DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 22 de agosto de 2024 Páx. 47647

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de agosto de 2024 pola que se modifica a dotación orzamentaria da Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670B).

O día 2 de febreiro de 2024, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670B).

O artigo 25 da citada orde regula as aplicacións orzamentarias e os importes económicos previstos para o financiamento da axuda para creación de superficies forestais, e indica os casos en que a conselleira competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento da orde, cando o incremento derive ben dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou ben da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. Neste caso procede o incremento do orzamento da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

A dotación orzamentaria desta orde na aplicación 14.03.713B.770.0 é a seguinte:

a) Código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 1.379.520 euros (137.952 euros no ano 2024 e 1.241.568 euros no ano 2025). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios recollidos nesta orde, excepto entidades locais.

A dotación asignada no código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria das anualidades 2024 e 2025 para a concesión das mencionadas axudas.

Segundo o establecido na Orde do 25 de abril de 2024 pola que se regulan as actuacións orzamentarias e contables necesarias para a adaptación do orzamento á estrutura da Xunta de Galicia aprobada no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o novo código orzamentario da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal é o 45.

Por todo o anterior procede ampliar a dotación orzamentaria asignada con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 45.03.713B.770.0 por importe de 3.700.000,00 euros, nas seguintes anualidades:

– Ano 2024: 370.000,00 euros.

– Ano 2025: 3.330.000,00 euros.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da alínea a) do artigo 25.1 da Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670B)

A alínea a) do punto 1 do artigo 25 queda como segue:

a) Código de proxecto 45.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 5.079.520,00 euros (507.952,00 euros no ano 2024 e 4.571.568,00 euros no ano 2025). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios recollidos nesta orde, excepto entidades locais.

Resérvanse 900.000,00 € para solicitudes que se foresten nos terreos cuxa superficie estea ocupada na súa totalidade por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueira, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, en que a superficie ocupada pola especie dominante non supere o 60 % da superficie total ou superficies que, conforme as alíneas c), d), e), g), h), i) e j) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, poden plantarse con frondosas do anexo I da Lei 7/2012. No caso de que os ditos expedientes non cubran o dito importe, o remanente dedicarase ao resto de solicitudes.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

A modificación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural