DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 4 de setembro de 2024 Páx. 49449

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2024 pola que se convoca o Curso superior en protección de datos.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e de acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior en protección de datos, que se desenvolverá consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O Curso superior en protección de datos pretende afondar no coñecemento desta materia, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como desde unha perspectiva práctica, de xeito que poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Concienciar o alumnado na relevancia e importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais desde unha perspectiva normativa e práctica, dotándoo de coñecementos e boas prácticas para dar cumprimento aos principios e obrigas establecidas pola normativa vixente, respectar os dereitos das persoas interesadas polo tratamento dos seus datos persoais e xestionar adecuadamente posibles incidencias que poidan xurdir nas distintas fases do devandito tratamento.

• Abordar os principios básicos de seguridade e as medidas que cómpre implantar nos sistemas de información desde a perspectiva do risco e en base ao disposto no Regulamento xeral de protección de datos (RXPD) e no Esquema Nacional de Seguridade (ENS).

• Proporcionar ao alumnado unha visión global da protección de datos persoais, das funcións e responsabilidades correspondentes aos diferentes roles que interveñen no tratamento dos datos persoais e do papel que desenvolven as autoridades de control como a Axencia Española de Protección de Datos.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes contidos:

• Marco normativo. Principios da protección de datos e roles.

• Os dereitos da cidadanía respecto do tratamento dos seus datos persoais polas administracións públicas.

• As administracións públicas como responsables do tratamento. Regulación da relación co encargado do tratamento. Medidas de seguridade.

• Outras medidas de responsabilidade proactiva. Códigos tipo. Certificacións. Transferencias internacionais de datos. Vídeo vixilancia. Publicación de datos persoais e transparencia.

• A garantía dos dereitos dixitais na Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD). Especial referencia ao dereito ao esquecemento en procuras da internet fronte aos motores de busca e dereito á intimidade ante a utilización de sistemas de xeolocalización no ámbito laboral.

• As autoridades de supervisión. O Comité Europeo de Protección de Datos. O réxime sancionador no RXPD.

Terceira. Número de prazas

Setenta (70).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilado, da Administración local, das universidades do Sistema Universitario de Galicia e da Administración de xustiza.

Para o mellor aproveitamento do curso recoméndase que as persoas participantes conten con algún coñecemento previo da materia.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade e datas: o curso desenvolverase na modalidade mixta, con sesións presenciais, de telepresenza e de teleformación, desde o mércores 2 de outubro ata o martes 17 de decembro de 2024.

2. Duración: 115 horas lectivas, distribuídas da seguinte forma:

• 1 sesión presencial cunha duración de 3 horas.

• 13 sesións de telepresenza de 3 horas cada unha (39 horas en total).

• 72 horas de traballo de teleformación.

• 1 hora como máximo para o exame final en liña.

3. Lugar de desenvolvemento e acceso ás sesións:

• A sesión presencial corresponderase coa sesión inaugural do curso, que se desenvolverá o mércores 2 de outubro, das 16.30 ás 19.30 horas, no salón de actos da EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

• As sesións de telepresenza desenvolveranse, das 16.00 ás 19.00 horas, os días seguintes:

– 1ª sesión: martes 8 de outubro.

– 2ª sesión: xoves 10 de outubro.

– 3ª sesión: mércores 16 de outubro.

– 4ª sesión: mércores 23 de outubro.

– 5ª sesión: luns 28 de outubro.

– 6ª sesión: luns 4 de novembro.

– 7ª sesión: luns 11 de novembro.

– 8ª sesión: mércores 13 de novembro.

– 9ª sesión: luns 18 de novembro.

– 10ª sesión: mércores 20 de novembro.

– 11ª sesión: xoves 28 de novembro.

– 12ª sesión: martes 3 de decembro.

– 13ª sesión: mércores 11 de decembro.

• As sesións de telepresenza e as actividades de teleformación do curso desenvolveranse a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/), así como o exame final, que será en liña o martes 17 de decembro, en horario de tarde.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable á internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza o alumnado contará cun manual de usuario/a na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e se describen os compoñentes que o equipo necesita para o funcionamento básico da plataforma.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e os criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso superior en protección de datos.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 24 de setembro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 horas ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD. Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións do curso impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o estima oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, se é o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderá ser accesible unicamente para o profesorado e alumnado ao que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar perante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base cuarta desta convocatoria respecto das persoas destinatarias. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección; renuncia, asistencia e seguimento da actividade formativa

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 30 de setembro de 2024, ata as 12.00 horas.

A renuncia deberá achegarse por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas da EGAP que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia á sesión presencial e o seguimento das sesións de telepresenza da actividade formativa con puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia e seguimento nas actividades presenciais e telepresenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais e telepresenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia e/ou seguimento deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da falta de asistencia e/ou seguimento. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia e/ou seguimento superen o 50 % das horas lectivas presenciais e telepresenciais pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Seguimento das actividades de teleformación:

Cómpre ter feitas e superadas todas as actividades e tarefas propostas pola titoría na modalidade de teleformación para ter dereito a facer o exame final en liña.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas de teleformación pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

O alumnado deberá superar o exame final en liña para obter o certificado de aproveitamento.

Superado o exame final en liña expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas, sempre que a súa asistencia e seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da Amtega

1. A EGAP e a Amtega reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Amtega garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública