, e sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes.

2.2. Idade.

Ter cumpridos os dezaseis anos e non exceder a idade de xubilación forzosa legalmente vixente.

2.3. Capacidade funcional.

Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións derivadas do correspondente nomeamento.

2.4. Habilitación.

Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

No suposto de nacionais doutros estados, non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

2.5. Formación.

Estar en posesión, ou en condición de obtelo, do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas interesadas con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación.

2.6. Discapacidade.

As persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento na data de publicación desta convocatoria.

2.7. Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen ao corpo de funcionarios obxecto desta convocatoria.

Terceira. Solicitudes

3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que acompaña esta convocatoria como anexo II ou descargable no seguinte enderezo electrónico: https://sede.parlamentodegalicia.gal/tramites/procedemento/seleccion

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia do NIF en vigor.

– Xustificante do aboamento das taxas de exame.

– De ser o caso, copia cotexada do certificado de discapacidade e ditame técnico facultativo que acredite que ten recoñecida oficialmente unha discapacidade e que o grao de discapacidade global recoñecido sexa igual ou superior ao 33 por cento.

As persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude, dirixida á Presidencia do Parlamento de Galicia, na sede electrónica do Parlamento de Galicia (https://sede.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes tamén se poderán presentar no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia na rúa do Hórreo, nº 63, 15701, Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

As persoas aspirantes con discapacidades poderán indicar na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación fose necesaria, todo conforme a Lei de emprego público de Galicia, e ao Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar, así mesmo, a necesidade de contar durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Para ese efecto, os órganos de selección poderán requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

3.2. As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, no punto de «Idioma do exame», se os exercicios, primeiro e segundo, deberán entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción escollida. No caso de non seleccionar ningún idioma, asignaráselle o galego.

3.3. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.4. O aboamento das taxas, por un importe de 26,99 euros, deberá acreditarase achegando coa solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES502080-0388-21-3110000502, e indicarase nela o concepto «Taxas selección CAP», e o nome, apelidos e DNI da persoa aspirante.

Non obstante, gozarán de exención ou bonificación do pagamento das taxas dos dereitos de exame as persoas aspirantes que se atopen nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

A xustificación das causas de exención ou bonificación deberá acreditarse do seguinte modo:

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar no que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola Oficina de Emprego na que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2º. Certificación do Servizo de Emprego Público Estatal na que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está percibindo a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a devolución da taxa aboada, as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Cuarta. Admisión de persoas aspirantes

4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia do Parlamento de Galicia aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución, que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no seguinte enderezo electrónico: https://www.parlamentodegalicia.es/institucion/procedementosselectivos, coas causas das exclusións, se for o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou omitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motiva a exclusión ou a omisión.

Quen, no prazo sinalado, non repare a causa de exclusión ou alegue a omisión será definitivamente excluído da participación no proceso selectivo.

4.3. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderanse implícitas nunha nova resolución da Presidencia, que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, pola que se aprobarán as listaxes definitivas das persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web do Parlamento de Galicia.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante ese órgano no prazo dun mes, ou ben poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste proceso.

Quinta. Tribunal

5.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia do Parlamento de Galicia. A resolución do nomeamento e a súa composición será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdan na interpretación e na aplicación das normas contidas nas bases desta convocatoria, e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con discapacidade que así o indicasen na solicitude poidan participar nas probas en igualdade de condicións que o resto das persoas participantes.

5.2. O tribunal poderá asesorarse de persoas expertas en psicoloxía aplicada para a elaboración do cuestionario do primeiro exercicio da oposición, así como propor a incorporación aos seus traballos de persoas asesoras especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas persoas asesoras deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz, pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Presidencia do Parlamento, por proposta do tribunal.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Na sesión de constitución, a persoa que presida o tribunal deberá realizar e solicitarlles aos demais membros do tribunal que realicen e, de ser o caso, tamén ás persoas asesoras previstas na base 5.2, unha declaración expresa de non atoparse incursas en ningunha das circunstancias reflectidas no punto anterior.

5.4. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, das persoas que o compoñan, con presenza en todo caso da/do presidenta/e e da/do secretaria/o.

5.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no resto do ordenamento xurídico.

Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que se lerá ao principio da sesión seguinte e será autorizada coa sinatura da/do secretaria/o e co visto e prace da/do presidenta/e.

5.6. A persoa que presida o tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os medios axeitados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que teñan exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración da proba (a determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, a fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas opositoras ás que corresponden os resultados obtidos.

5.7. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aspirantes aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de producirse a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou de non acreditar os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan á persoa proposta.

5.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa do Parlamento nos termos previstos nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015.

As comunicacións que formulen as persoas aspirantes dirixiranse ao tribunal e presentaranse na sede electrónica do Parlamento de Galicia https://sede.parlamentodegalicia.gal ou no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo, nº 63, 15701, Santiago de Compostela.

Sexta. Proceso selectivo

O sistema de selección será o de oposición. O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura publicado como anexo I destas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que estean publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, na data de publicación do nomeamento do tribunal no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total.

6.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación de tres exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios, salvo as excepcións recollidas no punto 6.1.3, referidas ao terceiro exercicio.

6.1.1. Primeiro exercicio: consistirá nunha proba psicotécnica que permita avaliar de maneira obxectiva as capacidades dos aspirantes referidas ao razoamento en xeral, á memoria visual e a aspectos máis específicos, entre outros, a aptitude espacial, a aptitude numérica e a aptitude verbal.

Con anterioridade á data de realización deste, o tribunal publicará na web do Parlamento de Galicia unha nota coas instrucións relativas ao desenvolvemento deste primeiro exercicio.

O tempo máximo «efectivo» de realización do conxunto das probas que compoñen este exercicio será de 90 minutos, tempo que, en todo caso, o tribunal fará público antes do día da realización do exercicio.

Este exercicio, que terá carácter eliminatorio, cualificarase como «apto/a» ou «non apto/a» e para superalo será necesario obter o resultado de «apto/a». Na corrección da proba obterase unha puntuación en cada aspecto valorado: a aptitude espacial, a aptitude numérica, a aptitude verbal, a memoria visual e aqueles outros que o tribunal tivese determinado e informado previamente da súa realización.

A persoa avaliada terá que ter en todos os aspectos valorados unha puntuación «media» ou superior á «media», para poder ter a cualificación final de «apto/a».

6.1.2. Segundo exercicio: só para aqueles aspirantes que superen o primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 80 preguntas referidas aos contidos do temario que se inclúe como anexo I da convocatoria, con catro respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta. No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das oitenta primeiras.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 120 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 48 puntos, para aprobalo será necesario obter un mínimo de 24 puntos e terá carácter eliminatorio.

Cada resposta incorrecta descontará un terzo do valor dunha pregunta correcta. Non se valorarán as respostas en branco nin as nulas (con máis dunha resposta marcada). As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

6.1.3. Terceiro exercicio: só para aqueles aspirantes que superen os dous anteriores exercicios. Consistirá na contestación por escrito a un cuestionario de 30 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega. O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga 3.

O exercicio terá unha duración de 60 minutos.

Este exercicio valorarase como «apto/a» ou «non apto/a» e para superalo será necesario obter o resultado de «apto/a». Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a valoración de «apto».

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, antes do remate do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúan o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen os dous primeiros exercicios no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia no prazo máximo de tres días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación das cualificacións do segundo exercicio.

Coa convocatoria para a realización deste exercicio publicarase unha listaxe das persoas que están obrigadas a facelo. A non aceptación da solicitude de exención entenderase implícita na inclusión nesta listaxe e a súa publicación servirá de notificación a quen teña solicitada a exención.

6.2. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberá realizarse no prazo máximo de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal.

Entre a realización dun exercicio e o seguinte deberá transcorrer un mínimo de cinco días hábiles.

A convocatoria para a realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e anunciarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa, polo menos 48 horas antes da data e hora sinalada para o seu inicio.

O día do exercicio as persoas aspirantes serán convocadas nun único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza. A orde de chamada das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro apelido, comezando pola letra «N», de conformidade coa Resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 8 de abril de 2024, pola que se publica o resultado do sorteo efectuado respecto dos procesos selectivos que se realicen no ano 2024.

As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos do NIF ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os/as membros do tribunal e as persoas colaboradoras designadas pola Presidencia, se for o caso.

Os exercicios distribuiranse no idioma, galego ou castelán, elixido polo aspirante de conformidade co disposto no punto 3.2.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar proceder á súa exclusión.

As persoas aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. Esta comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Cualificacións dos exercicios.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

As persoas participantes poden presentar, nos tres días hábiles seguintes á realización de cada exercicio, as reclamacións que consideren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido. Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anula algunha das preguntas, substituiranse por orde polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

No prazo das vinte e catro horas seguintes á realización de cada exercicio tipo test publicaranse as respostas correctas no portal web corporativo.

As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na páxina web do Parlamento de Galicia.

A cualificación final da oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aspirantes seleccionados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Sétima. Listaxe de persoas aprobadas. Selección

7.1. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a resolución do tribunal coa relación das persoas aspirantes que superaron os dous primeiros exercicios e acadaron o resultado de apto no terceiro, coa puntuación total obtida, publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia.

7.2. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase aos seguintes criterios ata que se resolva:

1º. Maior puntuación obtida no segundo exercicio.

2º. Maior número de respostas correctas no primeiro exercicio.

3º. Maior idade da persoa aspirante.

4º. A orde alfabética segundo o recollido na base 6.2, parágrafo cuarto.

5º. Por sorteo entre as persoas implicadas.

7.3. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá á Mesa do Parlamento a aprobación do proceso selectivo e o ingreso das persoas que o superaron no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira.

Concederase un prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia da resolución do tribunal, para que as persoas aspirantes fagan as alegacións que xulguen oportunas.

7.4. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado co ingreso das persoas propostas no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa e notificaráselles ás persoas seleccionadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se produce a renuncia dalgunha das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, convocarase a seguinte persoa da listaxe por orde de puntuación para que ocupe o seu lugar. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos de persoas aspirantes na situación que se refire no parágrafo final da base oitava desta convocatoria.

Oitava. Presentación de documentos

As persoas seleccionadas deberán presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia de finalización do proceso selectivo, a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base 2.3 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a nin despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado/a ou inhabilitado/a, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

As persoas que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados pola Presidencia, non presenten a documentación ou que, despois de examinala, se deduza que non cumpren algún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorren por falsidade na solicitude inicial. Neste caso, seguirase o procedemento establecido no parágrafo final da base 7.4.

Novena. Nomeamento de persoal funcionario de carreira

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas seleccionadas serán nomeadas por resolución da Presidencia funcionario ou funcionaria de carreira. Este nomeamento notificaráselles ás persoas interesadas e publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na web corporativa.

No prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas nomeadas deberan tomar posesión ante a/o presidenta/e do Parlamento e realizar o xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia, de obediencia ás leis e de exercer imparcialmente as súas funcións.

A falta de toma de posesión dentro do prazo, imputable á persoa interesada, producirá o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira neste proceso selectivo.

Décima. Lista de espera para substitucións

As persoas incluídas na listaxe definida na base 7.1 que non superen o proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de espera que se constituirá no Parlamento de Galicia para cubrir as necesidades eventuais de persoal que puideren xurdir, en condición de persoal funcionario interino vinculado ao mantemento das circunstancias polas que son nomeadas.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Xosé Antón Sarmiento Méndez
Letrado oficial maior

ANEXO I

Temario do corpo auxiliar do Parlamento de Galicia

1. A Constitución española de 1978: caracteres xerais. Os dereitos fundamentais e a súa protección.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: título preliminar e títulos I e V.

3. O Parlamento de Galicia. Composición e sistema electoral; Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia: título preliminar e títulos I, II e III.

4. O Regulamento do Parlamento de Galicia (I). Da sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. Do Estatuto dos deputados. Dos grupos parlamentarios.

5. O Regulamento do Parlamento de Galicia (II). Da organización do Parlamento de Galicia.

6. O Regulamento do Parlamento de Galicia (IV). As disposicións xerais de funcionamento do Parlamento de Galicia: Das sesións. Da orde do día. Dos debates.

7. O Regulamento do Parlamento de Galicia (IV). As disposicións xerais de funcionamento do Parlamento de Galicia: Das Votacións. Do cómputo de prazos e da presentación de documentos. Da disciplina parlamentaria.

8. O Regulamento do Parlamento de Galicia (VI). Do procedemento lexislativo: Da iniciativa lexislativa. Do procedemento lexislativo común.

9. O Regulamento do Parlamento de Galicia (VII). Da investidura, da moción de censura e da cuestión de confianza.

9. O Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (I). Clasificación do persoal da administración do Parlamento de Galicia e Rexistro de Persoal. Comezo e extinción da relación de servizo. Situacións administrativas.

10. O Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (II). Dereitos e deberes do persoal funcionario. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

11. O Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia. Organización da Administración do Parlamento. Réxime xurídico e administrativo.

12. A Unidade de Asistencia Xeral. Os postos de uxier do Parlamento de Galicia: funcións segundo o Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 20 de outubro de 2008 e o Estatuto de persoal. A carreira profesional no Parlamento de Galicia. Os símbolos de Galicia.

13. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia. Do presidente da Xunta. Dos membros da Xunta. Das relacións da Xunta co Parlamento.

14. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar e título II.

15. Atención e información ao cidadán. Transparencia e acceso á información pública. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar e título I, capítulos IV e V. A Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: título III.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file